EEPROM
EEPROM (Electrically Erasable Programmable Read-Only Memory, en galego Memoria reprogramable de só lectura borrable electricamente), tamén escrito E2PROM, é un tipo de memoria regravable (reprogramable) de acceso aleatorio. As EEPROMs son memorias non volátiles, é dicir, manteñen a información almacenada se se lles retira a alimentación.
As EEPROM poden ser tanto gravadas coma borradas mediante impulsos eléctricos de tensión superior á usual. O borrado por impulsos é o que as diferencia das EPROMs, fronte ás cales isto representa unha vantaxe, xa que non é necesario retirar o chip da súa localización para efectuar esa operación. Pero o número de veces que unha EEPROM se pode borrar e reprogramar é limitado: os fabricantes estiman un límite máximo de decenas ou centos de miles. En cambio, o número de veces que a memoria se pode ler é practicamente ilimitado.
A tecnoloxía empregada nas EEPROMs, coma nas EPROMs, son os transistores MOS de porta flotante.
Historia
[editar | editar a fonte]As EEPROMs foron inventadas en 1978 por George Perlegos a partir dunha EPROM cando traballaba para a Intel no desenvolvemento do Intel 2816. Posteriormente, Perlegos e outros abandonaron Intel para formar Seeq Technology, e alí usaron multiplicadores de tensión para subministrar as altas voltaxes necesarias para programar estes dispositivos.
Usos
[editar | editar a fonte]As EEPROMs úsanse sobre todo para memorizar datos de configuración ou consignas de funcionamento que poden variar de forma dinámica durante o traballo do equipo. Un aspecto a ter en conta é a súa vida limitada cando é frecuentemente reprogramada.
Na actualidade, as EEPROMs están sendo substituídas por tecnoloxías máis avanzadas coma as FeRAM e as MRAM, ademais das memorias flash, que son un tipo avanzado de EEPROM.
Fabricantes de EEPROM
[editar | editar a fonte]- Atmel
- Hitachi
- Infineon
- Linear Technology
- Maxwell Technologies
- Microchip Technology
- Mitsubishi
- NXP Semiconductors
- ON Semiconductor
- Renesas Technology
- ROHM
- Samsung Electronics
- STMicroelectronics
- Seiko Instruments
- Winbond