Inés e Bianca
Inés e Bianca | |
---|---|
Retrato de Marcial del Adalid en La Ilustración Gallega y Asturiana | |
Forma | Ópera |
Actos e escenas | 4 actos |
Idioma orixinal do libreto | Italiano |
Libretista | Achille de Lauzières |
Estrea | 21 de abril de 2007 |
Lugar da estrea | A Coruña |
Música | |
Compositor | Marcial del Adalid |
Inés e Bianca é unha ópera en catro actos con música de Marcial del Adalid e libreto en italiano de Achille de Lauzières. Composta en 1878,[1] Inés e Bianca marca o inicio da terceira e última etapa compositiva do compositor coruñés.[2] É considerada a primeira grande ópera galega.
En 1981 a partitura foi redescuberta pola compositora, pianista, musicóloga e editora Margarita Viso Soto, no arquivo da Real Academia Galega. Vinte anos despois Viso Soto, xunto co compositor Juan Durán iniciaron o proceso de reconstrución da obra, que culminou en 2007 coa estrea dalgúns fragmentos en versión reducida de solistas e piano no paraninfo da Universidade da Coruña.
Historia[editar | editar a fonte]
Antecedentes[editar | editar a fonte]
Inés e Bianca foi composta en 1878, nunha época moi produtiva para Marcial del Adalid, aproximadamente catro anos despois do nacemento da súa única filla, María, a quen dedicou moitas das súas últimas obras.[3] Un ano antes da súa composición, en 1877, comezaron a publicarse os seus Cantares viejos y nuevos de Galicia,[4] unha serie de cancións que sería capital no desenvolvemento do xénero da melodía galega ao influenciar os novos compositores galegos que as tomaron como modelo.[5]
Composición[editar | editar a fonte]
Inés e Bianca está encadrada no último período da súa carreira, composta tan só tres anos antes do seu falecemento, e é unha das obras principais. Este último período, caracterizado polo emprego de elementos do folclore galego, é definido por Laura Touriñán Morandeira como "social-identitaria" ou "territorial-identitaria" en oposición ao termo "nacionalista", ao non existir ningún tipo de vinculación política de Marcial del Adalid nin un interese por construír unha identidade galega a través da música.[6]
As orixes da ópera remóntanse á composición por parte do compositor coruñés dunha zarzuela chamada Pedro Madruga con libreto de Fernando Fulgoso, escritor e membro do corpo de Arquivos e Bibliotecas e estudoso da historia, que quedou inacabada logo da morte de Fulgoso en 1873. Desta zarzuela só se conservan algúns fragmentos, e deles Adalid reutilizou canto menos parte da súa música para a ópera posterior. Ao non dispoñer de libretista, Adalid decidiu encargar un novo libreto a Achilles de Lauzières para escribir unha ópera.[7] Lauzières, quen coñecía ben o xénero,[a] debeu considerar que o traballo co compositor galego podería resultar en éxitos e popularidade.[9] En palabras de Felip Pedrell:[7]
“ | Como daquela no Teatro Real de Madrid non se cantaba en castelán, Adalid foise a París e encargou o libreto a Mr. Achilles de Lauzières o cal reformou a primitiva idea ao seu xeito e púxolle por título Inés e Bianca. | ” |
Estrea[editar | editar a fonte]
Estaba previsto que a ópera se estreara no Théâtre des Italiens de París en 1878, con todo, a estrea non se chegou celebrar, xa que a compañía dirixida por Leon Escudier atravesaba unha dura crise que acabou por desencadear na súa disolución.[10][11][12]
Esquecemento e recuperación da obra[editar | editar a fonte]
A partitura da ópera conservouse no arquivo da Real Academia Galega ata o ano 1981,[13] cando a compositora, pianista, musicóloga e editora Margarita Viso Soto, destacada estudosa da figura de Marcial del Adalid,[14] descubriu a obra,[15] da cal tan só se conservan algúns fragmentos esquecidos.[2][16]
En 2001, logo dun longo traballo de investigación e análise da ópera realizado por Margarita Viso Soto, a musicóloga e Juan Durán iniciaron o proceso de reconstrución da obra.[15] Ao compositor vigués correspondeulle a reconstrución dos catro fragmentos perdidos da partitura, entre eles o final da obra.[17]
A reconstrución de Inés e Bianca foi presentada o 10 de xaneiro de 2007 no Paranínfo da Universidade da Coruña coa participación da soprano Laura Alonso, o tenor Pablo Carballido e a pianista Irina Moriatova.[18] A súa estrea oficial tivo lugar o 21 de abril dese mesmo ano no mesmo escenario.[19]
Personaxes[editar | editar a fonte]
Personaxe | Tesitura |
---|---|
Bianca (Blanca de Camiña) | Soprano dramática |
Inés | Soprano lírica lixeira |
Pedro (Pedro Madruga) | Tenor lírico-spinto |
Alfonso (Afonso de Lanzós) | Barítono |
