Doutrina Parot
A doutrina Parot ou doutrina 197/2006 é o nome co que se coñece a xurisprudencia estabelecida a partir da sentenza do Tribunal Supremo de España do 28 de febreiro de 2006 (resolución a un recurso presentado polo membro de ETA Henri Parot), pola cal a redución de penas por beneficios penais (traballo, estudos...) aplícase respecto da pena total e non respecto ao máximo legal permitido de permanencia no cárcere que, segundo o xa derrogado Código Penal de 1973, é de 30 anos.[1] Dentro do Tribunal Supremo, un dos seus principais impulsores foi Julián Sánchez Melgar.[2]
Esta doutrina foi modificada en 2008 só parcialmente polo Tribunal Constitucional de España na coñecida como doutrina do dobre cómputo penal.[3] En 2013 a Gran Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) resolveu definitivamente nun recurso presentado por unha condenada de ETA que a aplicación da doutrina Parot con carácter retroactivo vulneraba os artigos 7 e 5.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos,[4][5] pola cal as reducións comezaron a ser aplicadas sobre o máximo tempo legal permitido de permanencia no cárcere, o que resultou na posta en liberdade inmediata de moitas persoas con penas que superaban amplamente os 30 anos.
Núcleo da doutrina Parot[editar | editar a fonte]
Con adaxo do recurso de casación presentado por Henri Parot, membro da organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA), contra o auto ditado pola sección primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional, a Sala do Penal do Tribunal Supremo considerou aplicable retroactivamente o principio que fixou no fundamento de dereito quinto, no que afectaba o cumprimento das condenas e o seu límite máximo, e que sinalaba:[6]
A forma de cumprimento da condena total, será do xeito seguinte: comezará pola orde da respectiva gravidade das penas impostas, aplicándoseos beneficios e redencións que procedan con respecto a cada unha das penas que se atope cumprindo. Unha vez extinguida a primeira, darase comezo ao cumprimento da seguinte, e así sucesivamente, até que se alcanzan as limitacións dispostas na regra segunda do art. 70 do Código penal de 1973. Chegados a este estadio, producirase a extinción de todas as penas comprendidas na condena total resultante.
Recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH)[editar | editar a fonte]
Primeira resolución do TEDH[editar | editar a fonte]
O 10 de xullo de 2012, a Sala Pequena do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou que a aplicación retroactiva da chamada «doutrina Parot» violaba os artigos 7 e 5.1 da Convención Europea de Dereitos Humanos «respecto da irretroactividade das leis penais desfavorables», polo que instou o goberno español a pór en liberdade a Inés del Río Prada, membro de ETA condenada a 2700 anos de cárcere por varios atentados terroristas e que, despois de 18 anos de cárcere, tiña que ser posta en liberdade o 3 de xullo de 2008 por obter os beneficios penais estabelecidos no Código Penal de 1973 (redención de penas de até 12 anos por traballo ou por estudos).
A resposta do Goberno español, presidido daquela por Mariano Rajoy, foi discrepar «severamente» da sentenza e anunciar o recurso perante a Gran Sala do Tribunal de Estrasburgo e que, en tanto se concreta, non se poría en liberdade á condenada porque existía risco de fuga «sen ningún xénero de dúbidas».[7][8]
Estimación do recurso contra a doutrina Parot pola Gran Sala do TEDH[editar | editar a fonte]
O recurso presentado por España foi resolto pola Gran Sala do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos composta por 17 maxistrados, o 21 de outubro de 2013, e determinou que a aplicación retroactiva da doutrina Parot vulneraba o artigo 5 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, e que o Tribunal Supremo aplicou de forma retroactiva xurisprudencia máis desfavorable ao reo, sendo que a Constitución española, no seu artigo 9, prohibe a retroactividade. Neste senso, o alto tribunal considerou «detención ilegal» a permanencia da penada, Inés del Río, na cadea.[9] O Tribunal Europeo lembrou que a súa sentenza sentaba xurisprudencia, tiña carácter vinculante e que o Estado español comprometeuse, como asinante do convenio do propio Tribunal, a acatar a sentenza e cumprila:[4][10]
O tribunal estima que a demandante non podía prever que o Tribunal Supremo modificaría a súa xurisprudencia en febreiro de 2006 nin que tal modificación lle sería aplicada e suporía aprazar en case nove anos a data da súa posta en liberdade, do 2 de xullo de 2008 ao 27 de xullo de 2017. Polo tanto, a demandante cumpriu unha pena de prisión superior á que tería que ter cumprido segundo o sistema xurídico español en vigor no momento da súa condena. Por conseguinte, corresponde ás autoridades españolas garantir a súa posta en liberdade no prazo máis breve posibleSentenza do Tribunal Europeo de Estrasburgo de 21 de outubro de 2013, Caso Del Río Prada versus España, proced. 42750/09.
