Historia de Porto Alegre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Historia urbana de Porto Alegre")
A cara sur da península onde desembocaba o Riacho e ficaba o Porto de Viamao (vista de 1852 desta parte de Porto Alegre aínda pouco poboada; a Igrexa Matriz no alto).

A historia urbana de Porto Alegre dá comezo coa concesión de sesmarías na ribeira oriental do Guaíba no extremo sur brasileiro, territorio de colonización en disputa entre españois e portugueses.

En concreto, en 1740 foron concedidas oficialmente a Jerónimo Ornellas as terras do Morro de Santana que xa ocupaba dende 1732 para a cría de gando. Incluían a península sobre o Guaíba ao norte da foz do regato Riacho (despois Diluvio) e onde había un ancoradoiro que, por seres a primeira poboación da zona a Capela Grande de Viamao (1732, 25 km ao leste), recibíu o nome de Porto de Viamao e dende 1740 Porto de Dornelles. Seica había unhas familias asentadas a carón, na ribeira da península (no 1747 foi elevada a curato a capela de San Francisco das Chagas arredor da que ficaba o asentamento).

Fundación[editar | editar a fonte]

En 1752 unha leva de 60 familias procedentes das Açores (300 persoas casadas, casais) foi asentada no lugar por mandato real (legalmente expropiación de media legua da concesión na ribeira para uso público). Por iso o nome cambiou a Porto dos Casais.

En 1763 a invasión española da capital homónima de Río Grande supuxo a súa mudanza a Viamao e gran parte dos portugueses fuxidos asentáronse no Porto dos Casais incrementando grandemente a súa poboación. Así en 1772 o poboado foi elevado a freguesía (fundación oficial) co nome de San Francisco do Porto dos Casais (1.500 habitantes). De seguida os colonos recibiron lotes individuais e na península do Guaíba foi deseñado o trazado dun núcleo urbano (141 Ha [1]).

Como consecuencia inmediata (aumento de poboación e importancia estratéxica do porto) trasladouse ao ano seguinte a capitalidade da provincia de Río Grande do Sur á nova poboación, que renomeouse Nosa Señora da Nai de Deus de Porto Alegre. Foron erixidos os edificios representativos (igrexa matriz e pazo de goberno) no punto máis alto da península, o chamado Morro ou Alto da Praia, onde dende 1753 estivera o cemiterio do Porto dos Casais (Alto da Praia), conformando así a praza central da futura cidade, a chamada Praza da Matriz. Tamén se fixeron unhas primitivas fortificacións con tres portóns pechando o lado de terra (1778).

A poboación creceu grazas ao novo status asemade co tráfico no porto. O primeiro en seres ocupado foi a vertente norte da península. Tamén apareceron pequenas industrias, estaleiros, mesmo unha rudimentaria Casa de Opera.

Século XIX[editar | editar a fonte]

Mapa de Porto Alegre aínda nas murallas.

En 1808 a cidade obtivo a categoría de vila e no 1822, trala independencia do Brasil, a de cidade. Nese tempo era xa o centro comercial máis importante da rexión pola importancia do seu porto nas rutas de navegación interior. O peirao, a alfándega e a praza homónima xurdiron na ribeira norte da península do Guaíba [2][3].

Porto Alegre dende o norte en 1852.

Durante a Guerra dos Farrapos (Revolución Farroupilha) a cidade protexeuse reforzando a muralla do século XVIII que foi derrubada tralo conflito para permitires a súa expansión (1845). Construíuse o edificio do Mercado Público no porto e a Ponte de Pedra sobor do regato Diluvio.

Na segunda metade do século a cidade creceu coma tal (de 12.000 habitantes en 1822 pasou a 44.000 en 1872; e a 72.000 en 1899[4], coa chegada de continxentes de inmigración europea, especialmente influente a alemá) e modernizouse en servizos e infraestruturas (augas, electricidade, tranvía, ferrocarril (1874), sanidade, educación, o Teatro de S.Pedro na Praza da Matriz [5][6]) mentres o goberno central comezou a investires na mellora do porto[7] con novos estaleiros.