Vendedoras, campesiñas, mozas, monxes e soldados |
Características[editar | editar a fonte]
De acordo con Juan Durán, nesta partitura o compositor coruñés creou unha partitura dentro do modelo romántico da grande ópera cunha obra merecedora de situarse no repertorio á par das grandes óperas do seu tempo.[9] Polas súas características e a súa cronoloxía ten sido considerada a primeira grande ópera galega.[20][21]
Estruturalmente Inés e Bianca está dividida en catro actos simétricos que transcorren en interiores e en exteriores, situando á acción e á música "entre o lírico e o épico, cun grande equilibrio e orixinalidade".[9]
No que respecta ás voces, o compositor vigués cualifica os papeis solistas como "verdadeiramente ambiciosos no vocal, de soprano e tenor", mentres que os coros salientan pola súa gran presenza escénica. Acompañados dunha masa orquestral na que as fanfarras adoptan un papel protagonista co emprego de ata seis trompetas.[9]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ O libretista e xornalista italiano de orixe francés Achille de Lauzières foi o encargado de realizar a versión italiana da ópera de Giuseppe Verdi Don Carlos.[8]
- Referencias
- ↑ Espín Templado, María Pilar; de Vega Martínez, Pilar; Lagos Gismero, Manuel (2017). TEATRO LÍRICO ESPAÑOL. ÓPERA, DRAMA LÍRICO Y ZARZUELA GRANDE ENTRE 1868 Y 1925 (en castelán). UNED. ISBN 978-84-362-7235-2. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 Touriñán Morandeira 2012, p. 41.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 38-39.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 39.
- ↑ Carreira, Xoán M. (1998). "Melodía galega na Belle Époque. Un proxecto en marcha: do sentimentalismo ó realismo". Grial (138): 423–426.
- ↑ Touriñán Morandeira 2012, p. 40.
- ↑ 7,0 7,1 Viso Soto 2009, p. 124.
- ↑ Rescigno, Eduardo (2012). "Lauzières, Achille de". Vivaverdi: dalla A alla Z Giuseppe Verdi e la sua opera (en italiano). Milán: Bur Rizzoli. OCLC 815378493.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Durán Alonso 2009, p. 141.
- ↑ Théâtre Italien (Salle Ventadour). Programme de la saison 1876-1877. Direction, Léon Escudier. typ. Morris p. et f. 1876.
- ↑ "El piano romántico: Marcial del Adalid" (PDF) (en castelán). Fundación Juan March. 14 de decembro de 2005. p. 5.
- ↑ "Théâtre Italien. Paris (1801-1878)" (en francés). Biblioteca Nacional de Francia. Consultado o 4 de abril de 2021.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 139-140.
- ↑ "Viso Soto, Margarita Mónica". Asociación Galega de Compositores. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2020. Consultado o 1 de agosto de 2020.
- ↑ 15,0 15,1 Durán Alonso 2009, p. 140.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 139.
- ↑ Durán Alonso 2009, p. 142.
- ↑ Queipo Gutiérrez, Carolina (15 de xaneiro de 2007). "Presentación de la restauración de ‘Inés e Bianca’ de Adalid". mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2021.
- ↑ "Universidad". La Voz de Galicia (en castelán). p. 8. Arquivado dende o orixinal o 31-05-2020. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ Andrade Malde, Julio (13 de novembro de 2019). "La ópera de un compositor gallego". La Opinión (en castelán). Consultado o 27 de abril de 2020.
- ↑ Pérez Fernández 2009, p. 107.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Touriñán Morandeira, Laura (2012). El origen de la creación artístico-musical, socio-identitaria en Marcial del Adalid: la influencia intelectual femenina en su obra cantares viejos y nuevos de Galicia. I Seminario de Música y Género del Centro de Estudios de la Mujer de la Universidad de Salamanca (en castelán) (Universidade de Salamanca). p. 41. Consultado o 26 de abril de 2020.
- Pérez Fernández, Julián Jesús (coord.). (2009). A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid. I Xornadas de divulgación do patrimonio musical galego na Universidade da Coruña (Universidade da Coruña). ISBN 978-84-9749-367-3.
- de Lauziéres, Achille (2009). Inés e Bianca. Libreto (PDF) (en italiano). pp. 41–103.
- Pérez Fernández, Julián Jesús (2009). A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid: Historia, ficción e música (PDF). pp. 107–123.
- Viso Soto, Margarita (2009). Antecedentes de Inés e Bianca: Pedro Madruga (PDF). pp. 124–138.
- Durán Alonso, Juan (2009). A reconstrución de Inés e Bianca: Unha pequena odisea musical (PDF). pp. 139–142.
- Alonso Alberti, Paloma (2009). Música e palabra (PDF). pp. 143–148.
- Vlashi, Florian (2009). Cara ao océano (PDF). pp. 149–150.