Requeixo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Requeixo de callada fina.

O requeixo é un produto alimentario obtido por escoado do soro do leite callado.

Proceso de obtención[editar | editar a fonte]

Requeixo escoado.

Hai dous xeitos de obter o leite callado —o natural por efecto dos microorganismos propios do leite a temperatura morna, e o forzado polo uso dun callo animal ou vexetal— e xa que logo, hai dous tipos de requeixo. O primeiro é máis ácido e cun grosor da callada máis fino có segundo.

O escoado conséguese metendo o leite callado nunha bolsa de tea que se pendura, de xeito que o soro atravesa a tea e pinga fóra. Segundo o tempo de escoado pódese obter desde unha crema coa textura do iogur (a ser comido con culler) até unha masa case tan consistente coma o queixo fresco (a usar garfo). O primeiro xeito de rematalo é o máis habitual nos usos tradicionais dos gandeiros do norte de Galicia, e o segundo nas terras do sur galego.

Unha diferenza importante entre o requeixo e o queixo fresco é que o requeixo non é salgado senón insípido, xa que se consome con azucre ou mel como sobremesa.

O requeixo galego e o requesón do código alimentario español[editar | editar a fonte]

Requeixo de callada grosa.

Malia parecer un termo a tradución literal do outro, o código alimentario español usa a palabra castelá requesón para denominar un subproduto obtido por reciclado do soro sobrante da elaboración do queixo.

O requeixo galego é un produto primario de fermentación do leite. Non se corresponde coa definición de requesón dada para o mercado español, senón que ten máis parecido con aqueles produtos que neste mercado se definen como cottage cheese ou queso blanco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]