Club Firrete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Club Firrete
Tipoclub deportivo
Deportepiragüismo
SedePontedeume
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]
Monumento en Pontedeume aos piragüistas do Eume

O Club Firrete é un club de piragüismo da vila de Pontedeume. O nome de Firrete fai referencia á andoriña de mar, de pescozo negro, coñecida de entre outros nomes como Carrán, Pirrín, e que só na ría de Ares recibe o nome de Firrete.

O club ten equipos masculinos e femininos en tódalas categorías e é, sen ningunha dúbida, o club deportivo eumés que máis éxitos acadou. En 1993 e como recoñecemento á súa traxectoria, o concello de Pontedeume dálle o nome do club a unha rúa e eríxelle á entrada da ponte do Eume un monumento conmemorativo.

Historia[editar | editar a fonte]

O nacemento do Club Firrete ten moito que ver coa Baixada do Eume, cuxa primeira edición se remonta ao ano 1967. En 1968, con motivo da celebración da segunda edición, unha embarcación K-2 que lle rompe a un dos equipos participantes, é abandonada nos baixos da Casa do Concello de Pontedeume. Un grupo de rapaces eumeses conseguen que o alcalde da vila lles ceda a K-2. A reparación lévana a cabo no baixo do local da OJE (actual Casa da Xuventude), e na primavera de 1969 xa están dando as primeiras paladas. Deste xeito nace o Club Breamo OJE, sendo o seu primeiro presidente Jesús Fornos Ríos. A 3ª Baixada do Eume celebrada ese ano xa conta con representación do club, que consegue financiar xa a 5ª edición. A partir dese momento pasa a organizar a Baixada. O nome de Club Breamo OJE mantense ata 1972, segundo os datos que constan na Federación Galega de Piragüismo.

En 1973, ao desligarse da OJE, pasa a chamarse Club Firrete continuando Jesús Fornos como presidente. Xa nese mesmo ano os piragüistas Gómez e Couce formaron parte da Selección Galega de Pista dese ano na K-4 Júnior do Campionato de España por Federacións, confirmando a gran progresión do piragüismo eumés neses primeiros anos de andaina.

O nome xa non sufrirá máis variacións agás as derivadas de patrocinios de empresas (tal é o caso do nome Autopistas del Atlántico-Firrete que tivo durante algúns anos) ou a ampliación do nome, que na actualidade é Club Náutico Firrete.

Onde si houbo moitos cambios foi na sede. Mesmo estivo durante algún tempo no veciño concello de Cabanas. Actualmente estase a construír unha nova sede no porto de Pontedeume.

Presidentes[editar | editar a fonte]

  • Jesús Antonio Fornos Ríos
  • Julio Gómez Garabana: Primeiro presidente elixido polos piragüistas a finais dos setenta.
  • Carlos López Lamas: Mantense un ano a principios dos oitenta.
  • Julio Gómez Garabana: 2º mandato.
  • José Miguel Fernández Naveiro: En 1985 o Firrete constituiríase como entidade deportiva, figurando como primeiro presidente neste novo status.
  • Manuel Fonte Cortizo: Mantense pouco tempo no cargo, o xusto para adaptar o club á nova lexislación que obrigaba a rexistrar a todas as entidades deportivas na Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia.
  • Jorge Salgado Cortizas (1986-1987): Único presidente do club non nativo de Pontedeume, é da veciña Cabanas.
  • Eduardo Veiga Piñeiro (1987-2001): Baixo o seu mandato obtense o patrocinio de Autopistas del Atlántico, sendo coñecido o club por Autopistas-Firrete
  • Ramiro Piñeiro Oliveira (2001- ): Actual presidente.

Adestradores[editar | editar a fonte]

  • Julio Gómez Garabana (1969-1986).
  • Daniel Brage Casteleiros (1986-1988): Deixa o cargo por ser nomeado director do equipo de piragüismo do Centro de Tecnificación Deportiva da Xunta en Pontevedra.
  • Ramiro Piñeiro Oliveira (1988-2003).
  • Oscar Calvo Tenreiro (2003- ): Actual adestrador e primeiro cun contrato profesional.

Padexeiros[editar | editar a fonte]

Padexeiros do Firrete adestrando no río Eume

Varios piragüistas foron campións de Galicia e de España individuais e de embarcacións de equipo, tamén estes e moitos outros teñen formado parte das Seleccións Galega e Española e contribuído ás vitorias das mesmas nos distintos campionatos nas que participan.

Sirva como exemplo que no campionato de España de 2011 acadou cinco títulos de campión de España e un total de l7 medallas, que lle serviron para proclamarse subcampión de España, igualando en número de preseas aos campións, o club Tudense de Tui.

  • Xabier Gómez e Couce Amado: Seleccionados en 1973 para a Seleción Galega de Pista.
  • Ramiro Piñeiro Oliveira consegue a primeira medalla para o Firrete en campionatos de España, sendo bronce en k-1 cadete 500 m.
  • Pablo Tenreiro: Primeiro eumés en participar nunha Copa do Mundo.
  • Xesús Villar Carrera (Alemán): Internacional coa Selección Española Júnior no Campionato do Mundo de 1993 en Racice, República Checa.
  • Sandra Villar: Primeira padexeira do club que acadou a internacionalidade.
  • José R. Corral: Primeiro padexeiro da provincia da Coruña que formou parte dunha selección absoluta de piragüismo.
  • David Curbeira Miño (Curri): Campión de España nas categorías Cadete e Júnior, primeiro eumés que gaña un Campionato de Europa (campión de Europa Júnior en Zagreb, Croacia 2002), e segundo en participar na categoría Júnior nun Campionato do Mundo: Curitiba, Brasil 2001.
  • Pablo García: Sexto no Campionato de Europa sub-23 de Maratón en Saint Jean de Losne, Francia, no 2011.
  • André Oliveira: Cuarta posición formando parte do combinado español en C-4, 1000 metros, no Campionato de Europa sub-23 celebrado en Zagreb no 2011.
  • Brais Casás: Quinto na final B do Campionato do Mundo Júnior 2011 en Brandenburgo, Alemaña.
  • Yerai Picallo e André Oliveira: Finalistas en C-2, 200 metros, no Campionato do Mundo Sénior 2011 en Szeged, Hungría.
  • Tono Campos: Subcampión do mundo sénior de Maratón na categoría C-1 no Campionato do Mundo de Maratón 2011 en Singapur[1].

Palmarés[editar | editar a fonte]

  • Campión e subcampión en varias ocasións da Baixada do Eume: Nas dúas últimas edicións foi campión en 2010 e subcampión en 2011.
  • Campión e subcampión en varias ocasións da Liga Xunta de Galicia de piragüismo: O primeiro subcampionato acadouno no 1991 mentres que o primeiro campionato é do 1995. É o vixente campión (2011).
  • Varios campionatos e subcampionatos de España nas distintas categorías: O máis recente é o Campionato de España Infantil de 2009.
  • A Federación Galega de Piragüismo concédelle o premio ao mellor club galego no 1994.
  • En 1995 entra na clasificación dos dez mellores clubs de piragüismo de España.
  • Premio á mellor proba organizada no 2002 (Baixada do Eume).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]