Elemento regulador en trans
Un elemento regulador en trans ou elemento trans regulador (trans-regulatory element) é un xene que codifica unha molécula difusible (proteína ou ARN) que actúa sobre outro xene afastado e o regula.[1] Estes elementos dise que teñen unha actuación en trans ou que actúan en trans (trans-acting) ou que son trans reguladores ou elementos que actúan en trans, xa que actúan a través doutra molécula.
A molécula reguladora que producen estes xenes é un factor regulador en trans, factor trans regulador ou factor que actúa en trans (ás veces tamén se lles chama elementos, igual que aos xenes). Xeralmente son proteínas como factores de transcrición, xa sexa o factor de transcrición xeral ou os específicos de tecidos ou proteínas regulatorias de unión ao ADN. Tamén poden codificar ARNs pequenos regulatorios, como microARNs. Estes factores poden producirse a grande distancia do xene que regulan, mesmo noutro cromosoma. Pero aínda no caso en que un xene regulador en trans se encontre no mesmo cromosoma, sempre actúa por intermediación doutra molécula (proteína, ARN), polo que a súa actuación é intermolecular, a diferenza dos elementos cis reguladores que non codifican outras moléculas (actuación en cis) e xeralmente están próximos ao xene que regulan, funcionando como sitios de unión.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Watson, James D.; Caudy, Amy A, Myers, Richard M., Witkowski, Jan A. (2007). Recombinant DNA: Genes and Genomes - A Short Course. Cold Spring Harbor Press. pp. 57–58. ISBN 0-7167-2866-4.