Fortunato de Trasmundi
Fortunato de Trasmundi | |
---|---|
Autor/a | Darío Xohán Cabana |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Novela, literatura xuvenil |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | 1990 |
Formato | 14,5 x 22 cm Edición rústica cosida a fío |
Páxinas | 240 |
ISBN | ISBN 978-84-9782-438-5 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Fortunato de Trasmundi é unha novela en lingua galega de literatura xuvenil, escrita por Darío Xohán Cabana e publicada en 1990.
Trama[editar | editar a fonte]
Fortunato é un habitante do país fantástico de Trasmundi. Formado polas Sete Parroquias, sitúase ó leste da provincia de Lugo, e está habitado por uns seres de mediana estatura (en relación cos humanos), de orellas afiadas. O país está oculto polos feitizos dos seus habitantes.
Desde hai sete anos vense celebrando un campionato de fútbol entre equipos das sete parroquias, quedando sempre gañador o equipo de Cuspedriños de Baixo (formado por mulleres) e subcampión o equipo de Cuspedriños de Riba (formado por homes). Fortunato, capitán e porteiro do equipo subcampión, decide saír a Fóra, o mundo exterior, e fichar a conxéneres seus de toda Galiza para gañar o campionato. Fortunato é o fillo do rei de Trasmundi (elixido democraticamente), e en parte, quere gañar o campionato porque lle gusta Hermelinda, a capitá do equipo rival, pero non quere declararlle o seu amor mentres siga derrotado deportivamente.
Acompañado de Crisóstomo Bocadouro, pasan por Lugo, Compostela, Vigo, Tui, Monção, Allariz e Ourense. Alí coñecen a personaxes reais e de ficción (como Ramón Lamote). Coñecen o mundo humano (montando en autobús e participando nunha manifestación o primeiro de maio), mantendo a súa identidade real oculta.
Finalmente, malia regresar con varias fichaxes, leva unha gran sorpresa cando lle din que o campionato de fútbol queda suspendido, e que en diante se celebrará un campionato de billarda.
Características[editar | editar a fonte]
Ten certas similitudes co hobbit de J. R. R. Tolkien. Os protagonistas son seres medianos de orellas afiadas, cunha economía agrícola e gandeira de subsistencia, lonxe da técnica industrial, que gustan do bo comer e bo beber. O protagonista fai unha viaxe de ida e volta, onde vai coñecendo mundo.
Porén, nesta obra o autor aproveita para falar da historia e socioloxía de Galiza. Desde a chegada de Almanzor a Compostela, a evolución da lingua galega, ou a pesca nas illas Malvinas, faise unha revisión da situación dos galegos, cunha crítica chea de retranca.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Ficha de Xerais