Saltar ao contido

Diplodus annularis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Diplodus annularis
Sargo albar

Diplodus annularis

Lámina de Sparus annularis (= Diplodus annularis), na Histoire naturelle des poissons, de Georges Cuvier
Lámina de Sparus annularis (= Diplodus annularis),
na Histoire naturelle des poissons, de Georges Cuvier

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Sparidae
Xénero: Diplodus
Especie: D. annularis
Nome binomial
Diplodus annularis
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Véxase o texto

Diplodus annularis, coñecido en galego como sargo albar,[2] é unha especie de peixe actinopterixio da orde dos perciformes e familia dos espáridos.[3][4][5] unha das 23 integradas actualmente (2020) no xénero Diplodus.[6]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linnaeus na páxina 278 do volume 1º da 10ª edición do seu Systema Naturae per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiæ: impensis direct. Laurentii Salvii, co nome de Sparus annularis.[3]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Diplodus.

O epíteto específico, annularis, Linneo tomouno do latín medieval annularis, "relativo ou pertencente ao anel", de annulus, diminutivio mal escrito de anus, "anel",[7] en referencia ao rechamante anel negro no pendúnculo caudal deste peixe.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome hoxe válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[3]

  • Sargus annularis (Linnaeus, 1758)
  • Sciaena melanura Pallas, 1814
  • Sparus annularis Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Sparus sparlotus Rafinesque, 1810
  • Sparus sparulus Lacepède, 1802

Características[editar | editar a fonte]

Diplodus annularis en augas de Menorca.

Diplodus annularis ten un corpo ovalado, comprimido lateralmente, alto e relativamente alongado,[8][9] que pode alcanzar até os 27,5 cm, cun peso máximo rexistrado de 330,00 g,[10] pero os máis dos espécimes capturados non pasan dos 13,0 cm, segundo Bauchot,[11] ou entre os 12 e os 15 cm, segundo Rodríguez Villanueva e Vázquez.[8]

A súa coloración é prateada brillante, ás veces algo amarelada. Os xuvenís presentan cinco bandas verticais estreitas, máis ou menos visíbeis, similares ás dos adultos doutras especies do xénero Diplodus, pero máis tenues.[9][12] O máis característico é unha mancha negra no pedúnculo caudal en forma de anel (ao que alude o seu nome específico).[8][9][12] Ademais, presenta tamén manchas algo escuras por riba da base das aletas pectorais.[12]

Ten unha soa aleta dorsal, con 11 raios espiñentos e de 11 a 13 raios brandos. As aletas pectorais son falciformes, e superan lixeiramente a orixe da aleta anal. As aletas pelvianas son moi curtas. A aleta anal ten 3 raios espiñentos e 11 ou 12 brandos. A aleta caudal está moi fendida.[4][8] As aletas dorsal, caudal e as pectorais son amarelas; a anal e as pelvianas, alaranxadas.[8]

O perfil superior da cabeza é un pouco convexo, ás veces recto nunha gran parte, e presenta unha unha pequena depresión á altura dos ollos, que son relatvamente grandes en comparación cos doutras especies do xénero. A boca é terminal, cun fociño agudo.[8]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Vídeo de varios espécimes nun arrecide do mar Vermello.

Distribución[editar | editar a fonte]

Diplodus annularis está presente nas costas do Atlántico oriental, desde o suroeste de Francia (golfo de Biscaia), estendéndiose polas España, Portugal, Marrocos, e os arquipélagos de Madeira e as Canarias, e tamén no Mediterráneo, incluíndo os mares Negro e de Azov.[1][4][13][14] Tamén se atopa no mar Vermello, a onde chegou a través do canal de Suez.

A súa área de distribución esténdese desde os 49° e os 27° N, e os 19° e os 42° L.[4]

A primeira cita científica da súa presenza en augas galegas débese a Cornide, en 1788, na súa obra Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican.[15]

Hábitat[editar | editar a fonte]

É unha especie mariña e de augas salobres, subtropical, bentopeláxica, que se pode encontrar a profundidades de entre os 0 e os 90 m.[13]

Encóntrase principalmente sobre pradarías de Zostera sp., pero tamén en leitos de Posidonia sp. e fondos areosos, pero ás veces tamén en fondos rochosos e arrecifes artificiais.[4][14] Tamén é común nas tranquilas augas dos portos. Vive sobre todo na zona entre os 0 e os 15 m, sempre por riba da termoclina, pero tamén pode encontrarse algúns individuos en zonas máis fondas, especialmente en inverno, a profundidades que varían segundo a área xeográfica (aproximadamente 30 m ao norte, 90 m ao sur).[14] Son solitarios, pero os xuvenís son gregarios.[8]

