Corpus Inscriptionum Latinarum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Miliario de Zadagós (Piñeira de Arcos, Sandiás), recollido no CIL.


O Corpus Inscriptionum Latinarum (CIL) é unha colección de inscricións antigas en latín. Utilízase como fonte de autoridade da documentación epigráfica relativa aos territorios comprendidos no Imperio Romano. O CIL, como é denominado correntemente, recolle as inscricións latinas até a caída do imperio de Roma, de calquera natureza (pública, sacra, funeraria, honoraria, rupestre, graffitis etc), e sobre calquera tipo de soporte epigráfico (os máis pedra e bronce), excepto aqueles redactados en papiro.

O CIL rexistra e cataloga todas as inscricións latinas do territorio enteiro do Imperio romano, ordenándoas xeograficamente e consonte unha numeración progresiva para cada volume publicado. O primeiro volume recolle e dá a luz as versións competentes de todos aqueles epígrafes que foran anteriormente publicados, e continúa a ser actualizado con novas edicións e a través de suplementos.

Historia[editar | editar a fonte]

Durante o Renacemento realizáronse as primeiras compilacións de inscricións antigas baixo o impulso dos Médici en Florencia e do papa Sisto IV en Roma. As primeiras recollas, como Inscriptiones antiquae totius orbis Romani, publicada en Heilderberg en 1603, procuraban reunir as versións definitivas de todas as inscricións latinas e gregas publicadas con anterioridade. No entanto, a ausencia de comprobacións das inscricións orixinals limita a validez deste corpus. En 1768 Scipion Maffei publicou en Lucca Artis criticae lapidariae quae exstant, que supuxo un esforzo considerábel de verificación para distinguir as inscricións falsas das verdadeiras. A amplitude do traballo de fusión e o control metódico destas obras e das súas actualizacións é tal que en 1815 a Academia de Berlín financiou parte do traballo, primeiro para a epigrafía grega, cun Corpus inscriptionum graecarum que comezou a aparecer en 1828, prolongado por Ulrich von Wilamowitz-Moellendorff coas Inscriptiones Graecae a partir de 1902.

No ano 1847 constitiuíuse o Corpus Inscriptionum Latinarum en Berlín con obxectivo de publicar unha colección organizada das inscricións latinas, que até aquela altura foran rexistradas de xeito disperso por centenares de eruditos durante ós séculos anteriores (e dos que moitos desapareceran no transcurso dos tempos). Á cabeza do comité constituído para a ocasión foi posto o historiador alemán Theodor Mommsen, que redactou varios volumes sobre Italia.

Boa parte do labor implicaba inspeccións a efectuar persoalmente polos epigrafistas nos lugares e nos monumentos coa intención de copiar os orixinais do xeito máis fiel posíbel. No caso daquelas inscricións rexistradas con anterioridade que fosen irrecuperábeis xa, os investigadores procuraron obter unha lectura apropiada confrontando as versións das publicadas nas obras dos epigrafistas precedentes que puideran ter visto o orixinal. En moitos casos houbo que contentarse con recoller unha única versión. O primeiro volume foi publicado no ano 1853. A lingua de edición é o latín.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

O CIL está hoxe en día constituído por 17 volumes con cerca de 70 seccións, que rexistran arredor de 180.000 inscricións. Trece volumes suplementarios conteñen epígrafes e índices especiais. Quince volumes foran xa publicados cando Mommnsen vivía aínda. O primeiro volume, con dúas seccións, conserva as inscricións máis antigas, até a época de Xulio César (República). Os volumes II a XV corresponden a divisións xeográficas, conforme os diferentes países onde foran atopadas as inscricións (así, o volume II dedícase a Hispania), e titúlanse do seguinte xeito:

  • Vol. I: Inscriptiones Latinae antiquissimae ad C. Caesaris mortem
  • Vol. II: Inscriptiones Hispaniae
  • Vol. III: Inscriptiones Asiae, Pannoniae, Illyrici, Moesiae, Macedoniae et Achaiae.
  • Vol. IV: Inscriptiones Pompeianae, Herculanenses, et al.
  • Vol. V: Inscriptiones Galliae Cisalpinae
  • Vol. VI: Inscriptiones Vrbis Romae
  • Vol. VII: Inscriptiones Britanniae
  • Vol. VIII: Inscriptiones Africae
  • Vol. IX: Inscriptiones Calabriae, Apuliae et al.
  • Vol. X: Inscriptiones Bruttiorum, Lucaniae et al.
  • Vol. XI: Inscriptiones Aemiliae, Etruriae et al
  • Vol. XII: Inscriptiones Galliae Narbonensis
  • Vol. XIII: Inscriptiones trium Galliarum et Germaniarum
  • Vol. XIV: Inscriptiones Latii veteris et Supplementum Ostiense
  • Vol. XV: Inscriptiones urbis Romae Latinae. Instrumentum domesticum

O volume XVI está dedicado integramente aos diplomas militares; o volume XVII está exclusivamente dedicado ás pedras miliarias; e está proxectado un volume XVIII, que ha conter os "Carmina Latina Epigraphica". Tamén se publicou en 2004, en latín, un Index Numerum: Ein Findbuch Zum Corpus Inscriptionum Latinarum.

Salvo os últimos fascículos (por exemplo a pars. VIII, do vol. VI, dedicado as inscricións urbanas), as descricións non inclúen fotografías das inscricións orixinais, senón unha transcrición que mostra as letras no seu formato orixinal, posición, e a súa interpretación por medio da reconstrución das abreviaturas (desenvolvemento) e das palabras que poden faltar (reintegración ou restitución), coas discusións sobre as edicións e os problemas que implican. Ás veces as inscricións son presentadas cun debuxo descritivo do soporte epigráfico completo. Os documentos están divididos por campos, segundo o territorio da comunidade administrativa antiga (colonia, municipio, cidade libre ou foederata etc), da cal se ofrece unha breve presentación no inicio de cada sección.

Actualizacións[editar | editar a fonte]

As descobertas de novas inscricións en latín provocan o problema da actualización dos volumes xa publicados. A Unión académica internacional, constituída posteriormente á primeira guerra mundial, decidiu en maio de 1922 que cada país se responsabilizase da actualización nos seus territorios. Esta actualización pódese realizar, opcionalmente, refacendo totalmente os volumes do CIL ou publicando documentos complementarios.

No entanto, este reparto xeográfico inicial dos promotores do CIL tende a delegarse por especialidades baseadas nas fronteiras políticas ou rexionais actuais. Así, por exemplo, os suplementos do volume XIII (as tres Galias e a Xermania) realizadas polos alemáns Finke, Nesselhauf e Libe, só atinxían a Alemaña actual e unha parte da Galia belga, mentres que o catálogo das Inscricións latinas das tres Galias de Pierre Wuilleumier (publicado en 1963) limitábase exclusivamente a Francia.[1],[2].

A Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (Academia de Ciencias de Berlín-Brandeburgo) continúa a actualización e publicación do CIL.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. de Laet Sigfried, compte rendu de lecture de « Inscriptions latines des Trois Gaules » de J. Pierre Wuilleumier, In : L'antiquité classique, Tome 33, fasc. 1, 1964, pp. 292-293 [1]
  2. Amable Audin, compte-rendu de l'ouvrage de Pierre Wuilleumier, « Inscriptions latines des Trois-Gaules », Revue belge de philologie et d'histoire, 1964, vol. 42, n° 1, pp. 135-136 [2]