Os cotobelos son os nós ou vultos que forman as articulacións dos dedos e dedas ao se dobraren.[1] Adoitan ser prominentes cando a man está pechada. A definición médica é a de formación das articulación metacarpofalánxicas e interfalánxicas de cada dedo.
Reciben tamén os nomes de cotomelos, cotelos, cotenos, nocellos, noelos e nortellos, pero algúns deles teñen diversas acepcións referidas a outras articulacións segundo do dicionario da RAG 2026, empezando polo propio cotobelo, que tamén pode significar cóbado.[1]
Cotelo[2] e noelo.[3] Vulto que forman as articulacións falánxicas dos dedos das mans ao se dobraren.
Coteno.[4] Vulto das articulacións falánxicas dos dedos. Persoa á que lle falta un dedo ou parte dun dedo.
Cotobelo,[1]cotomelo[5]. Vulto das articulacións falánxicas dos dedos. Cóbado.
Nocello,[6]nortello[7] e nartello.[8] Vulto das articulacións falánxicas dos dedos. Parte saínte do pulso. Parte saínte da articulación da perna co pé (tornecelo[9]).
O mecanismo físico que hai detrás do ruído que se sente ao triscar as articulacións, como ocorre nos cotobelos, foi dilucidado en 2015 por medio de cine MRI e era causado por tribonucleación cando se forma unha boubulla de gas no líquido sinovial que baña a articulación.[10] Malia esta evidencia, moitas persoas aínda cren que é causado porque o líquido sinovial enche o baleiro deixado polo desprazamento da articulación.[11][12] En 2009, Donald L Unger recibiu o premio Ig Nobel de Medicina[13] polo seu informal experimento sobre o triscado de cotobelos. Durante 50 anos, triscou os cotobelos dunha man sen triscar os da outra man durante todo ese tempo. Informou que non tivera ningún problema de artrite en ningunha das mans.[14]