Supermarine Spitfire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Supermarine Spitfire
Spitfire VIII MT928
Tipocaza
FabricanteSupermarine
Deseñado porR. J. Mitchell
Primeiro voo5 de marzo de 1936
Introducido4 de agosto de 1938
Retirado1961 (Irish Air Corps)
Principais usuariosRoyal Air Force
Produción1938 - 1948
Unidades construídas20.351
VariantesSupermarine Seafire
Supermarine Spiteful
Colt-Browning M2 cal 50 (12,7 mm)

O Supermarine Spitfire é un avión de caza monopraza usado pola RAF e outros países aliados antes, durante e despois da segunda guerra mundial. Construíronse moitas variantes do Spitfire, usando distintas configuracións de ás. Foi producido en maior número que outros avións británicos e foi o único caza aliado en produción durante toda a guerra. O Spitfire continua sendo popular entre os entuasiastas da aviación, quedando uns 70 en condicións de voo, e moitos máis en museos de todo o mundo. O avión continuou sendo usado en roles secundarios durante os anos 50.

O Spitfire foi deseñado como un interceptor de alto rendemento de curto alcance por R. J. Mitchell, deseñador xefe de Supermarine Aviation Works, que operaba como unha filial de Vickers-Armstrong dende 1928. Mitchell mellorou a distintiva á elíptica do Spitfire con innovadores remaches afundidos (deseñados por Beverley Shenstone) para ter unha sección transversal o máis delgada posible, axundando a que o avión unha maior velocidade máxima que moitos cazas contemporáneos, incluído o Hawker Hurricane.

Tras a batalla de Inglaterra o Spitfire substituíu o Hurricane para converterse na espiña dorsal do Mando de Caza da RAF, e combateu nos teatros de Europa, do Mediterráneo, do Pacífico e do Sueste de Asia. Moi querido polos seus pilotos, o Spitfire serviu en varios roles, como interceptor, recoñecemento fotográfico, cazabombardeiro e adestrador, e continuou realizándoos ata os anos 50. O Seafire foi unha adaptación embarcada do Spitfire que operou coa Fleet Air Arm dende 1942 ata mediados dos 50. Aínda que a célula orixinal deseñouse para equipar un motor Rolls-Royce Merlin que producía 1 030 cabalos, era o suficientemente forte e adptable como para usar Merlins máis potentes e, en desenvolvementos posteriores, motores Rolls-Royce Griffon de ata 2 340 cabalos. Como resultado, o rendemento e capacidades do Spitfire foron mellorando durante toda a súa vida de servizo.

Características[editar | editar a fonte]

Producido por Supermarine, o Spitfire foi deseñado por R.J. Mitchell, que continuou mellorándoo ata a súa morte en 1937. O Spitfire prestou servizo durante a totalidade da II GM en todos os teatros de guerra, e en diferentes variantes. Durante a batalla de Inglaterra (1940), demostrou a súa efectividade en combate, derrubando a maioría de cazas alemáns, mentres o Hawker Hurricane, ó ser máis pesado e resistente, derrubaba bombardeiros. O seu primeiro voo foi o 5 de marzo de 1936, fabricáronse 20.000 avións en máis de 40 versións entre 1938 e 1948 e retirouse da RAF en 1952.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

En 1931 o Ministerio do Aire británico publicou a especificación F7/30 solicitando un caza moderno capaz de voar a unha velocidade de 400 km/h. R. J. Mitchell deseñou o Supermarine Type 224 para cumprir ese papel. O 224 era un monoplano con cabina aberta, con voluminosas ás de gaivota, e un gran tren de aterraxe fixo. Estaba impulsado por un motor de 600 cabalos Rolls-Royce Goshawk refrixerado por evaporación.[1] O avión realizou o seu primeiro voo en febreiro de 1934.[2] Dos sete deseños que responderon á F7/30, o biplano Gloster Gladiator foi aceptado para o servizo.[3]

