Novec 1230
O produto Novec 1230 é un líquido desenvolvido por 3M, de aparencia similar á auga pero con dúas diferenzas fundamentais: non é un fluído condutor e non molla os obxectos sobre os que se verte. Estas características fano moi apropiado para combater incendios en situacións nas que o uso da auga podería resultar contraproducente, tal é o caso de bancos, museos, bibliotecas, hospitais e oficinas con equipos electrónicos.
A fórmula química do composto é C6F12O, abreviatura de CF3CF2C(O)CF(CF3)2. As súas moléculas non se atopan formando ións, o que explica a falta de condutividade do fluído (ao contrario cá auga, na que as moléculas están en forma de H3O+ e OH-). Asemade, a ausencia de átomos de hidróxeno evita que se formen pontes de hidróxeno entre as moléculas, o que implica que a calor de vaporización sexa de 88,0 KJ/Kg, 25 veces menor que a calor de vaporización da auga (xa que non é necesario empregar ningunha enerxía en romper as pontes de hidróxeno para pasar de estado líquido a gasoso, como acontece coa auga). Deste xeito, é posible desenvolver equipos nos que o produto se manipula coma líquido (máis sinxelo) pero se emprega como gas para extinguir o incendio.
A diferenza doutros gases inertes de extinción que o que fan é desprazar ao osíxeno, o Novec 1230 diminúe a enerxía térmica da chama, interrompendo así a reacción de combustión.
O Novec 1230 é unha alternativa ecolóxica aos axentes extintores químicos. Así, comparándoo co halon ten un potencial de efecto invernadoiro de 1 fronte a 6900 e un período de vida na atmosfera de 5 días fronte a 65 anos. Non produce ningún impacto na capa de ozono, non é corrosivo e é estable a temperatura ambiente.