Memoria Pixelada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Memoria Pixelada foi unha web en galego de actualidade e análises sobre o mundo dos videoxogos. Comezou a súa andaina o 5 de abril de 2009[1] cun artigo dedicado ao Beyond Good and Evil 2[2] e finalizou o 12 de xuño de 2015[3] cun artigo de despedida.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Memoria Pixelada comezou como un proxecto persoal de Juan Salgado (Skaltum)[5]. Porén, co tempo fóronse sumando ao proxecto máis e máis persoas, como NetOverflow, Jon Amil (AmilGZ) ou Agos Reigosa, até contar cun equipo definitivo de cinco redactores, sete colaboradores habituais e varios colaboradores puntuais.[6]

A web contou cun total de 3 deseños. O primeiro deles tivo lugar durante a súa fase de probas no servizo de aloxamentos Blogger. O segundo deles coincidiu co paso a un novo hosting aloxado na nube da Dinahosting, que desde entón sería patrocinador dela. Posteriormente, pouco antes do cuarto aniversario, Memoria Pixelada sufriu o seu terceiro e maior redeseño, o cal se mantivo até o seu final.[7][8][9]

Alén da web, o equipo de Memoria Pixelada ten colaborado eventualmente no programa Banda Ancha da Radio Galega.[10]

Redes sociais e comunidade[editar | editar a fonte]

Memoria Pixelada apostou firmemente polas redes sociais. Contaba con perfís activos no Facebook e Twitter, unha canle no Youtube onde publicaban gameplays e outra no Twitch para as emisións ao vivo. Tamén, desde 2011, viñan retransmitindo e comentando as principais conferencias do E3 cada ano a través do Twitter.[11]

A web tamén ten apoiado activamente iniciativas como Android en galego[12] (campaña para reivindicar unha versión en galego do sistema operativo Android) ou 21 días co galego[13] do IES da Pobra do Caramiñal.

Cada ano, como tradición e modo de apoiar a recuperación do día dos enganos, publicaban unha nova falsa no 1 de abril.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]