Saltar ao contido

Naveta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha naveta é unha construción prehistórica da illa de Menorca. A súa función era de sepulcro colectivo, e estaba construída con grandes pedras e técnica ciclópea, é dicir, colocadas en seco, sen cemento nin argamasa.

Naveta funeraria de Es Tudons, Menorca.
Naveta des Tudons ao amencer, Menorca.

As navetas funerarias pertencen aos inicios da Cultura talaiótica de Menorca, cara ao ano 1000 a.C., aínda que polas súas características morfolóxicas, moi similares aos dolmens da illa, foron consideradas frecuentemente moito máis antigas. Isto pódese deber a que, malia ser posteriores aos dolmens en mil anos, a longa perduración no uso destes, e as tradicións inamovibles propias dunha cultura insular, propiciaron que as navetas estean realmente inspiradas neles. Estas similitudes son especialmente patentes nas navetas máis antigas.

Do mesmo xeito que os dolmens de Menorca, as navetas máis arcaicas son practicamente circulares polo seu exterior, e a súa cámara sepulcral é rectangular, delimitada por grandes lousas planas dispostas verticalmente. O exterior dos dolmens é un túmulo de pedras que recobre a estrutura da cámara sepulcral. No caso das navetas, este túmulo realizouse con esmero, colocando as pedras de xeito que as súas paredes exteriores queden máis ou menos planas. En moitos casos, tamén recorren á disposición das ditas pedras en fileiras. Tamén teñen unha antecámara similar á dos dolmens e, o que é máis revelador, a separación entre as dúas cámaras vén marcada pola colocación dunha lousa plana vertical cunha abertura máis ou menos cadrada perforada nela, e con rebaixes para poder encaixar unha lousa de peche.

Lousa perforada de acceso á cámara sepulcral

As navetas máis evolucionadas perderon a forma circular ou ovalada das primeiras e tomaron forma de naves invertidas, o que lles deu o seu nome. A fachada da naveta corresponderíase coa popa da nave. Tamén se empezaron a construír cun segundo piso, ao que se ascendía por unha angosta "cheminea" desde a antecámara. A separación entre pisos, do mesmo xeito que o teito, faise por medio de grandes lousas planas dispostas de lado a lado. O mal estado de conservación de moitas delas fai que sexa imposible saber se todas tiñan dous pisos, ou se foi unha mellora construtiva. Finalmente, unha das máis modernas e mellor conservadas, a Naveta des Tudons, construíuse sen a lousa perforada, culminando así unha evolución construtiva que as separa dos dolmens.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]