Antonio Rodríguez Lesende
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1905 Vigo, España |
Morte | 2 de outubro de 1979 (73/74 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | cantante |
Xénero artístico | Música de tango (pt) |
Instrumento | Voz |
Antonio Rodríguez Lesende, alcumado Gallego, nado en Vigo en 1905 e finado en Buenos Aires o 2 de outubro de 1979, foi un cantante de tango galego-arxentino, que desenvolveu toda a súa carreira na Arxentina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado en Vigo en 1905, ao ano seguinte trasladouse coa súa familia á Arxentina, instalándose no barrio de Balvanera en Buenos Aires. Aos 15 anos xa destacaba no coro da asociación de coristas Orfeon e de aí pasou ao teatro Colón, onde aprendeu canto e teoría musical e destacou polas seus dotes vocais. Aos vinte anos xa cantaba tangos en Radio Splendid, acompañado pola orquestra de José Tinelli primeiro e Francisco Lomuto despois, e xa era admirado como estribillista. Máis adiante vencellouse a Radio El Mundo, onde cantou con todos os conxuntos típicos do elenco desa radio. En 1927 foi contratado pola discográfica Brünswick, na que xa estaban as orquestras de Edgardo Donato e Juan Polito, e a principios dos anos 30 cantaba coa orquestra de Antonio Bonavena.[1]
En 1935 formou un trío con Joaquín Mauricio Mora e Héctor Morel e ao mesmo tempo cantou acompañando ao trío de Ciriaco Ortiz, Juan Carlos Cobián e Cayetano Puglisi. Ese mesmo ano cantou na estrea do famoso tango "Nostalgias", de Enrique Cadícamo e Juan Carlos Cobián, durante a inauguración do local Charleston de Buenos Aires.[2][3][4]
Rodríguez Lesende retirouse do canto profesional por motivos descoñecidos, na plenitude da súa capacidade interpretativa nunha data que, segundo as versións, foi 1943 ou 1947. En 1953 volveu á actividade profesional durante un breve período coa orquestra dirixida por Atilio Stampone, Leopoldo Federico e Antonio Rodio, ao parecer convencido por Argentino Galván, membro e arranxador do grupo. Durante ese período gravou Tierrita, un tango de Agustín Bardi que interpretaba con solvencia.[1] Morreu en Buenos Aires o 2 de outubro de 1979.
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]Prestixiosos músicos como Antonio Bonavena, Julio de Caro, Juan Carlos Cobián, Osvaldo Fresedo, Pedro Laurenz, Pedro Maffia, Joaquín Mauricio Mora, Ciriaco Ortiz, Aníbal Troilo ou Carlos di Sarli considerárono o mellor cantante de tango de orquestra de todos os tempos.[1][5] Con todo, aceptou a esixencia dos seus directores de orquestra que na década de 1920 e parte dos anos 30 consideraban que o vocalista non debía distraer aos bailaríns coa súa voz, é dicir, que tiña que limitarse a cantar o retrouso. Por este motivo e porque non tiña repertorio de seu e porque, se cadra, carecía de entusiasmo, carisma ou personalidade, a súa transcendencia foi limitada, así como o número de gravacións que realizou. Con todo, a súa dicción clara, elegante e emocional e o seu acento, convertérono no cantante máis buscado polos directores ata 1940, cando xa non se limitaba sóa retrousos, senón que era cantor de letras completas.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Adet, Manuel (26 de abril de 2014). "Antonio Rodríguez Lesende" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2021. Consultado o 24 de setembro de 2021.
- ↑ Del Priore & Amuchástegui 1998, pp. 190-191.
- ↑ Romano 1990, pp. 272-273.
- ↑ García Jiménez 1981, pp. 251-254.
- ↑ 5,0 5,1 Astarita, Gaspar. "Biografía de Antonio Rodríguez Lesende" (en castelán). Consultado o 24 de setembro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Del Priore, Oscar; Amuchástegui, Irene (1998). Cien tangos fundamentales (en castelán). Aguilar. ISBN 950-511-379-X.
- Romano, Eduardo (1990). Las letras del tango. Antología cronológica 1900 – 1980 (en castelán). Fundación Ross. ISBN 950-9472-24-7.
- García Jiménez, Francisco (1981). Así nacieron los tangos (en castelán). Ediciones Corregidor.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mano Brava e Pensalo muchacho da orquestra Brunswick dirixida por Juan Polito e coa voz de Rodríguez Lesende.
- Tierrita, tango na voz de Rodríguez Lesende.
- Milonga del Centenario da orquestra de Carlos Di Sarli coa voz de Rodríguez Lesende.