Francisca Adame Hens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFrancisca Adame Hens
Biografía
Nacemento4 de outubro de 1922
La Victoria, Córdoba
Morte4 de abril de 2022 Editar o valor em Wikidata (99 anos)
Datos persoais
ResidenciaLa Herrería, Fuente Palmera
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónActivista para la recuperación de la memoria histórica y poeta
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Premios
Medalla de Andalucía

Francisca Adame Hens, nada en La Victoria, Córdoba o 4 de outubro de 1922 e finada en Córdoba o 4 de abril de 2022, foi unha activista pola recuperación da memoria histórica e poeta española.

O seu testemuño contribuíu a reconstruír a historia dos presos escravos do franquismo na denominada Canle dos Presos, no Baixo Guadalquivir. Foi condecorada no ano 2005 polo Goberno andaluz coa Medalla de Andalucía. Tras pasar pola escola de persoas adultas, á idade de 65 anos empezou a escribir poesía.

Biografía[editar | editar a fonte]

Naceu na localidade cordobesa de La Victoria o 4 de outubro de 1922. Filla de Tránsito Hens e de Manuel Adame ocupaba o cuarto lugar dun total de dez irmás e irmáns. O seu pai, antigo garda civil e logo forestal, ao estalar a Guerra Civil española en 1936, alistouse nas milicias republicanas xunto cos seus dous fillos maiores. A partir dese momento comezou unha vida errante para Francisca Adame, que entón tiña catorce anos, fuxindo das bombas e formando parte dunha caravana de familias de combatentes que seguían aos seus seres queridos de destacamento en destacamento.

O final da guerra sorprendeu a Adame en Cidade Real, mentres o seu pai e irmáns fuxiron a Alacant coa intención de tomar un barco ruso que esperaban que os sacase de España, pero que nunca chegou. O seu pai e un dos seus irmáns foron encarcerados en Valencia, mentres o outro foi obrigado a alistarse na Lexión. A nai e o resto da familia permaneceron escondidos uns días ata que tomaron un tren de mercadorías que os levou á localidade cordobesa de La Herrería (Fuente Palmera), onde finalmente se estableceron. Alí chegaron co posto e durante moito tempo pasaron fame e penurias baixo o estigma de ser considerada unha familia de vermellos. A fame durante aquela época levou a súa avoa, a súa tía e un dos seus irmáns máis novos.[1][2]

Mentres tanto Manuel Adame e o seu fillo sufriron un periplo carcerario que os levou a Elxe, Forte de San Fernando, Castelo de Santa Bárbara e tras ser condenados á morte, ao presidio de Córdoba. Francisca Adame trasladouse á cidade andaluza onde conseguiu traballo servindo en casas próximas, o que lle permitiu acudir a diario a ver o seu pai e irmán presos. Destas visitas ao cárcere volvía con recados dos reclusos e cartas que escondía nas súas zapatillas, asumindo os riscos que iso representaba e chegando a ser a conexión co exterior para moita da poboación recluída.

Como documenta o historiador Francisco Moreno Gómez, as condicións dos cárceres de Córdoba daqueles anos eran propias dun campo de exterminio.[1][2] Neste contexto Francisca Adame asistiu ao xuízo onde condenaron á morte os seus familiares. Despois de catro meses de espera a que as sentenzas fosen executadas, as penas do seu pai e irmán foron conmutadas por trinta e doce anos respectivamente de traballos forzados. Estes transcorreron no campo de concentración de Los Merinales, situado en Bellavista, Dos Hermanas (Sevilla). Os Adame condenados entraron desta maneira a formar parte dos máis de dez mil presos que entre 1940 e 1962 levantaron a Canle do baixo Guadalquivir, máis coñecido como Canle dos Presos. Un total de 158 quilómetros onde moitas das tarefas máis penosas eran reservadas a mulleres de presos e viúvas de fusilados ou mortos en combate.[1]

Francisca Adame Hens coas súas fillas Paqui e María José en abril de 2019

En La Herrería coñeceu a Manuel Guisado Mengual, co que casou aínda a pesar da oposición dos pais deste que non vían con bos ollos unha relación coa filla dun comunista pertencente, ademais, á familia máis pobre do lugar. O matrimonio tivo cinco fillas e dous fillos, aínda que anos máis tarde a traxedia se cebou coa familia coa perda dunha das súas fillas á idade de vinte e dous anos.[1]

Traballaba como xornaleira, coidaba da súa familia e da súa casa, e con 65 anos puido cumprir unha das súas maiores inquedanzas: ir á escola para persoas adultas e aprender a ler e escribir. Desde entón, comezou a escribir en papel, e tamén recitaba de memoria, o que ela chamou “anacos da miña vida”: poemas sinxelos intimamente ligados ás súas vivencias. Palabras contra o esquecemento e o silencio onde Adame contou a Guerra Civil, as penurias dos presos, dos emigrantes, dos anciáns.[1] Versos nos que reivindicou o papel e o sufrimento das presas. Froito desta dedicación á poesía foi un conxunto de gravacións nas que recitou os seus versos e o libro Mujer, vida, poesía que publicou xunto a Mercedes Hens Adame e Gloria Adame Gómez.[3][4][5][6][7]