O Type 224 foi unha gran decepción para Mitchell e o seu equipo de deseño, que inmediatamente comezou a realizar unha serie de deseños novos usando a súa experiencia cos hidroavións do Trofeo Schneider como punto de partida.[3] Isto levou ao Type 300, con tren de aterraxe retráctil e unha envergadura reducida en 1,8 metros. Este deseño enviouse ao Ministerio do Aire en xullo de 1934, pero non foi aceptado.[4] Posteriormente pasou por unha serie de cambios, incluída a incorporación dunha cabina pechada, aparato de respiración de osíxeno, ás máis pequenas e delgadas, e o novo e máis potente motor Rolls-Royce PV-XII V-12, despois chamado "Merlin". En novembro de 1934 Mitchell, co respaldo de Vickers-Armstrong, dona de Supermarine, comezou o traballo de deseño detallado da súa versión refinada do Type 300.[5]

O 1 de decembro de 1934 o Ministerio do Aire publicou o contrato AM 361140/34, proporcionando 10 000 libras para a construción do deseño mellorado do Type 300 de Mitchell.[6] O 3 de xaneiro de 1935 formalizouse o contrato cunha nova especificación, a F10/35.[7] En abril de 1935 cambiouse o armamento de dúas metralladoras Vickers de 7,7 mm en cada á a catro Browning de 7,7 mm,[8] tras unha recomendación do líder de escuadrón Ralph Sorley da sección de Requirimentos Operativos do Ministerio do Aire.[9]

Prototipo do Spitfire

O prototipo do Spitfire, o K5054, voou por primeira vez o 5 de marzo de 1936 na fábrica de Eastleigh, preto de Southampton. Aos controis estaba o capitán Joseph "Mutt" Summers, xefe de pilotos de proba de Vickers, que dixo ao aterrar "Non toquedes nada".[10] Este voo de oito minutos[9] chegou catro meses despois do primeiro voo do contemporáneo Hurricane.[11]

O K5054 foi equipado cunha nova hélice, e Summers voou o avión o 10 de marzo; durante ese voo retraíuse por primeira vez o tren de aterraxe.[12] Tras o cuarto voo instalouse un novo motor e Summers deixou as probas de voo para os seus asistentes, Jeffrey Quill e George Pickering. Ao pouco tempo descubriron que o Spitfire era unha aeronave moi capaz, pero non perfecta. O temón era demasiado sensible, e a súa velocidade máxima era de tan só 528 km/h, só un pouco máis rápida que a do Hurricane impulsado polo novo motor Merlin.[13] Unha hélice de madeira nova de dúas pas e de mellor forma permitiu que o Spitfire alcanzara os 557 km/h en voo nivelado a mediados de maio, cando Summer voou o K5054 a RAF Martlesham Heath e entregou o avión ao xefe de escuadrón Anderson do Aeroplane & Armament Experimental Establishment (A&AEE). Alí, o tenente de voo Humphrey Edwardes-Jones fíxose cargo do prototipo para a RAF.[14] Dáronlle ordes de voar a aeronave e logo de facer o seu informe ao Ministerio do Aire na aterraxe. O informe de Edwardes-Jones foi positivo; a súa única solicitude foi que o Spitfire estivese equipado cun indicador de posición do tren de aterraxe.[15] Unha semana despois, o 3 de xuño, o Ministerio do Aire asinou un contrato con Supermarine para mercar 310 avións,[16] antes de que a A&AEE emitise ningún informe formal. Posteriormente emitíronse informes provisionais de forma gradual.[17]

Produción inicial[editar | editar a fonte]

O público británico viu por vez primeira o Spitfire na exhibición aérea de RAF Hendon o sábado 27 de xuño de 1936. Aínda que se supoñía que a produción a gran escala debía comezar inmediatamente, numerosos problemas non puideron solucionarse durante un tempo e o primeiro Spitfire de serie, o K9787, voou case dous anos despois,[18] o 14 de maio de 1938.[19][20]

En febreiro de 1936 o director de Vickers-Armstrongs, Sir Robert MacLean, garantiu a produción de cinco avións por semana, comezando 15 meses despois de que se fixera un pedido. A produción a gran escala do Spitfire comezou nas instalacións de Supermarine en Woolston, pero o pedido dos 310 avións asinado o 3 de xuño claramente non se puido completar nos 15 meses prometidos. Supermarine era unha empresa pequena e xa estaba ocupada na construción de hidroavións Walrus e Stranraer, e Vickers estaba ocupada na construción de bombardeiros Wellington.

