Delphinus capensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Delphinus capensis

Tamaño comparado co dun humano
Tamaño comparado co dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Delphinus
Especie: D. capensis
Nome binomial
Delphinus capensis
Gray, 1828 [2]
Distribución de Delphinus capensis
Distribución de Delphinus capensis

Distribución de Delphinus capensis
Sinonimia
Referencia:[3]
  • Delphinus bairdii Dall, 1873
  • Delphinus major Gray, 1866
  • Delphinus tropicalis van Bree, 1971
Grupo de Dlephinus capensis.

Delphinus capensis Gray, 1828, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

É un golfiño oceánico propio as augas tropicais e subtropicais achegadas ás costas de do Pacífico, as costas africanas e suramericanas, o mar Vermello e o océano Índico.[3][4]

Durante moitos anos non foi considerado como unha especie, senón como unha subespecie do golfiño común (Delphinus delphis).

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi definida por John Edward Gray en 1828, en Spicilegia Zoologica, 1: 1-2, tab. 2.[3]

Pero até 1994, cando se recoñeceu como especie diferente a Delphinus capensis,[4][5] críase que era a única especie do xénero Delphinus.

Posteriormente, en 1971, van Bree definu unha terceira especie, Delphinus tropicalis, pero na actualidade non é admitida pola comunidade científica, e os ictiólogos considérana como unha subespecie de Delphinus capensis, clasificada hoxe como Delphinus capensis tropicalis Jefferson & Van Waerebeek, 2002.[5]

Características[editar | editar a fonte]

Delphinus capensis é un golfiño oceánico de mediano tamaño, en xeral máis pequeno que o golfiño común.

Os adultos miden entre 1,9 e 2,5 m de lonxitude, e poden pesar entre 80 e 235 kg; porén, o peso máis frecuente flutúa entre os 80 e os 150 kg.[6]

Os machos Os machos son lixeiramente máis grandes e pesados que as femias.

O corpo é esvelto, hidrodinámico, delgado, máis que o do golfiño común, e ten un fociño longo, tamén máis longo que o daquel, e de cor gris escura ou negra, aínda que pode ter a punta branca; hai unha pregadura ben marcada entre o bico e a fronte, que descende desde o alto da cabeza en suave declive.[7]

Na boca teñen entre 80 e 120 dentes cónicos, pequenos, simliares (homodonte), en cada maxilar.

Presentan unha aleta dorsal alta, situada no centro do lombo, e de forma que pode variar entre a falciforme á case triangular, e a súa cor pode oscilar entre a negra a practicamente a branca agrisada, cos bordos máis escuros, grises ou negros. As aletas pectorais son relativamente pequenas, anchas, de cor negra ou gris, e cos extremos lixeiramente acabados en punta; os bordos da punta son convexos. O pedúnculo caudal é fino, de cor gris clara, e a aleta caudal é de cor gris escura ou negra, cunha lixeira fendedura separando os dous lobos, que teñen os extremos dirixidos cara a atrás e están rematados en punta.[7]

A coloración é moi vistosa, semellante á de Delphiunus capensis, pero máis apagada, co lombo gris, negro, negro purpúreo ou apardazado, que forma unha "V" ou unha "X" debaixo da aleta dorsal, como debuxando a súa sombra (deseño denominado "en reloxo de area"), que se vai aclarando no pedúncluo caudal. O ventre é branco ou de cor crema, que se ve interrompida por unha ou dúas liñas amarelas ou gises, descontinuas; na rexión torácica dos flancos presenta unha mancha (o chamado parche torácico) de cor amarelada ou crema torrada. Ao redor dos ollos levan un anteface negro, que se prolonga ata o bico. Presentan, tamén, unha estreita banda escura desde a aleta pectoral ata o centro do maxilar inferior.[7][8][9]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Golfiño común#Bioloxía.

Semellante á do golfiño común.

Diferenzas entre as dúas especies do xénero Delphinus[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Golfiño común.
Golfiños comúns.

As dúas especies do xénero Delphinus son moi semellantes; tanto que, como quedou dito, durante moito tempo se consideraron conespecíficas.

A diferenza máis evidente entre o Delphinus delphis e Delphinus capensis é a lonxitude e a anchura do peteiro. Porén, hai tamén outros trazos distintivos.

Delphinus delphis ten o corpo algo máis repoludo, a cabeza máis arredondada, un debuxo máis coplexo no seu bico, o anteface máis chamativo, unha banda máis estreita entre a mandíbula interior e as aletas pectorais e unhas cores máis brillantes, e adoita vivir máis lonxe das costas.

Delphinus capensis ten un perfil máis fino, pouco ou nada de branco entre o ollo e a aleta pectoral, a fronte máis suave, o debuxo do bico moito máis simple e unhas cores máis apagadas, e normalmente vive máis cerca da costa. Tamén hai diferenzas de comportamento entra ambas as especies.[7]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Recoñécense dúas subespecies:[2]

A primeira identificouse na costa leste de Suramérica, África occidental, suroeste do Xapón, Corea, noroeste de Taiwán, as costas de California até o sueste de México, o Perú e Suráfrica.[4]

A segunda distribúese polas costas do Índico|Indo-Pacífico, desde o mar Vermello e Somalia, até Taiwán occidental, suroeste da China e Indonesia, incluíndo o golfo Pérsico e o golfo de Tailandia.[4]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Aínda que a especie está moi estendida e abundante, é probábel que os seus efectivos experimentaran nas últimas décadas aumentos ou descensos de centos de miles de individuos en diversas zonas (especialmente no oeste de África, nas costas orientais e occidentais de Sudaméica e do sueste de Asia) onde se sabe de capturas incidentais nas pescarías nun número descoñecido, pero que posibelmente sexa de gran magnitude, polo que é difícil facer unha avaliación fiábel dos efectos sobre a especie. Por iso, Delphinus capensis foi catalogado pola UICN en 2008 como DD (datos insuficientes).[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hammond, P.S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W.F., Scott, M.D., Wang, J.Y., Wells, R.S. & Wilson, B. (2008). "Delphinus capensis". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 7 October 2008. 
  2. 2,0 2,1 Delphinus capensis Gray, 1828 en ITIS.
  3. 3,0 3,1 3,2 Don E. Wilson & DeeAnn M. Reeder, ed. (2005). Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3 ed.). Johns Hopkins University Press. p. 2.142. ISBN 0801882214. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B (asesores) (2008): Lista vermella Arquivado 18 de setembro de 2018 en Wayback Machine. de especies ameazadas da UICN.
  5. 5,0 5,1 WoRMS
  6. Shirihai, H. & Jarrett, B. (2006). Whales, Dolphins and Other Marine Mammals of the World. pp. 174–176. ISBN 0-691-12757-3. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Carwardine, M. (1995), pp. 164-167.
  8. Reeves, Stewart, Clapham, Powell (2002). Guide to Marine Mammals of the World. p. 388. ISBN 0-375-41141-0. 
  9. "The Common Dolphin". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2008. Consultado o 20 de setembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Mead, J. G. e Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. e Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. pp. 723–743. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • Perrin, William F.; Bernd Wursig e J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
  • Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1-891276-03-3.
  • Stewart, Brent S.; Phillip J. Clapham, James A. Powell e Randall R. Reeves (2002): National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World. ISBN 0-375-41141-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]