En Galicia vive no litoral, sobre fondos areosos, a profundidades de entre os 0 e os 3 m.[8]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición[editar | editar a fonte]

Diplodus annularis é un carnívoro bentónico. Aliméntase de vermes, crustáceos, moluscos, equinodermos, hidrozoos e pequenos peixes.[8][14] Ás veces pode inxerir algas cando nada sobre o substrato en busca de presas. A súa robusta dentición de espárido permítelle romper cunchas, cachos e cascas.[4][14] Cando este peixe mantense nun acuario, non é raro velo alimentándose de anemones de mar xoves.[14]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Esta especie normalmente ten os sexos separados, pero algúns individuos son hermafroditas con protandria parcial,[13][14][16] É dicir, as gónadas masculinas maduran antes que as femininas, polo que algúns machos coa idade transfórmanse en femias. Porén, estudos histolóxicos confirman que non hai tecido funcional dexenerado dun sexo (por exemplo, folículos ováricos vitelóxenos ou en etapas posteriores) e non se puido encontrar proliferación de tecido do outro sexo nesta especie, o que indica a ausencia de cambio de sexo. Esta condición particular tamén se coñece como hermafroditismo non funcional, antigamente denominado hermafroditismo rudimentario.[16]

En Galicia reprodúcense nos meses de abril a xuño. Alcanzan a madurez sexual ao cabo dun ano, cando miden uns 10 cm de lonxitude.[8]

A data da desova depende da temperatura e, polo tanto, da área xeográfica considerada: de abril a xuño no Atlántico e o Mediterráneo occidental, entre febreiro e abril no Mediterráneo oriental, e de xullo a setembro no mar Negro.[14]

Os ovos e as larvas son planctónicos durante un mes. As larvas chegan á costa durante o mes de xuño no Mediterráneo occidental, ao mesmo tempo que Diplodus sargus e D. cervinus. Pero mentres que os xuvenís das últimas dúas especies se encontran en fondos rochosos pouco profundos (de 1 a 2 m), os xuvenís de D. annularis se poden encontrar até 15 m de profundidade (sempre por encima da termoclina).[14]

Pesca[editar | editar a fonte]

Esta especie é relativamente máis rara na actualidade do que foi no pasado, aínda que segue a ser bastante común. Considérase unha especie importante na prsca artesanal e na deportiva no Mediterráneo. Hai estudos que demostran que, en termos de biomasa, a especie mostrou unha tendencia decrecente co tempo, de tamén que as áreas mariñas protexidas benefíciana.[17]

A súa pesca realízase en embarcacións semiindustrializadas (Sicilia e o Adriático), artesanais e deportivas. Captúrase con redes de arrastre, redes de praia, liñas de man, liñas longas de fondo e redes de enmalle e trasmallos. Está regularmente presente na maioría dos mercados, sendo moi común en Israel, pero rara vez pode verse nos mercados de Marrocos.[1]

En Turquía, os datos das capturas nos anos 1995-2006 son: 1995, 304 t; 1996, 456 t; 1997, 500 t; 1998, 315 t; 1999, 550 t, 2001, 280 t; 2002, 548 t; 2006, 552 t. Estas cifras indican que as poboacións da especie son estábeis.[18]

Regulamento europeo[editar | editar a fonte]

Segundo a última disposición da Unión Europea, de data 21 de decembro de 2006, a captura de calquera individuo de menos de 12 cm está prohibida, calquera que sexa a técnica utilizada.[14]

Especies semellantes[editar | editar a fonte]

