Antía Jácome
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de novembro de 1999 (24 anos) Pontevedra, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | piragüista |
Lingua | Lingua castelá |
Deporte | piragüismo |
Disciplina deportiva | Piragüismo en augas tranquilas |
Participou en | |
agosto de 2021 | Canoagem nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - C-1 200 m feminino (pt) (5ª) |
Antía Jácome Couto, nada en Pontevedra o 22 de novembro de 1999,[1] é unha piragüista galega. Compite na modalidade de augas tranquilas, na que foi dúas veces campioa europea e catro veces subcampioa do mundo. Competiu nos Xogos Olímpicos de 2020 en Toquio, onde conseguiu un diploma olímpico.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Comezou a practicar piragüismo aos 12 anos na Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, da súa cidade natal, e pouco despois xa destacaba nas diferentes competicións nas que participaba.[2] No 2017 foi subcampioa do mundo júnior no campionato celebrado na cidade romanesa de Pitești, na que competiu xunto a María Pérez no C2 200 metros.[3]
En 2018 competiu no Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Belgrado, no C2 nas distancias 200 e 500 metros, finalizando en sexto e noveno lugar, respectivamente. Formou parella en ambas probas con Patricia Coco.[4] Ese mesmo ano participou tamén no Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas, en Montemor-o-Velho, quedando sétima con María Pérez no C2 200 m e non logrando meterse na final do C1 200.[5]
En 2019 gañou tres medallas de ouro e unha de prata na Copa de España de Piragüismo.[6] No Campionato Mundial, en Szeged competiu con Patricia Coco no C2 500, buscando un pase aos Xogos Olímpicos de 2020, pero non o lograron, quedando fóra da final.[7][8] Con todo, tralo adiamento dos Xogos ao 2021, logrou unha praza para a cita olímpica do C1 200m, ao superar á madrileña María Corbera no selectivo celebrado en Verducido.[9]
Xa en Toquio, logrou meterse na final despois de conseguir un terceiro posto na primeira serie, o primeiro lugar nos cuartos de final e un cuarto nas semifinais.[10] Na final acadou o quinto posto, quedando a dúas décimas das medallas e regresando cun diploma olímpico.[11] Un mes e medio despois proclamouse por primeira vez subcampioa do mundo de C1 200 m, no certame celebrado en Copenhague, onde quedou segunda por detrás da canadense Katie Vincent e por diante da polaca Dorota Borowska.[12]
Nos Campionatos de Europa de 2022 en Múnic, conseguiu o ouro na proba de C1 200 metros e a prata no C2 da mesma distancia, onde competiu xunto a María Corbera.[13] En 2023 participou nos Xogos Europeos en Cracovia, que no referente ao piragüismo funcionaron como un Campionato Europeo. Conseguiu o ouro na proba de C2 200 m mixto,, na que participou xunto ao cangués Pablo Graña, e a prata no C2 500 m, con Corbera como compañeira.[14]
Ese mesmo ano disputou unha nova edición do Campionato Mundial, na cidade alemá de Duisburgo, onde sumou tres novas medallas de prata. A primeira delas chegou na final do C1 200, onde foi superada só pola cubana Yarisleidis Cirilo e na que quedou por diante da chinesa Lin Wenjun, resultado co que conseguiu praza para os Xogos Olímpicos de 2024.[15] Unha hora máis tarde quedou de novo segunda na final do C2 200, xunto a María Corbera, só por detrás da parella chinesa formada por Lin Wenjun e Shuai Changwen.[15] Ao día seguinte a parella Jácome-Corbera sumou a prata tamén no C2 500, así como outro billete olímpico.[16]
Palmarés internacional[editar | editar a fonte]
Campionato do Mundo | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2021 | Copenhague | Prata | C1 200 m |
2023 | Duisburgo | Prata | C1 200 m |
Prata | C2 200 m | ||
Prata | C2 500 m | ||
Campionato Europeo | |||
Ano | Lugar | Medalla | Competición |
2022 | Múnic | Ouro | C1 200 m |
Prata | C2 200 m | ||
2023 | Cracovia | Ouro | C2 500 m mixto |
Prata | C2 200 m |
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Antía Jácome Couto" (en castelán). Comité Olímpico Español. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2018. Consultado o 02 de setembro de 2018.
- ↑ "Antía Jácome, bronce mundial en la Copa Sprint". La Voz de Galicia (en castelán) (Pontevedra ed.). 8 de xuño de 2016. p. 9.
- ↑ "Pablo Graña, campión do Mundo". Galicia Confidencial. 30 de xullo de 2017. Consultado o 31 de xullo de 2021.
- ↑ "Resultados Belgrado 2018". CanoeResults (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2019.
- ↑ "Resultados Montemor 2018" (PDF). CanoeICF (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2019.
- ↑ "Cuatro medallas para Antía Jácome, María Corbera y Patricia Coco en Verducido" (en castelán). 19 de maio de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2019.
- ↑ "Patricia Coco tendrá que buscar los Juegos en el Europeo" (en castelán). 26 de agosto de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2019.
- ↑ "Resultados Szeged 2019" (PDF). CanoeICF (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2019.
- ↑ "Antia Jácome, en C1200 metros, logra la última plaza olímpica". Marca (en castelán). 1 de xullo de 2021. Consultado o 31 de xullo de 2021.
- ↑ Espiño, Diego (4 de agosto de 2021). "Antía Jácome avanza a semifinais na súa estrea nos Xogos Olímpicos". Pontevedra Viva. Consultado o 5 de agosto de 2021.
- ↑ Espiño, Diego (5 de agosto de 2021). "Diploma olímpico para Antía Jácome cun brillante quinto posto no C-1 200 metros". Pontevedra Viva. Consultado o 5 de agosto de 2021.
- ↑ Dapena, Almu (19 de setembro de 2021). "Medalla de prata para Antía Jácome no Campionato do Mundo Sprint de Copenhague". Pontevedra Viva. Consultado o 19 de setembro de 2021.
- ↑ "Adrián Sieiro y Antía Jácome, medallas de oro en los europeos de Múnich". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de setembro de 2022. Consultado o 1 de xaneiro de 2024.
- ↑ Dapena, Almu (24 de xuño de 2023). "Antía Jácome y Pablo Graña, campeones de Europa en C-2 200 mixto". Pontevedra Viva (en castelán). Consultado o 1 de xaneiro de 2024.
- ↑ 15,0 15,1 "Antía Jácome se baña en plata y sella su billete para los Juegos Olímpicos de París". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de agosto de 2023. Consultado o 1 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Tercera plata mundialista para Antía Jácome y plaza para París en el C2 500 con María Corbera". Pontevedra Viva. 26 de agosto de 2023. Consultado o 1 de xaneiro de 2024.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Datos da piragüista no sitio web da Federación Internacional de Piragüismo (en inglés).
- Datos da piragüista Arquivado 31 de xullo de 2021 en Wayback Machine. no sitio web do Comité Olímpico Internacional (en inglés).