Século XX[editar | editar a fonte]

Foi coa chegada do novo século cando o pulo á área portuaria resultou transformador para a fisonomía da urbe no seu bordo de ribeira [8]. Unha política de recheos gañou metros para grandes peiraos deixando o antigo fronte fluvial da cidade no interior [9]. Así a Praza da Alfándega ou a do Mercado (Praza XV de Novembro) a carón da cal foi erixido o edificio do concello (1901).

Apertura da Av. Borges de Medeiros cara ao sur (ao fondo o Guaíba) mediante o Viaducto Otávio Rocha.

En 1914 presentouse o Plan Xeral de Melloramentos (inspirado no París dos bulevares) que servíu de referencia para actuacións posteriores no centro histórico, algunhas aínda en proxecto hoxe en día e outras moitas esquecidas [10]. Nese plano aparecía o que dende antigo fora a Várzea e despois o Campo da Redençao (un amplo predio inmediatamente fora de murallas) convertido no parque homónimo que, despois da exposición conmemorativa do centenario da revolución de 1835, denominouse Parque Farroupilha, o central de Porto Alegre [11][12]. Para mellorar a comunicación entre o centro e os barrios do sur prevía a continuidade da Av. Borges de Medeiros dende a Praza XV mediante a obra emblemática na época do Viaducto Otávio Rocha [13].

Tamén naquel plano aparecía a recanalización do regato Diluvio para evitar inundacións. Especialmente catastrófica resultara a de 1941 o que fixo que en adiante a cidade se replantexara a postura con relación ao Guaíba, decidindo alonxarse das augas mediante a continuación dos recheos [14][15][16].

Na década dos corenta Porto Alegre experimentou un desenrolo industrial (zona norte) que impulsou a inmigración do rural do estado co resultado dun gran crecemento poboacional nos decenios seguintes (394.000 habitantes en 1950, 635.000 en 1960, e 885.000 en 1970) co xurdimento do fenómeno da favelización na periferia. O Plan Director de 1959 impulsou, segundo unha interpretación dos preceptos do Movemento Moderno, a edificación en altura cambiando drásticamente o perfil do centro da cidade [17].

O Plano Director de 1979-87 tentou reconducir o crecemento tecnocrático da época da ditadura cun discurso máis ambientalista pero sen acadar resultados evidentes. De todas as maneiras Porto Alegre tense sinalado nas dúas últimas décadas [cando?] pola súa xestión democrática con miras sociais (pioneira dos orzamentos participativos) sendo sede do Foro Social Mundial (2001-3).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Reconstrucción hipotética da primeira traza (perdida) de Porto Alegre por Alexandre J. Montanha en 1772; Tupi Caldas [1]
  2. Mapa de Porto Alegre, 1837: (66) Praza da Matriz coa igrexa e o pazo do goberno (72-3); Praza da Alfándega (47) e peirao do porto [2]
  3. Vista da vertente norte da cidade en 1845
  4. Mapa de Porto Alegre en 1888 cos arrabaldes (futuros barrios da cidade) [3]
  5. Vista da Praza da Matriz co Teatro S.Pedro en primeiro termo; ao fondo o Pazo de Goberno e a Igrexa Matriz [4]
  6. Plano en perspectiva de ollo de peixe do centro da cidade cos conxuntos principais en 1900: Praza da Matriz, Praza da Alfándega e Praza XV co Mercado e o Concello [5]
  7. Mapa de Porto Alegre en 1881 coa nova fronte portuaria (o Mercado á esquerda diante da futura Praza XV) [6]
  8. Páxina coa historia do porto no século XX ilustrada con planos e fotografías [7]
  9. Planta do centro da cidade histórica (entre a Praza da Matriz e a da Alfándega) coa indicación da liña de costa antiga e os recheos [8]
  10. Plano Xeral de Melloramentos de 1914, J. Moreira Maciel
  11. Mapa de Porto Alegre cos barrios arredor do Parque da Redençao (futuro Farroupilha), 1916 [9]
  12. Mapa de Porto Alegre, 1937
  13. Vista de época do Viaducto Otávio Rocha
  14. Mapa da fronte fluvial de Porto Alegre co avance dos recheos (data sobreimpresa equivocada, debe seres posterior) [10]
  15. Fotomontaxe coa historia dos recheos no bordo fluvial de Porto Alegre [11]
  16. Vista de paxaro da cidade contemporánea
  17. Vista aérea do Mercado e a Praza XV co Concello á dereita, 1965