DS Oster
O DS Oster é un barco de vapor noruegués construído en 1908 por Christianssands Mek. Værksted para Indre Nordhordlandske Dampskibsselskab. Realizaba a ruta entre o Osterfjorden e Bergen transportando pasaxeiros e carga. En 1963 Ragnvald Hammer escribiu o poema "Dar kjem dampen" en homenaxe ó navío, posteriormente Ivar Medaas compuxo a música.
Construción
[editar | editar a fonte]En 1906 o concello de Modalen pediu ó consello de administración da IND que construíse un novo barco de transporte que puidese facer fronte ó xeo que mantiña illada a rexión no inverno. Ó ano seguinte a IND tomou a decisión de construír o novo navío cun potente motor e un casco forte encargándollo á Christianssands Mek. Værksted en Kristiansand que comezou o traballo a comezos de 1908 e nese mesmo ano entregou a embarcación que recibiu o nome de Oster e tiña todas as características dun crebaxeos. O seu primeiro capitán foi Tobias Andersen Hordvik, nado en 1867, que tiña unha experiencia de 19 anos como capitán.
Ocupación alemá
[editar | editar a fonte]Despois da caída de Noruega na segunda guerra mundial en 1940 os alemáns confiscaron o navío dándolle o nome de Marder, realizando servizos de patrulla ata 1945.
MS Vaka
[editar | editar a fonte]O barco sufrira un gran desgaste durante a ocupación e precisou unha reforma antes de volver utilizarse como barco de pasaxeiros en 1956. En 1964 vendeuse e os novos prpietarios substituíron a caldeira de vapor por un motor de gasolina, recibiu o novo nome de MS Vaka, utilizándose para rutas en Sørlandet e Vestlandet.
Restauración
[editar | editar a fonte]Despois de trinta anos como MS Vaka mercouno a Nordhordland Veteranbåtlag en 1996 co obxectivo de restaurar o barco para deixalo como estaba na súa orixe cun motor de vapor de 1927. O barco primeiro recibiu o nome de Gamle Oster e desde 2000 volveu ó seu antigo nome, Oster.