Emydocephalus annulatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emydocephalus annulatus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Suborde: Serpentes
Familia: Elapidae
Subfamilia: Hydrophiinae
Xénero: Emydocephalus
Especie: Emydocephalus annulatus
Krefft, 1869[2]
Sinonimia

Emydocephalus szczerbaki

Emydocephalus annulatus é unha especie de serpe mariña[2] que se pode encontrar en augas de Oceanía preto de Australia e algunhas illas do Pacífico como as Filipinas e as illas da Lealdade de Nova Caledonia. O rango xeográfico é esporádico; por exemplo, con poboacións distribuídas preto das costas orientais e occidentais de Australia na Gran Barreira de Coral e nos arrecifes do mar de Timor, respectivamente. Porén, non aparecen no golfo de Carpentaria na costa norte.[1] Etimoloxicamente o nome científico desta serpe significa 'cabeza de tartaruga anelada'.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha serpe de tamaño medio, delgado e de cabeza roma e varía en cor. Un exemplar pode mostrar só unha cor ou pode ter padróns bandeados de branco e amarelo con aneis escuros. As escamas da parte superior da cabeza son grandes, regulares e enteiras. A escama rostral na punta do fociño é cónica e a segunda das tres escamas supralabiais é a máis grande. O corpo ten de 15 a 17 ringleiras de escamas lisas solapadas. Ten 125–145 escamas ventrais, unha soa escama anal e 20–33 escamas subcaudais individuais.[3] Pode medrar ata os 103 cm de lonxitude.[2]

A cor que teña un exemplar desta serpe afecta a cantidade de algas que crecen sobre o seu corpo. Un exemplar de cor máis escuro e máis monótono ten un menor nivel de acumulación de algas que unha variedade máis clara e con debuxo. O peso engadido que supoñen as algas afecta a velocidade da serpe, reducindoa ata nun 20 %. Observouse que aqueles individuos cuxas capacidades locomotivas estaban afectadas tiñan tendencia a ser máis inactivos e elixían agocharse entre o coral, mentres que aqueles que tiñan poucas algas eran máis activos procurando comida. Porén, a inactividade non afecta á súa taxa de supervivencia; as serpes de cores máis claras non tiñan maior probabilidade de sobrevivir que as de cores mais escuras.[4]

Como nesta especie se dan casos de melanismo, algúns estudos suxeriron que os individuos melánicos eran máis frecuentes en zonas contaminadas e que poderían acumular e eliminar metais traza tóxicos nas escamas da pel durante a muda. (Ver tamén melanismo industrial).[5]

Hábitos alimenticios[editar | editar a fonte]

Curiosamente, Emydocephalus é a única serpe mariña que non posúe dentes palatais.[6] A diferenza dos hábitos de busca de comida observados noutras serpes, esta especie tende a facer comidas menores e máis frecuentes en vez de capturar presas máis grandes e con menor frecuencia. Aliméntase só de ovos de peixes; concretamente, os ovos de peixes de fondo que están pousados no substrato, como as damiselas, blenios, e gobios.[7][6] Canto máis grande é a serpe, máis probable é que se alimente de ovos de damiselas, que están en áreas expostas, en vez de ovos de blenios e gobios, que son depositados en fisuras estreitas.[7]

As poboacións de E. annulatus adoitan permanecer onde están e raramente se moven entre territorios; tenden a ser sedentarias. Isto podería estar relacionado coa memoria espacial das serpes e a súa capacidade para lembrar onde están localizados os niños. Se permanecen na mesma área, entón as serpes poden alimentarse regularmente nos mesmos sitios.[8]

A estatexia de alimentación de Emydocephalus foi comparada coa dun mamífero pastador. Este método atípico de alimentarse é proba dunha gran radiación adaptativa de serpes.[9]

Hábitos de apareamento[editar | editar a fonte]

As serpes terrestres usan feromonas para localizar posibles parellas sexuais, e un macho a miúdo rastrea o cheiro da femia a grandes distancias. Porén, isto non é posible no ambiente acuático desta serpe mariña.[10] En vez diso, E. annulatus usa pistas visuais para buscar parella. Entre estas están o tamaño, o movemento e o padrón de cor do obxecto que atrae a súa atención.[10] Despois de localizaren as femias, cómpre que a lingua dos machos capte as feromonas lipídicas da pel das femias para que os machos continúen o cortexo e o apareamento.[11]

