Saltar ao contido

Nomen dubium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Nomina perplexa»)

Na nomenclatura taxonómica un nomen dubium (en latín "nome dubidoso", en plural nomina dubia) é un nome científico que é de aplicación dubidosa ou descoñecida.

En Bacterioloxía

[editar | editar a fonte]

Na nomenclatura bacteriolóxica, os nomina dubia poden ser colocados na lista dos nomes rexeitados pola Comisión Xudicial. O significado destes nomes é inseguro. Outras categorías de nomes que poden ser tratados da mesma maneira (regra 56a) son:[1]

  • nomes ambiguos, nomina ambigua (singular nomen ambiguum), que foron usados con máis dun significado
  • nomes que causan confusión, nomina confusa (singular nomen confusum), están baseados nun cultivo mixto
  • nomes perplexos, nomina perplexa (singular nomen perplexum), nomes moi similares que se confunden
  • nomes perigosos, nomina periculosa (singular nomen periculosum), nomes que poden causar accidentes que poñan en perigo as vidas ou a saúde ou con consecuencias económicas potenciais graves.

En Botánica

[editar | editar a fonte]

Na nomenclatura botánica o termo nomen dubium non ten status, aínda que se usa informalmente para nomes cuxa aplicación causou confusión. Porén, a este respecto, existe o sinónimo nomen ambiguum, que ten un uso máis frecuente. En botánica, pode propoñerse o rexeitamento destes nomes.

En zooloxía

[editar | editar a fonte]

Na nomenclatura zoolóxica nun caso de nomen dubium pode ser imposible de determinar se un espécime pertence a ese grupo ou non. Isto pode ocorrer se a serie tipo orixinal (é dicir o holotipo, isotipos, sintipos, e paratipos) se perdeu ou foi destruída. Os códigos zoolóxico e botánico permiten neste caso elixir un novo espécime tipo ou neotipo.

Un nome pode ser tamén considerado nomen dubium se o seu tipo que leva o nome é fragmentario ou carece de características de diagnóstico importantes. A miúdo este é o caso de especies coñecidas só como fósiles. Para preservar a estabilidade dos nomes, o Código Internacional de Nomenclatura Zoolóxica permite elixir un novo espécime (neotipo) para o nomen dubium.

75.5. Substitución dun tipo que leva o nome por un neotipo. Cando un autor considere que a identidade taxonómica dun taxón de grupo-especie nominal non poida ser determinado a partir do seu tipo que leva o nome existente (é dicir, o seu nome é un nomen dubium), e a estabilidade ou universalidade están, por tanto, ameazadas, o autor pode solicitar que a Comisión relegue baixo o seu poder plenario [Art. 81] o tipo que leva o nome existente e designe un neotipo. (Orixinal: 75.5. Replacement of unidentifiable name-bearing type by a neotype. When an author considers that the taxonomic identity of a nominal species-group taxon cannot be determined from its existing name-bearing type (i.e. its name is a nomen dubium), and stability or universality are threatened thereby, the author may request the Commission to set aside under its plenary power [Art. 81] the existing name-bearing type and designate a neotype.)[2]

Por exemplo, os réptiles arcosauros de tipo crocodilo da especie Parasuchus hislopi Lydekker, 1885 describíronse baseándose nun rostro (parte do fociño) premaxilar, pero isto hoxe xa non é dabondo para distinguir Parasuchus dos seus parentes próximos. Isto fai que o nome Parasuchus hislopi sexa un nomen dubium. O paleontólogo texano Sankar Chatterjee propuxo que se designe un novo espécime tipo, que sexa un esqueleto completo.[3] A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica considerou o caso e estivo de acordo coa proposta en 2003 de substituír o espécime tipo orixinal co neotipo proposto.[4]

  1. SP Lapage, PHA Sneath, EF Lessel, VBD Skerman, HPR Seeliger, and WA Clark, ed. (1992). International Code of Nomenclature of Bacteria: Bacteriological Code, 1990 Revision. ASM Press. 
  2. International Code of Zoological Nomenclature Arquivado 24 de maio de 2009 en Wayback Machine. (4th edition, 1999)
  3. Case 3165, Bulletin of Zoological Nomenclature 58:1 Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine., 30 March 2001.
  4. Opinion 2045, Bulletin of Zoological Nomenclature 60:2 Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine., 30 June 2003.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]