Encoro da Fervenza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°59′18″N 9°00′40″O / 42.988365, -9.011198

Encoro da Fervenza
Localización administrativa
EstadoEspaña
Localización xeográfica
ContinenteEuropa
CuncaGalicia Costa
Características
Superficie1.250 hectáreas
Capacidade103 hm³
Outros datos
Comunidade autónomaGaliza
ProvinciaA Coruña
ConcellosDumbría, Mazaricos, Vimianzo, Zas
Tipo e usopantano artificial
central hidroeléctrica
Mapa

Localización do Encoro da Fervenza

O encoro da Fervenza é un pantano artificial creado en 1966 no río Xallas (o máis grande deste río), situado entre os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. A súa capacidade é de 103 hm³ e ocupa unha superficie de 1.250 hectáreas. A presa, cunha altura de 27 m e unha lonxitude de 127 metros, érguese sobre os lindes que separan os concellos de Dumbría e Mazaricos, toma o seu nome dun dos dous pequenos montes que forman a gorxa onde se asentan os seus cimentos: o Castelo da Fervenza (na parroquia de Olveira).

Historia[editar | editar a fonte]

Foi creado para abastecer unha central hidroeléctrica, operada na actualidade pola empresa Ferroatlántica.

A súa construción cambiou a vida dos habitantes desta comarca pois inundou grandes vales e extensas áreas de cultivo. Ademais o volume da auga embalsada variou o clima da zona lixeiramente, aumentando a humidade e formando grandes bancos de néboa con frecuencia. Baixo as súas augas ficou tamén o dolmen da Gándara de Baíñas, só visíbel cando o nivel das augas baixa considerablemente. O movemento das augas foi desgastando as pedras e a mámoa, que agora se conserva como residuo. Aínda se pode observar claramente a circunferencia da mámoa, que envolve esta chanta vertical puntiaguda. Ao seu carón están o resto de pedras que conformaban o dolmen rotas, unha delas pola metade.[1]

Entre o encoro e a desembocadura en forma de fervenza do Xallas pódense atopar tres presas hidroeléctricas máis: a da Ponte Olveira, Castrelo e a de Santa Uxía.

No ano 2007, os responsábeis da xestión do aproveitamento autorizaron o baleirado do encoro para a máxima produción de electricidade, xerando uns beneficios de 610.000 euros mais causando un gran desastre ecolóxico xa que provocou a morte de milleiros de peixes. Por ese motivo foron condenados os responsábeis cunha multa de pouco máis de 300.000 euros.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Anta na Gándara de Baíñas". Consultado o 2016-08-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]