Estas serpes mariñas son sexualmente dimórficas: as femias desta especie son maís grandes que os machos,[7] e a rugosidade das escamas é tamén moito maior en machos que en femias.[12]

Conservación[editar | editar a fonte]

En anos recentes, informouse dun declive sostido nas poboacións arredor do atol de Nova Caledonia. En 2003, uns voluntarios enxergaron unha media de máis de seis serpes por día nun arrecife de coral protexido facendo mergullo a pulmón libre no atol, o cal diminuíu a menos de 2 por día en 2011.[13] En 2006, fixéronse estudos similares no arrecife Ashmore no norte de Australia que mostraron tamén un declive na poboación.[1] A causa do declive é pouco clara en ambos os casos, aínda que os autores de ambos estudos atribuíano á interferencia humana, degradación do hábitat debido ao turismo, branqueamento do coral e complexidade do hábitat e da dieta.[1][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Emydocephalus annulatus (2010). The IUCN Red List of Threatened Species. International Union for Conservation of Nature.
  2. 2,0 2,1 2,2 Emydocephalus annulatus na Reptarium.cz Reptile Database. Acceso 30 de novembro de 2015.
  3. Emydocephalus annulatus - Turtle-headed Seasnake. Department of the Environment. Australian Government.
  4. Shine, R.; Brischoux, F.; Pile, A. J. (2010). "A seasnake's colour affects its susceptibility to algal fouling". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 277 (1693): 2459–2464. PMC 2894923. PMID 20375055. doi:10.1098/rspb.2010.0255. 
  5. Goiran, C.; Bustamante, P.; Shine, R. (2017). "Industrial Melanism in the Seasnake Emydocephalus annulatus" (PDF). Current Biology 27 (16): 2510–2513.e2. PMID 28803870. doi:10.1016/j.cub.2017.06.073. 
  6. 6,0 6,1 Voris, Harold K. (1966). "Fish eggs as the apparent sole food item for a genus of sea snake, Emydocephalus (Krefft)". Ecology 47 (1): 152–154. JSTOR 1935755. doi:10.2307/1935755. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Goiran, C.; Dubey, S.; Shine, R. (xuño de 2013). "Effects of season, sex and body size on the feeding ecology of turtle-headed sea snakes (Emydocephalus annulatus) on IndoPacific inshore coral reefs". Coral Reefs 32 (2): 527–538. Bibcode:2013CorRe..32..527G. doi:10.1007/s00338-012-1008-7. 
  8. Lukoschek, Vimoksalehi; Shine, Richard (2012). "Sea snakes rarely venture far from home". Ecology and Evolution 2 (6): 1113–1121. PMC 3402188. PMID 22833788. doi:10.1002/ece3.256. 
  9. Shine, R.; Bonnet, X.; Elphick, M. J.; Barrott, E. G. (2004). "A novel foraging mode in snakes: browsing by the sea snake Emydocephalus annulatus (Serpentes, Hydrophiidae)". Functional Ecology 18 (1): 16–24. doi:10.1046/j.0269-8463.2004.00803.x. 
  10. 10,0 10,1 Shine, R. (abril de 2005). "All at sea: aquatic life modifies mate-recognition modalities in sea snakes (Emydocephalus annulatus, Hydrophiidae)". Behavioral Ecology and Sociobiology 57 (6): 591–598. doi:10.1007/s00265-004-0897-z. 
  11. Mason, Robert T.; Parker, M. Rockwell (outubro de 2010). "Social behavior and pheromonal communication in reptiles". Journal of Comparative Physiology A 196 (10): 729–749. PMID 20585786. doi:10.1007/s00359-010-0551-3. 
  12. Avolio, Carla; Richard Shine; Adele Pile (Oct 2006). "Sexual dimorphism in scale rugosity in sea snakes (Hydrophiidae)". Biological Journal of the Linnean Society 89 (2): 343–354. doi:10.1111/j.1095-8312.2006.00678.x. 
  13. 13,0 13,1 Goiran, C.; Shine, R. (2012). "Decline in sea snake abundance on a protected coral reef system in the New Caledonian Lagoon". Coral Reefs 32 (1): 281–284. doi:10.1007/s00338-012-0977-x. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Krefft G. 1869. The Snakes of Australia; An Illustrative and Descriptive Catalogue of All the Known Species. Sydney: Thomas Richards, Government Printer. xv + 100 pp. + Plates I-XII. (Emydocephalus annulatus, new species, p. 92).