Aguia (Terra Media)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Aguia Gwaihir.

As Aguias son as máis grandes e nobres aves creadas por Manwë e Yavanna antes do despertar dos Fillos de Ilúvatar. Segundo os diálogos sostidos entre estes dous Valar, recollidos no Silmarillion, Manwë reveloulle a Yavanna que na Canción dos Ainur os cantos de ambos se elevaran xuntos. Isto quería dicir que o reino de Manwë (o ar) e o de Yavanna (os seres vivos) crearían algo xuntos. Manwë púxolles a estas aguias espíritos benaventurados para que deste xeito fosen os seus nobres vasalos, vixías e mensaxeiros.

Historia[editar | editar a fonte]

A súa misión principal era a de ser mensaxeiras de Manwë, aínda que tamén tiñan a de axudar ós elfos e ós homes contra Morgoth, na Primeira Idade do Sol, cando o seu líder era Thorondor. Durante esta Idade, rescataron a Maedhros e Fingon, a Beren e Lúthien cando roubaron o Silmaril da coroa de Morgoth, a Fingolfin no seu combate contra Morgoth e rescataron o seu corpo para que descansara nun lugar a salvo, preto da cidade de Gondolin. Tamén participaron na Guerra da Cólera.

Na Segunda Idade, cando a condenación de Númenor se achegaba, moitos homes creron ver, entre as escuras nubes de treboada, ás aguias de Manwë voando cara a eles dende o Occidente en formación de combate, e interpretárono como un sinal da ira dos Valar.

Na Terceira Idade, as aguias das Montañas Bretemosas, dirixidas por Gwaihir, axudaron a Gandalf e a Radagast. Antes da Batalla dos Cinco Exércitos, axudaron a Gandalf, ós ananos e a Bilbo Bulseiro, ademais de que participaron en dita batalla. Durante a Guerra do Anel liberaron a Gandalf de Orthanc e rescataron a Frodo e a Sam das ladeiras en chamas de Orodruin.

Descrición[editar | editar a fonte]

As aguias eran realmente xigantescas. Na Primeira Idade tiñan ata 30 metros de envergadura das ás. Na Terceira Idade eran máis pequenas, pero aínda o suficientemente grandes como para levar ás costas a un home. Ademais, podían falar as linguas dos homes e elfos e vivían moito tempo.