Dólar de prata do bicentenario de Abraham Lincoln

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de prata do
bicentenario de Abraham Lincoln
A/: Busto de Abraham Lincoln. Data e marcas de ceca (P), de deseñador (JK) e de gravador (DE).

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY

R/: As 43 derradeiras palabras do Discurso de Gettysbourg, rodeadas por coroa de loureiro. No exergo, pergamiño coa sinatura de Lincoln. Marca de gravador (PH).

Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / E PLURIBUS UNUM

O dólar de prata do bicentenario de Abraham Lincoln é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2009 e cuñada pola Ceca de Filadelfia.

Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 109-285, do 27 de setembro de 2006,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda na honra de do décimo sexto presidente dos Estados Unidos, Abraham Lincoln (1809-1865), en conmemoración do bicentenario do seu nacemento.[2][3]

Deseño[editar | editar a fonte]

No anverso da moeda, deseñado por Justin Kunz e gravado por Don Everhart, represéntase un busto de Abraham Lincoln inspirado nunha escultura obra de Daniel Chester French, que se atopa no interior do Lincoln Memorial, de Washington. Rodeando o busto aparecen os lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, así como a data de emisión da moeda.[2][3]

Escultura de Daniel Chester French sita no Lincoln Memorial, de Washington, na que se inspira o retrato de Lincoln no anverso deta moeda conmemorativa.

Pola súa banda, o reverso, obra da gravadora da US Mint Phebe Hamphill, reproduce as 43 derradeiras palabras do famoso Discurso de Gettysbourg, pronunciado por Lincoln durante a Guerra Civil, o 19 de novembro de 1863: WE HERE / HIGHLY RESOLVE / THAT THESE DEAD / SHALL NOT HAVE DIED / IN VAIN - THAT THIS / NATION, UNDER GOD, / SHALL HAVE A NEW / BIRTH OF FREEDOM - AND / THAT GOVERNMENT OF / THE PEOPLE, BY THE / PEOPLE, FOR THE / PEOPLE, SHALL NOT / PERISH FROM THE EARTH ("Resolvemos que estes mortos non morreron en van; que esta nación, baixo Deus, ha ter un renacemento de liberdade, e que o Goberno do pobo, polo pobo, para o pobo, non desaparecerá da Terra". O discurso aparece rodeado por unha coroa de loureiro. Na parte inferior, un pergameo ten inscrita a sinatura de Lincoln, así como o valor facial da moeda e o lema E PLURIBUS UNUM; e na parte superior a lenda indica o nome do país emisor.[2][3]

Produción e comercialización[editar | editar a fonte]

A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 12 de febreiro de 2009, coincidindo coa data exacta do 200 aniversario do Nacemento de Lincoln.[2][3]

A súa produción foi de 127.710 moedas na súa condición estándar e 372.224 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 499.934 exemplares.[3][4]

Consonte a lei que autorizou o dólar de prata conmemorativo do bicentenario de Abraham Lincoln, o beneficio acadado pola súa venda foi destinado á Comisión do Bicentenario de Abraham Lincoln, para mromover o traballo de planificación da súa celebración e o estudo continuo da vida de Lincoln.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]