A solución inicial foi subcontratar o traballo.[21] Aínda que se supoñía que os contratistas externos estaban implicados na fabricación de moitos compoñentes importantes do Spitfire, epecialmente as ás, Vickers-Armstrongs (a compañía) era reacia a ver que o Spitfire fose fabricado por empresas externas, e tardou en liberar os planos e subcompoñentes necesarios.[22]

Como resultado dos atrasos para conseguir que o Spitfire entrase en produción a escala, o Ministerio do Aire presentou un plan para que a súa produción se detivese despois da orde inicial de 310, despois do cal Supermarine construiría Bristol Beaufighters. As direccións de Supermarine e Vickers puideron convencer ao Ministerio do Aire de que se podían superar os problemas de produción, e o 24 de marzo de 1938 fíxose un pedido de 200 Spitfires. As dúas ordes cubrían os números de serie cos prefixos K, L e N.[22]

O primeiro exemplar de produción saíu da liña de montaxe a mediados de 1938,[20] case dous anos despois do pedido inicial.[18] O custe final dos primeiros 310 aparellos, tras os atrasos e os incrementos dos custes do programa, foi entre 1 533 e 1870 libras máis caro do inicialmente estimado.[23] Unha aeronave de produción custaba unha 9 500 libras. As compoñentes máis caras eran a fuselaxe fabricada a man cun custe dunhas 2 500 libras, o motor Rolls-Royce Merlin cun custe dunhas £2 000, as ás que custaban £1 800 un par, as metralladoras e o tren de aterraxe, £800 cada, e a hélice de £350.[24]

Fabricación en Castle Bromwich, Birmingham[editar | editar a fonte]

En 1935 o Ministerio do Aire achegouse a Morris Motors Limited para preguntarlle con que rapidez a súa planta de Cowley podería converterse para a produción de avións. En 1936 esta solicitude informal de grandes instalacións de fabricación foi substituída por unha petición formal, coñecido como o plan da fábrica na sombra, para impulsar a capacidade de produción británica de aeronaves baixo o liderazgo de Herbert Austin. Encargouse de construír nove novas fábricas e de complementar a industria británica de fabricación de automóbiles aumentando a súa capacidade total ou aumentando o potencial de reorganización para producir avións e os seus motores.[25]

O 12 de xullo de 1938 comezouse a construír preto de Birmingham a fábrica onde se producirían os Spitfire, a Castle Bromwich Aircraft Factory (CBAF), e dous meses despois comezaron a instalarse na mesma as máquinas-ferramentas máis modernas.[23] Aínda que Morris Motors, baixo Lord Nuffield (un experto en construción masiva de vehículos a motor), xestionaba e equipaba a fábrica, foi financiada polo goberno. A principios de 1939, o custo estimado orixinal da fábrica de 2 millóns libras esterlinas duplicárase con creces, e aínda que se construíran os primeiros Spitfires en xuño de 1940, a fábrica aínda estaba incompleta e sufría problemas de persoal.

Durante eses primeiros meses de servizo faríanse modificacións no Spitfire Mk I. Primeiro cambiouse a hélice bipala de madeira de paso fixo por outra tripala de dobre paso; pasouse de usar gasolina de 87 octanos a usar a de 100, que incrementaba a potencia do motor Merlín case 300 cabalos, chegando ata os 1 310, usando un sobrecompresor; e todos os avións foron equipados con radio e con blindaxe diante e detrás do piloto.

