Eurocopter EC725

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eurocopter EC725
EC725R2 da Forza Aérea de Francia
Tipohelicóptero de transporte táctico
FabricanteEurocopter, Airbus Helicopters
Primeiro voo27 de novembro de 2000
Introducidofebreiro de 2005
Produción2000-presente
VariantesEurocopter EC225 Super Puma

O Eurocopter EC725 Caracal (no presente Airbus Helicopters H225M) é un helicóptero de transporte táctico de longo alcance desenvolvido a partir do Eurocopter AS532 Cougar para uso militar. É un aparello de dous motores que pode levar ata 29 soldados xunto con dous tripulantes, dependendo da configuración. O helicóptero está comercializado para transporte de tropas, evacuación de vítimas e tarefas de busca e rescate, e é semellante ao EC225 civil.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O EC725 foi desenvolvido para cumprir o requirimento da Forza Aérea de Francia para un helicóptero especializado en operacións de busca e rescate de combate. O AS 532 A2 Cougar foi examinado e rexeitado para este propósito despois de extensas probas entre 1996 e 1999. As principais melloras que desexaba a Forza Aérea francesa eran motores máis potentes, maior resistencia de voo e maior durabilidade de combate.[1] Eurocopter optou por desenvolver un derivado máis ambicioso do AS532 para satisfacer esas necesidades e ese aparello foi chamado posteriormente EC725. O EC725 inicialmente chamouse Cougar Mk II+ por motivos de tratados. O novo aparello tamén contaba con novos equipos de misión e aviónica autónoma, xunto con outros cambios para satisfacer a especificación francesa.[1]

O 27 de novembro de 2000 o primeiro prototipo do EC725 realizou o seu voo de estrea en Marignane, e o 15 de xaneiro de 2001 tivo lugar a primeiro presentación pública do helicóptero.[2] Eurocopter tamén desenvolveu unha versión civil que designou EC225. A Forza Aérea de Francia pediu seis EC725 para realizar misións de busca e rescate de combate, sendo o primeiro deles entregado en febreiro de 2005. As forzas armadas francesas realizaron posteriormente un pedido por oito EC725 máis en novembro de 2002; planeabase ter 20 aparellos en servizo no ano 2004.[1][3]

En 2015 o EC725, entón redesignado como o H225M, estaba sendo fabricado en dúas liñas de produción separadas en Francia e o Brasil. En xullo dese ano Airbus Helicopters anunciou que estaba considerando establecer unha terceira liña de montaxe na India se a compañía conseguía gañar unha licitación co país para helicópteros navais.[4]

Deseño[editar | editar a fonte]

O EC725 está baseado no Eurocopter AS 532 Cougar, mellorando o deseño cun cun rotor principal de cinco pás de materiais compostos e unha nova forma aerodinámica para reducir os niveis de vibración. O helicóptero pode equiparse con blindaxe extraíble para protexer as tropas e os seus dous motores turboeixo Turbomeca Makila 1A4 montados sobre a cabina, que contan cun sistema de control de motor dixital de autoridade total (FADEC) de dúas canles. Pode equiparse cun sistema anti-xeo para permitir que o aparello opere en climas moi fríos. Outras melloras inclúen unha caixa de cambios do rotor principal reforzada e unha cabina de cristal. A cabina de mando está equipada cun sistema de visualización integrado cun mapa dixital e unha pantalla de cristal líquido de matriz activa.[1]

FN MAG montada nun EC725

O helicóptero ten capacidades de busca e rescate de día e de noite por medio dun radar de busca por infravermellos frontal (FLIR); este permite ao EC725 ser voado en condicións meteorolóxicas visuais e regras de voo instrumental.[5] O EC725 pode equiparse con distintos equipos militares e tipos de armamento, como un par de metralladoras FN MAG de 7,62 mm montadas nas fiestras dianteiras esquerda e dereita, ou un par de lanzadores de foguetes de 68 mm Thales Brandt ou Forges de Zeebrugge montados nos laterais, cada un deles con 19 foguetes, ou o torpedo MU90 Impact.[5]

Os EC725 brasileiros están equipados cunha suite de contramendidas fabricada por Helibras, que inclúe bengalas e reclamos para confundir aos radares e aos mísiles guíados por calor. Thales tamén produce equipos de autoprotección para equipar aos EC725 franceses. O mísil antibuque Exocet foi integrado nos EC725 da Armada do Brasil.[6]

Eurocopter desenvolveu catro configuracións de cabina principais para o tipo. A versión de transporte de tropas ten asentos para un máximo de 29 soldados, ademais da tripulación. Unha versión de transporte VIP está deseñada para levar entre 8 e 12 pasaxeiros. A versión de evacuación de feridos pode levar ata 12 padiolas xunto con catro membros de persoal médico. A configuración SAR de combate está totalmente equipada para realizar tarefas de busca e rescate nunha contorna de combate.[1] Segundo Airbus Helicopters, o H225M é capaz de realizar varios roles como busca e rescate de combate, transporte táctico de longo alcance, transporte médico, apoio loxístico e operacións marítimas embarcadas.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Helicopter Intellect". Rotor & Wing. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2018. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  2. "French Stimulus: 5 More EC725 Helicopters". Defense Industry Daily. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  3. "H225M Cougar Medium Multimission Helicopter". Air Force Technology. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  4. "Airbus Helicopters may build fourth H225M assembly line". FlightGlobal. Consultado o 29 de outubro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 "Poland begins evaluation tests of H225M Caracal - 5/15/2015 - Flight Global". web.archive.org. 2015-05-24. Archived from the original on 24 de maio de 2015. Consultado o 2022-05-24. 
  6. Perry, Dominic. "Helibras continues Exocet integration on H225M". Flight Global (en inglés). Consultado o 2022-05-24. 
  7. Parameswaran, Prashanth. "Thailand’s Air Force Gets a Boost with New Helicopters". thediplomat.com (en inglés). Consultado o 2022-05-24.