Xente no rodicio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xente no rodicio
Portada da primeira edición
Autor/aXosé Neira Vilas
OrixeGalicia
LinguaLingua galega
ColecciónColección Illa Nova
Xénero(s)Narrativa
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1965
editar datos en Wikidata ]

Xente no rodicio é un libro de contos de Xosé Neira Vilas, publicado en 1965 por Editorial Galaxia na colección Illa Nova. Nesta obra recóllese unha escolma de vinte contos, de condensadas historia cheas de intención e engano[1]. O conto supón un pasado absoluto, xa que desde as primeiras liñas se parte dunha acción definitivamente ocorrida e o desenlace vén a ser, a un tempo, a exposición e o nó. Esta singularidade abondaría para o diferenciar da novela[1].

Relatos[editar | editar a fonte]

  • "O muiñeiro vello": unha vítima máis da explotación, é despedido do goberno do muíño e agora permanece á porta, para lles ir contando a súa desgraza a todos os que pasan.
  • "O suicidio": Andrés, fillo de solteira, non coñece a seu pai e asiste á morte miserable de súa nai cando só ten cinco anos. Servindo de criado na casa dos Arneiro, sofre un trato denigrante e só teima no suicidio.
  • "A ofrenda": Avelino padece un tumor e ofrécese a San Roque, pero cae morto debaixo do santo o mesmo día da procesión.
  • "Vidro e sol": Alfredo, un fillo da miseria, vingará a súa fame bebendo a botella de leite que cada día lle carrexa a don Pedro.
  • "María": María e máis Afonso ven frustrado o seu amor por causa da desgraza e da pobreza. Afonso ten un accidente de traballo e morre. Ela espérao durante anos, pero, cando recibe a fatal noticia, cega e múrchase de dor.
  • "A serra". Ramón traballa de serrador na casa do Fragueiro, ten indicios certos de que este se ve coa súa muller. Un día, cegado polos celos, turra o Fragueiro enriba da serra.
  • "Auga": este é o factor que desencadea a traxedia e a violencia. Bastián presenza a morte de seu irmán Suso a mans dun veciño, nun día de choiva.
  • "Noxo": Santiago, o retallador, denuncia a cobiza dos fillos da tía Ramona no velorio e acúsaos a eles de causárenlle a morte á muller, debido ás continuas pelexas pola mellora da herdanza.
  • "O delito de Tomas": Tomás é un neno moi pobre que non ten ningún xoguete. Un día namórase dun pínfano dos cativos de Torres, nenos ricos, e agóchao no faiado. Sabedora súa nai, obrígao a devolvérllelo e pedir perdón.
  • "O trebón": a moza vese acusada no sermón do cura por abortar despois dun esforzo no traballo, sae correndo da igrexa e refúxiase nun caseto vello.
  • "Corredoira": Un día chega á aldea un home contratado a xornal. Sacando os nenos ninguén se decata da súa presenza, os nenos imaxinan cousas sobre el. Un día desaparece e só os nenos se dan conta.
  • "A sombra": O zoqueiro é o culpable da deshonra e morte de María. Para que non a esquezan fai rular pola aldea que María se aparece de noite no corgo onde afogou.
  • "Lucinda": Lucinda conta na taberna a súa miserable historia de prostituta sen que lle importe a presenza de ninguén, nin sequera a de Alberte que é o narrador do conto e o primeiro que se aproveitou dela.
  • "A seca": contra as forzas da natureza de nada valen as ofrendas e as rogativas.
  • "Abel": é o soño máis agarimado de catro irmanciñas pero vén o mundo morto. Despois de moito tempo, elas non se esquecen e teiman en como sería.
  • "Como é o mar?": Mariña, a nena orfa, só tiña un anhelo, quería saber como era o mar. Cega e vella vai á cidade e oe un ruído descoñecido, é o mar, tírase a el, e nel morre.
  • "A irmá de Susiño": Susiño, un neno pequeno, ten unha irmá á que adora, pero descobre que a súa irma na cidade dedícase á mala vida. Dorinda volve enferma para a aldea e vítima da hipocrisía da familia non o deixan acercarse a ela.
  • "Isaura": O amor que se prometeron Ramón e Isaura nunca chegará a consumarse, porque o pai de Isaura obrígaa a casar cun vello rico. Unha noite Ramón volve, pero o vello segue a Isaura, saca unha arma e asasina a Isaura en presenza de Ramón.
  • "O Pesco": Un veciño borracho relata na taberna a existencia miserable e as aldraxes que recibiu o Pesco da xente mentres estaba vivo.
  • "Todo para Carme": A irmá de Carme ten nove anos e sente celos da moza casadeira á que a súa nai lle merca canto quere, e como son pobres para ela non queda máis que frío e fame.[2]

O libro[editar | editar a fonte]

Os contos do volume amosan unha mestura de desengano, humor e piedade, tan propia do pobo galego. Neira Vilas revela padecer esa orientación ao triste e ao frustrado, a amargura da vida tan típica dese tempo. O libro mantén uns valores creativos derivados da participación na vida e do interese por afondar na problemática do home e do mundo galego. Os procedementos dos que se vale o autor son o ambiente esquemático e estilo rápido.

O elemento que se repite nos vinte relatos que conforman o libro é o contexto rural, que comparte espazo co home e a muller campesiña, coa pobreza, a fame e a miseria.

O ambiente que nos presenta é case sempre dramático e moi problemático, un ambiente que impulsa aos personaxes a contarnos as súas desgrazas ou as desgrazas alleas. Na obra tamén se mostra unha procura obsesiva da infancia non vivida, e preséntase unha visión de Galicia dende a perspectiva dun neno, "pero modificada polo senso crítico e pola consciencia dun adulto[2]"

Narración[editar | editar a fonte]

O narrador preséntase como unha testemuña que introduce o relato e conta a historia como un monólogo do protagonista. E é o mesmo narrador quen pecha o relato. Está técnica permítelle plasmar ao autor a realidade campesiña desde múltiples ángulos, polo que o resultado final sae moi enriquecido pola suma das diversas perspectivas[2].

Os relatos teñen unha estrutura similar: non se detén na descrición de ambientes ou escenarios, xa que o que predomina é o tratamento realista do que poderían ser os habitantes dunha aldea pecha e opresiva, condenados á emigración ou á autodestrución[3].

Nesta obra Xosé Neira Vilas evoca a época da posguerra, despois da guerra civil española.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Neira Vilas, Xose (2001). Xente no rodicio. Galaxia. ISBN 978-84-8288-436-3. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Rábade Paredes, Xesús (1992). Xosé Neira Vilas e Xente no rodicio. Galaxia. ISBN 84-7154-836-4. 
  3. "A Narrativa actual" (PDF). Espazo abalar. Consultado o 8 de xullo de 2018.