Saltar ao contido

Loteria de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Loteria de Catalunya (Lotaría de Cataluña), coñecida ata 2007 como Loto Catalunya, é o ente responsable dos xogos de azar establecidos na comunidade autónoma de Cataluña e que está regulado pola Entidade Autónoma de Xogos e Apostas, dependente da Generalitat de Cataluña. Os ingresos da recadación destínanse ao financiamento de servizos sociais.

A lotaría de Cataluña comezou a funcionar baixo o nome Loto Catalunya o 27 de abril de 1987, coa posta á venda dun sistema de lotaría rápida baseado nun "resga e gaña" chamado Loto Ràpid. A primeira serie constaba de 30 millóns de boletos e aseguraba 1350 millóns de pesetas (aprox. 8,1 millóns de euros) en premios.[1] O 15 de outubro de 1987 saíu un novo sorteo chamado Lotto 6/49, realizado os mércores e os sábados.[2] Co paso do tempo Loto Catalunya lanzou outros sorteos como Trio (1988), Super 10 (1990), Loto Express (1993) ou Supertoc (1994).

En 2013 anunciouse o lanzamento dun sorteo extraordinario para o 31 de decembro, coñecido como La Grossa de Cap d'Any (O Gordo de fin de ano). O 70% do recadado destinarase a premios, mentres que o 30% restante irá a fins sociais. Chegouse mesmo a especular coa ampliación do sorteo a outras datas sinaladas como Sant Jordi (23 de abril), San Xoán (23 de xuño) ou a Diada (11 de setembro), pero finalmente descartouse.

A venda de lotaría catalá realízase a través dunha rede de máis de 2.000 establecementos autorizados que se encontran en máis de 400 municipios de toda a comunidade tales como estancos, quioscos ou bares. Os premios repartidos por Loteria de Catalunya non tributan no IRPF.

  • Loto Ràpid: sistema de lotaría rápida baseado nun "resga e gaña" que comezou a funcionar en 1987. Posúe múltiples sistemas de xogo e series que reparten premios de 1 a 50.000 euros segundo o tipo de xogo. Actualmente Lotaría de Catalunya cobre 14 sistemas de "resga e gaña", todos eles cunha mecánica, prezos e premios diferenciada.
  • Lotto 6/49: sistema de lotaría similar a outros presentes en España como a Bono Loto. O xogador debe seleccionar 6 números entre o 1 e o 49, cunha combinación gañadora de 6 números máis o complementario, e un reintegro que leva imprimido un número do 0 ao 9 asignado de forma aleatoria. Existe a posibilidade de realizar sorteos consecutivos. Dende o ano 2002 engadiuse o Jòquer, que asigna un número de 6 cifras por billete e se paga á parte. Os sorteos de ambos os dous realízanse o mércores e sábado de cada semana.
  • Trio: sistema de lotaría no que se deben escoller 3 números entre o 0 e o 9. O vencedor é un número de 3 cifras que, colocadas na orde de saída, definen os diferentes premios. Inclúe unha modalidade chamada Supertrio que permite gañar o triplo do premio se se paga o dobre. Existe a posibilidade de realizar sorteos consecutivos e celébranse todos os días. Pode haber tamén parte de premio por varias combinacións como o último número, o primeiro e último, os dous últimos ou os dous primeiros.
  • Super 10: sistema de lotaría no que o xogador escolle 10 números entre o 1 e o 68. a combinación gañadora está formada por 20 números que diferencian as categorías de premios. Tamén se pode xogar a Diana, un sistema no que, entre os números da combinación gañadora se realiza un segundo sorteo para escoller o número de Diana. Se se acerta, ademais do premio de Super 10 gáñase o correspondente a Diana. Celébrase todos os días.
  • Loto Express: lotaría expresa na que o xogador debe escoller entre 4 e 10 números dun total de 70. A combinación gañadora está formada por 20 números que definen as categorías de premios e tamén se establece o sistema Diana. O seguimento do sorteo faise mediante monitores específicos que están instalados en 800 puntos de venda e se o xogador non acerta ningún número gaña o importe xogado.
  • Supertoc: modalidade presente no bingo. O xogador adquire na sala de bingo un billete con 15 números diferentes comprendidos entre o 1 e o 90, e deberá conseguir completalo coa secuencia de números do sorteo antes que ningún outro participante.
  • La Grossa de Cap d'Any: sistema de lotaría pasiva que pretende emular o sorteo do Gordo de Nadal de Loterías y Apuestas del Estado. A súa primeira edición celebrouse o 31 de decembro de 2013, ofrecendo tres premios. Os décimos teñen un prezo de 5 euros e os gañadores do primeiro premio obteñen 20.000 euros por euro xogado.
  1. Primeiro día de venda da Loto Ràpid Arquivado 06 de novembro de 2013 en Wayback Machine. TV3.cat, video
  2. Presentación da Lotto 6/49 Arquivado 06 de novembro de 2013 en Wayback Machine. TV3.cat

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]