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

O Spitfire entrou en combate xa ao principio da guerra, aínda que as incursións da Luftwaffe en Gran Bretaña foron escasas ata o inicio da batalla de Inglaterra, a mediados de 1940. Comprobouse entón que era preciso revisar o armamento que equipaba o avión. As oito metralladoras do Mk I eran demasiado lixeiras, e moitos bombardeiros alemáns conseguían regresar ás súas bases con decenas de buratos de bala. Os Bf 109 alemáns so equipaban tres armas, pero eran máis pesadas e concentraban máis os disparos que as do Spitfire, que as levaba distribuídas ao longo das ás.

O feito de que as armas estivesen distribuídas dese xeito tamén afectaba ao comportamento do avión. Cando a súa munición se consumía a distribución do peso do Spitfire cambiaba, modificando o comportamento en voo do avión. Facíase entón preciso pasar aos canóns, pero os intentos de instalalos nas ás fallaron, e estas tiveron que redeseñarse. O novo armamento probouse por primeira vez en xullo de 1939.

Seis meses despois entraría en combate o primeiro Spitfire equipado con canóns atacando a un bombardeiro Heinkel He 111. A súa arma de estribor atascouse despois do primeiro disparo, pero a de babor funcionou normalmente e alcanzou ao avión alemán, que sería rematado polas metralladoras dun Hurricane.

Características técnicas[editar | editar a fonte]

Características da primeira versión: Mk I

Caza monopraza, o spitfire tiña unha lonxitude de 9.12 metros e unha altura de 3.48 cun peso en baleiro de 2.313 kg. O motor era un Rolls-Royce Merlin 45 de 1.470 CV de potencia. Chegaba a alcanzar os 605 km/h e tiña unha autonomía de voo de 760 km, podía chegar a unha altura de 11.300 m.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ethell 1997, p. 6
  2. Andrews e Morgan 1987, p. 206
  3. 3,0 3,1 Price 1977, p. 16
  4. Price 1982, p. 16
  5. Price 1982, p. 17
  6. Price 1977, p. 20
  7. Price 1999, pp. 16, 17
  8. Price 1977, p. 32
  9. 9,0 9,1 Glancey 2006, pp. 37-38
  10. Gunston et al. 1992, p. 334
  11. Magazine, Smithsonian. "Best of the Battle of Britain". Smithsonian Magazine (en inglés). Consultado o 2022-03-24. 
  12. Price 2002, p. 38
  13. Glancey 2006, p. 43
  14. "J H Edwardes-Jones". www.rafweb.org. Consultado o 2024-05-24. 
  15. Glancey 2006, p. 44
  16. Ethell 1997, p. 11
  17. Price 1977, pp. 25, 27
  18. 18,0 18,1 Price 1982, p. 65
  19. "Accident Supermarine Spitfire PR Mk IIIC K9787,". aviation-safety.net. Consultado o 2024-05-24. 
  20. 20,0 20,1 Ethel 1997, p. 12
  21. Price 1982, p. 61
  22. 22,0 22,1 Morgan e Shacklady 2000, p. 45
  23. 23,0 23,1 Price 1982, p. 67
  24. Glancey 2006, p. 61
  25. Ian Philpott (2006). The Royal Air Force – Volume 2: An Encyclopedia of the Inter-War Years 1930–1939. Pen and Sword. pp. 49–. ISBN 978-1-84415-391-6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Andrews, C.F. e E.B. Morgan. Supermarine Aircraft since 1914. Londres: Putnam, 1987. ISBN 0-85177-800-3.
  • Ethell, Jeffrey L. and Steve Pace. Spitfire. St. Paul, Minnesota: Motorbooks International, 1997. ISBN 0-7603-0300-2.
  • Glancey, Jonathan. Spitfire: The Illustrated Biography. Londres: Atlantic Books, 2006. ISBN 978-1-84354-528-6.
  • Price, Alfred. Spitfire: A Documentary History. Londres: Macdonald and Jane's, 1977. ISBN 0-354-01077-8.
  • Price, Alfred. The Spitfire Story. Londres: Jane's Publishing Company Ltd., 1982. ISBN 0-86720-624-1.