O 4 de abril de 2022 faleceu no seu domicilio de Córdoba, por causas naturais, aos 99 anos.[8]

Recuperación da memoria histórica[editar | editar a fonte]

O antropólogo social da Universidade Pablo de Olavide, Ángel del Río Sánchez, coautor do libro El Canal de los Presos (1940-1962) e de diversas investigacións para a recuperación da memoria histórica[9] considera fundamental o testemuño de Adame para o proceso de reivindicación e divulgación do que alí aconteceu. Así mesmo, sinala que "o seu testemuño demostra que a vida das mulleres dos presos foi tan dura e intensa como a dos propios presos". Del Río destacou as palabras de Adame no seu primeiro encontro: "Levo toda a vida esperando a que alguén me escoitase". Francisca Adame, ademais de colaborar nesta investigación na Universidade Pablo de Olavide, e para outros estudos académicos,[10] achegou desinteresadamente o seu testemuño ao Banco Audiovisual da Memoria Social de Andalucía (BAMSA) e percorreu toda Andalucía participando en máis de vinte actos de difusión, homenaxe e recoñecemento aos escravos do franquismo. As súas historias, segundo del Río, estiveron desprovistas de odio e vinganza, feitas coa única finalidade de dignificar a memoria dos seus. Tamén foron un estímulo para que outros saísen á luz, así como para que os máis pequenos coñecesen unha historia silenciada.[11]

Entre as colaboracións máis influentes de Adame para a difusión da recuperación da memoria, está o documental de Canal Sur Televisión e a Xunta de Andalucía realizado en 2004 Presos del silencio. Trabajos forzados en la España de Franco.

O 28 de febreiro de 2005, aos 83 anos de idade, a Xunta de Andalucía concedeulle a Francisca Adame a Medalla de Andalucía, coa que recoñece o traballo de persoas e institucións. O decreto do Executivo considéraa un exemplo de loita e valentía ante a persecución que sufriu a súa familia ao final da guerra, destaca a súa revitimización como filla dun vermello e dunha muller, o seu papel de activa militante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e o seu uso da poesía "como arma de paz".[12]

En 2015 Canal Sur Televisión dedicoulle un capítulo da súa serie Hijos de Andalucía, un programa que narra as traxectorias de mulleres e homes cuxas contribucións científicas, artísticas, sociais ou políticas son recoñecidas pola Xunta de Andalucía desde 1983 co título de Fillos Predilectos e Medallas de Andalucía.[13]

En marzo de 2019 Francisca Adame, de 96 anos, foi entrevistada para o programa de televisión La Sexta Columna titulado Cleptofranquismo: los looting del régimen. Neste espazo, Adame describiu a situación de penuria vivida pola súa familia e recitou un poema.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Córdoba, El Día de. "La superación de una luchadora". El Día de Córdoba (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Andaluces, Centro de Estudios. "Andaluzas, protagonista a su pesar. De la mirada de Virginia Wolf al cante de liberación de La Piriñaca" (en castelán). Consultado o 6 de maio de 2018. 
  3. "Mujer, Vida, Poesía - Cordobapedia - La Enciclopedia Libre de Córdoba" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2018. 
  4. "Rojo y Negro TV. Francisca Adame". Consultado o 2022-04-06. 
  5. "Voz de vidas sin poesía relatadas en verso". Consultado o 6 de maio de 2018. 
  6. "Hijos de Andalucía. FRANCISCA ADAME "POESÍA POR LA MEMORIA"". Consultado o 2022-04-06. 
  7. "Francisca Adame, la poetisa de la Memoria" (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2018. 
  8. Crespín, Evaristo Guzmán, Rafi (2022-04-04). "Fallece Francisca Adame Hens, activista por la recuperación de la memoria histórica y Medalla de Andalucía 2005" (en castelán). Consultado o 2022-04-04. 
  9. "Ángel del Río Sánchez – Las políticas de la memoria" (en castelán). Consultado o 10 de xuño de 2018. 
  10. Guerrero Moreno, Rafael (2015). "Memoria histórica: una experiencia desde Andalucía." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de xullo de 2018. Consultado o 17 de xuño de 2018. 
  11. ""Sufrimos mucho para traer la democracia, no hay derecho a que la ensucien así"". eldiario.es (en castelán). Consultado o 17 de xuño de 2018. 
  12. "DECRETO 43/2005, de 22 de febrero, por el que se concede la Medalla de Andalucía a doña Francisca Adame Hens." (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2018. 
  13. "Francisca Adame Hens, protagonista de la segunda entrega de “Hijos de Andalucía”". Sala de Prensa (en castelán). 3 de xullo de 2015. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2018. Consultado o 6 de maio de 2018. 
  14. "El emotivo poema de Francisca para recordar a quienes el franquismo quiso enterrar" (en castelán). 22 de marzo de 2019. Consultado o 29 de marzo de 2019.