Diplodus annularis adoita confundirse con Diplodus sargus (o sargo). Este último ten o opérculo co bordo negro e a mancha escura do pedúnculo caudal ten forma de sela e non chega ao bordo inferior do pedúnculo caudal. As súas aletas pelvianas e o bordo da caudal son escuras. Así mesmo tamén pode confundirse con Pomadasys incisus (da familia dos hemúlidos) cando está presente na mesma zona; porén, este último non ten unha mancha opercular negra, si ten aletas amarelas.[14]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Debido ao seu tamaño máis pequeno en comparación con outras especies de sargos, Diplodus annularis é o sargo que persiguen a maioría dos depredadores: meros, congros, moreas, luras, sepias etc. Mientres que os xuvenís non deixan de seren moi tímidos, os adultos non permiten que se lles acerquen demasiado. Diplodus annularis é diúrno e pasa a noite, como os outros sargos, situándose no fondo con todas as aletas despregadas para pareceren máis grandes aos ollos de posíbeis depredadores.[14]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo os expertos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), a especie está moi estendida e é moi común en todo o mar Mediterráneo, sendo localmente abundante en hábitats apropiados. Existe certa presión da pesca comercial, pero non hai indicios de diminución da poboación, poque a UICN cosidera o seu status como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Bizsel, C.; Kara, M. H.; Pollard, D.; Yokes, B.; Goren, M. & Francour, P. (2011): Diplodus annularis na Lista vermella da UICN. Versión 2019-3. Consultada o 23 de xaneiro de 2020.
  2. Lahuerta Mouriño & Vázquez Álvarez 2000, p. 136.
  3. 3,0 3,1 3,2 Diplodus annularis (Linnaeus, 1758) no WoRMS. Consultada o 23 de xaneiro de 2020.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Diplodus annularis (Linnaeus, 1758) en FishBase. Consultada o 23 de xaneiro de 2020,
  5. Diplodus annularis(Linnaeus, 1758) no ITIS. Consultada o 23 de xaneiro de 2020.
  6. Diplodus Rafinesque, 1810 no WoRMS. Consultada o 23 de xaneiro de 2020.
  7. annular no Online Etymology Dicitionary.
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 Rodríguez Villanueva & Vázquez 1994, p. 152.
  9. 9,0 9,1 9,2 Miller & Loates 1999, p. 194.
  10. Crec'hriou, R.; R. Neveu & P. Lenfant (2013): "Length-weight relationship of main commercial fishes from the French Catalan coast". J. Appl. Ichthyol. 29 : 1191-1192.
  11. Bauchot, M. L. (1987): "Poissons osseux". En W. Fischer, M. L. Bauchot & M. Schneider (eds.) Fiches FAO d'identification pour les besoins de la pêche. (rev. 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de pêche 37. Vol. II. Roma: Commission des Communautés Européennes et FAO, pp. 891-1421.
  12. 12,0 12,1 12,2 Raspallón (Diplodus annularis) Arquivado 21 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine., en Catálogo de peces. Fichas completas. Ictiología. En Maestropescador.com (en castelán).
  13. 13,0 13,1 13,2 Bauchot, M. L. & Hureau, J. C. 1986, pp. 883-907.
  14. 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 Sparaillon. Diplodus annularis (Linnaeus, 1758) no DORIS (Données d'Observations pour la Reconnaissance et l'Identification de la faune et la flore Subaquatiques).
  15. Joseph Cornide, Ensayo de una historia de los peces y de otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo, co seu nome linneano, Sparus annularis.
  16. 16,0 16,1 Alonso-Fernández, A.; J. Alós; A. Grau; R. Domínguez-Petit & F. Soborido-Rey (2011): "The use of histological techniques to study the reproductive biology of the hermaphroditic mediterranean fishes Coris julis, Serranus scriba, and Diplodus annularis". Marine and Coastal Fisheries 3 (1):145-159.
  17. Mouillot, D.; Culioli, J.; Pelletier, D. & Tomasini, J. (2008:: "Do we protect biological originality in protected areas? A new index and an application to the Bonifacio Strait Natural Reserve". Biological Conservation 141 (6): 1569-1580.
  18. Datos: Informes anuais da Organización Estatística do Estado de Turquía 1996-2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bauchot, M. L. & Hureau, J. C. (1986): "Sparidae". En: P. J. P. Whitehead; M. L., Bauchot; J. C. Hureau; J. Nielsen & E. Tortonese (eds.), Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean, 2 vols. París: UNESCO. ISBN 92-3-002215-2 (vol. 1), ISBN 92-3-002308-6 (vol. 2), pp. 883-907.
  • Bauchot, M. L. & Smith, M. M. (1984): "Sparidae". En: W. Fischer & G. Bianchi (eds.), FAO species identification sheets for fishery purposes. Western Indian Ocean (Fishing Area 51). Roma: FAO.
  • Bauchot, M. L. & Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-683-6.
  • Bodington, P. (2000): "Enterprise experiences in the culture of new sparids". Cahiers Options Méditerranéennes 47 : 135–139.
  • De la Paz, R. M.; Bauchot, M. L. & Daget, J. (1973): "Les Diplodus (Perciformes, Sparidae) du groupe Sargus: systématique et phylogénie". Ichthyologia 5: 113–128.
  • Fischer, W.; Bauchot, M. L. & Schneider, M. (1987): Fiches FAO d'identification des espèces pour les besoins de la pêche. (Révision 1). Méditerranée et mer Noire. Zone de Pêche 37. Volume 2: Vertébrés. ("Sparidae"). Roma: FAO.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Vázquez Álvarez, Francisco X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-4532-913-8.
  • Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis, Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiæ: impensis direct. Laurentii Salvii.
  • Miller, Peter J. & Loates, Michael J. (1999): Peces de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-123-X.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Vázquez, Xavier (1994): Peixes do mar de Galicia (II). Peixes óseos: xeneralidades, clasificación e orde perciformes. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-793-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]