Posta en liberdade de Inés del Río[editar | editar a fonte]
A Sala do Penal da Audiencia Nacional de España, composta por 17 maxistrados, ao día seguinte da sentenza do TEDH de 21 de outubro de 2013, resolveu por unanimidade a posta en liberdade inmediata da militante de ETA, Inés del Río, o que se cumpriu por Institucións Penais na mesma tarde do 22 de outubro, saíndo do cárcere de Teixeiro na provincia da Coruña.[11]
Excarceracións posteriores á derrogación[editar | editar a fonte]
Horas despois da liberación de Inés del Río, as autoridades xudiciais británicas pediron ás españolas explicacións respecto de como podía afectar a sentenza á causa do etarra Antonio Troitiño, detido en Reino Unido dende 2011. Os representantes da xustiza deron un prazo dunha semana para recibir a información e poder valorar. Mentres tanto, Troitiño quedou en liberdade condicional.[12]
Igualmente, a sentenza podería afectar a outros 55 membros de ETA condenados por terrorismo aos que tamén se lles aplicou a doutrina Parot, así como a seis membros do GRAPO, un dos GAL (aínda que algunhas fontes indican que este último caso era falso),[13][14] outro de Resistência Galega e quince presos comúns con delitos de especial gravidade.[15]
A mediados de xaneiro de 2014 xa foran postos en liberdade, sobre a base desta derrogación, un total de 63 membros de ETA e nove doutras organizacións, entre elas Josefa Rodríguez Porca do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.[16]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ «El Supremo decide acumular las penas de Parot, y saldría en 2020», 20 minutos, 20 de febreiro de 2006.
- ↑ "El magistrado del Tribunal Supremo Julián Sánchez Melgar, nuevo fiscal general del Estado". europapress.es. 24 de novembro de 2017. Consultado o 16 de decembro de 2017.
- ↑ «Dos doctrinas contradictorias», El País, 16 de maio de 2011
- ↑ 4,0 4,1 "El Tribunal de Estrasburgo tumba la ‘doctrina Parot’". El País. 21 de outubro de 2013. Consultado o 21 de outubro de 2013.
- ↑ "20 años a cuestas con un Código maldito". El País. 27 de outubro de 2013.
- ↑ Jueces para la Democracia. "Sentencia Nº: 197/2006 de la Sala de lo Penal del Tribunal Supremo" (PDF): 20.
- ↑ "Estrasburgo sentencia que la 'doctrina Parot' vulnera derechos humanos". El País. 11 de xullo de 2012.
- ↑ «El Tribunal de Estrasburgo condena a España por aplicar la doctrina Parot» Arquivado 19 de xuño de 2017 en Wayback Machine., EcoDiario, 10 de xullo de 2012
- ↑ Tribunal Europeo de Derechos Humanos (21 de outubro de 2013). "Case of Del Río Prada v. Spain" (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2013.
- ↑ Tribunal Europeo de Derechos Humanos (21 de outubro de 2013). "Nota de Prensa del Tribunal Europeo de Derechos Humanos. Demanda 42750/09" (PDF). Consultado o 21 de outubro de 2013.
- ↑ "La etarra Inés del Río ya está en la calle por orden de la Audiencia Nacional". El País. 22 de outubro de 2013. Consultado o 23 de outubro de 2013.
- ↑ "La justicia británica deja al etarra Antonio Troitiño en libertad condicional". El País. 22 de outubro de 2013. Consultado o 22 de outubro de 2013.
- ↑ "Madrid mintió a Europa sobre el último preso de los GAL, en tercer grado ya en 2002". Gara. 1 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2013. Consultado o 2 de novembro de 2013.
- ↑ "El último sarcasmo sobre la guerra sucia". Gara. 1 de novembro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2013. Consultado o 2 de noviembre de 2013.
- ↑ "Rosa Díez pide al Ejecutivo que evite una excarcelación masiva". Libertad Digital. 21 de outubro de 2013. Consultado o 23 de outubro de 2013.
- ↑ "Excarcelado otro etarra, el número 63, tras el fallo contra la 'doctrina Parot'". El Mundo. 14 de xaneiro de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2014.