Rúa do Cardeal Rodrigo de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°31′15″N 7°30′52″O / 42.520806254301, -7.5145311467537

Rúa do Cardeal Rodrigo de Castro
Rúa do Cardeal
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,3 km
Formatopeonil
Localización
InicioPraza da Compañía
FinPraza de España

A Rúa do Cardeal Rodrigo De Castro é unha rúa da cidade de Monforte de Lemos. Trátase dunha rúa peonil situada entre as prazas da Compañía e de España, situada no centro da cidade. É a principal rúa da cidade, na que ao longo da súa historia se estableceron diversos negocios que a converteron no centro social e comercial monfortino, e moitos documentos oficiais dende o século XIX refírense a esta rúa como "a mellor da poboación”.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A historia da rúa do Cardeal está ligada ao Colexio de Nosa Señora da Antiga, cuxas obras se iniciaron en 1593 e que foran patrocinadas polo cardeal Rodrigo de Castro Osorio. A finais de xullo ou principios de agosto de 1594 o cardeal chegou a Monforte, e logo de ver a localización do colexio decidiu proxectar unha vía de 30 pés de ancho para facilitar o acceso ao edificio dende o centro da vila. Contra o final do ano 1595 xa case estaba finalizada.[2][1][3]

Denominación[editar | editar a fonte]

A rúa recibe o seu nome en honor do cardeal Rodrigo de Castro Osorio, que foi o seu artífice.[1] É frecuentemente denominada simplemente como "Rúa do Cardeal" ou "Cardeal", se ben dende 1897 a súa denominación é Rúa do Cardeal Rodrigo de Castro:

RÚA DO CARDEAL RODRIGO DE CASTRO
A proposta do Sr. Presidente acórdase por unanimidade completar co título que encabeza este acordo o da actual rúa do Cardeal, pois tendo sido adicada á memoria do que foi fundador das Escolas Pías, e gran benfeitor desta Cidade que se chamou como queda dito, é preciso que tal nome figure na placa da expresada rúa, pois doutro xeito pode referirse a calquera que ostente esa dignidade.

Un tramo da rúa, coñecido popularmente como "Cardeal Estreito", pasou a denominarse oficialmente "rúa dos sedeiros" nun pleno do 14 de novembro de 1897:[1]

O Sr. Presidente (…) cría do seu deber consignar que a nomenclatura das rúas desta vila era moi antiga e tiña a súa derivación especial do fundador ou do obxecto que noutros tempos chamaba máis a atención nelas tal como (…) a de sedeiros por estar nela establecidas as sederías (…)

A denominación de "rúa dos sedeiros" da parte coñecida actualmente como "Cardeal Estreito" mantívose ata o 5 de outubro de 1921, por acordo plenario decidiuse mudar o nome a "rúa dos irmáns Victoriano e José González":[1]

Dado conta polo Sr. Presidente dos actos filantrópicos realizados uns e ofrecidos outros, realizados polos IRMÁNS VICTORIANO e JOSÉ GONZÁLEZ en beneficio desta cidade, a corporación facéndose intérprete do común sentir de todos os monfortinos e logo de encamiñar cal correspondente a conduta de tan distinguidos fillos da Comarca de Lemos, acordou por unanimidade e a proposta do Sr. Presidente nomear a ditos Sres., Fillos Predilectos da cidade de Monforte de Lemos e dar á antiga rúa dos SEDEIROS o nome de IRMÁNS VICTORIANO E JOSÉ GONZÁLEZ como testemuño de que o povo lle é deudor e perpetuar así a súa memoria ás xeracións vindeiras.

Con todo, os documentos oficiais non reflectiron esta mudanza de 1921 e denominan a toda a vía "Cardeal Rodrigo de Castro".[1]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Na rúa Cardeal encóntrasse algúns edificios destacados da cidade:

  • Nº 4: Antigo Hotel Victoria, probablemente de principios do século XX. En estado de abandono dende o seu peche. En 2016 propúxose a súa conversión en albergue para peregriños, mais esta non chegou realizarse[4][5]
  • Nº 18: unha vella casa grande do século XIX en cuxa fachada pode verse un brasón do Corpo de Enxeñeiros da Armada, que acolle dende 2001 o "Espazo +60" de Afundación, obra social da entidade bancaria ABANCA.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Aira, Felipe. "RUA DO CARDEAL RODRIGO DE CASTRO" (en castelán). jrcasan.com. Consultado o 26 de agosto de 2019. 
  2. "A RÚA DO CARDEAL INICIATIVA DE D. RODRIGO DE CASTRO". Colexio de Nosa Señora da Antiga. Consultado o 26 de agosto de 2019. 
  3. "Institución - Colegio de Nuestra Señora La Antigua de Monforte de Lemos (Lugo, España)" (en castelán). Ministerio de Cultura e Deporte de España. Consultado o 26 de agosto de 2019. [Ligazón morta]
  4. Díaz, Luis (23 de outubro de 2016). "Medio millón de euros por un pedazo de la historia reciente de Monforte". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de agosto de 2019. 
  5. Díaz, Luis (16 de outubro de 2016). "Un albergue de peregrinos para salvar el antiguo hotel Victoria". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de agosto de 2019. 
  6. "ESPAZO +60 MONFORTE DE LEMOS" (en castelán). Afundación. Consultado o 27 de agosto de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]