El Faro Asturiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

El Faro Asturiano, foi un periódico informativo e político publicado en Oviedo ente 1856 e 1873. Definíase na súa cabeceira como Diario de intereses morales y materiales, de noticias y anuncios. Foi o periódico máis importante de Asturias no século XIX.

Características[editar | editar a fonte]

A primeira etapa comezou o 5 de maio de 1856, con periodicidade quincenal. Despois pasou a ser trisemanal, e o 1 de marzo de 1860 converteuse en xornal. Tiña un formato de 34 X 50 cm, con catro páxinas (a cuarta dedicada a anuncios comerciais) a cinco columnas.

Estaba editado polos irmáns Protasio (quen o dirixiu até 1868) e Gumersindo González Solís, que o substituíu no cargo. Procuraron que tivese as últimas novidades técnicas, e estaba á vangarda da prensa de España. Unha catalogación oficial da prensa de 1865 considerábao a cuarta publicación máis importante dos xornais españois de provincias.

Tiña tendencia conservadora e católica. Levou a cabo campañas para a mellora de estradas, escolas e a creación de industrias. Tamén participou en polémicas como a defensa da autenticidade do foro de Avilés, que en 1865 negara Aureliano Fernández-Guerra no seu discurso de ingreso na Real Academia Española. Tamén colaborou no periódico Ramón Álvarez-Valdés escribindo sobre a historia da guerra da independencia española en Asturias.

A revolución de 1868 trouxo a decadencia ao diario ao se separaren as tendencias políticas que convivían dentro del para fundar cada unha o so propio órgano de expresión. Os carlistas crearon o diario La Unidad e os demócratas amadeístas El Eco de Asturias, quedando El Faro como voceiro do liberalismo unionista.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cañada, S. (ed.) (1982): Gran Enciclopedia Asturiana. Xixón, tomo 6, pp. 217–219.