José Ernesto Díaz Noriega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJosé Ernesto Díaz Noriega
Biografía
Nacemento1912 Editar o valor em Wikidata
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Morte21 de febreiro de 2002 Editar o valor em Wikidata (89/90 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndirector de cinema Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0246480 Editar o valor em Wikidata

José Ernesto Díaz Noriega, nado en Barcelona en 1912 e finado en Madrid o 21 de febreiro de 2002, foi un director de cinema afeccionado, coñecido principalmente por El cine amater (1965).

Viviu e filmou en Madrid, nos anos 1930, e vinte anos despois en Galicia.[1] Adoitaba asinar os seus filmes como JEDN ou Díaz-Noriega. Na película Os Suevos (1974) asina como Xosé E. Díaz-Noriega, e como X. E. Díaz-Noriega nos créditos de Illa (1976), na que aparece como actor.

A finais da década de 1980, xa xubilado, mudouse a Madrid.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casado con Julia Villalva Aguirre, durante a guerra civil española combateu co exército franquista, logo de que o seu sogro Federico Villalva, habilitado do Congreso dos Deputados, fose asasinado xunto ao seu fillo Bernardo, o 7 de xuño de 1936 nos arredores de Madrid.[3]

Traballou como enxeñeiro agrícola en Valencia, Madrid e na Coruña, onde chegou a principios de 1960,[1] despois de estar máis de vinte anos sen tocar unha cámara.[4] Foi membro fundador, en 1963, do Club de Cine Amateur da Coruña[5][6], dependente da Asociación fotográfica de educación e descanso.[7] Nas súas instalacións promoveu, entre 1963 e 1971, sete edicións do Festival de Cine Amateur.[1][7] Tamén foi o primeiro presidente da Asociación de cine de Galicia. Dirixiu o Certame de Cine de Humor da Coruña e foi xurado de moitos festivais.[2] Filmou as súas películas en 8mm, S8mm e 16mm.

Las ninfas de la charca (1935) é unha parodia do cinema de excursións,[4] pero ao mesmo tempo se inspira nas coreografías de Busby Berkeley. As imaxes filmadas no interior dunha prisión franquista para Revista 8 (1939) foron reutilizadas por Péter Forgács na súa obra de remontaxe El perro negro: Stories from the Spanish Civil War (2004).[8][9] Banderas victoriosas (1939), tamén coñecida como Trailer, é unha parodia ou "caricatura" do desfile da vitoria franquista.[5]

Sever Odnum, ou El mundo al revés (1964), é unha aparente obra vangardista que na realidade está parodiando "os filmes pretenciosos", cheos de "simbolismos de patacón", presentados por Font e Pruna no II festival de Cine de Humor da Coruña.[10] Os nomes destes cineastas cataláns repítense burlonamente na banda sonora.

As súas películas e sonorizacións teñen unha forte compoñente política. O seu filme Os Suevos (1974), que naceu como encargo familiar, foi incautada en 1974 polo gobernador civil durante as Xornadas de cinema de Ourense, polas súas referencias políticas e irreverencia relixiosa.[11]

Al-nasr al-tair (1969) foi un encargo institucional do concello de Carballo con motivo dunha homenaxe a Eduardo Pardo, xeneral de aviación. Díaz Noriega remontou as imaxes da cerimonia con irreverente humor, rompendo a sincronización de imaxe e son. O concello negouse a pagar pola película, polo que acabou nos tribunais, onde Díaz Noriega foi recoñecido como autor da montaxe e por tanto do significado da película, por moito que as imaxes en sí non estiveran rodadas por el.[12] O título Al-nasr al-tair, que Díaz Noriega tirou dun artigo de Álvaro Cunqueiro na revista Destino,[13] é o nome árabe da estrela Altair (Alpha Aquilae) e significa "aguia voadora".[14]

Sonorizacións[editar | editar a fonte]

Díaz Noriega sonorizou películas mudas (de Buster Keaton, Charles Chaplin, Ernst Lubitsch, Murnau, Fritz Lang, Eisenstein),[15] desde unha óptica humorística e política. Nalgunhas destas sonorización simplemente actualiza o argumento, pero a outras lles aplica un proceso de "deturpación" ou détournement (ao estilo das películas de René Viénet)[16] que cambian e subverten por completo o seu significado. A súa adaptación de Nosferatu (Murnau, 1922), titulada Manuscrito encontrado en Zarazwela o Nos fera tu la pugnete (1977), é unha sátira política dos anos da Transición española. A súa Metrópolis (sonorización da obra de Fritz Lang de 1926) introduce a diglosia existente en Galicia, ademais da dicotomía de clase, ao facer falar galego ás clases traballadoras do submundo e español ás clases dominantes.[17] Esta utilización do galego é similar á empregada nas sonorizacións de Alexander Nevski (Eisenstein), na que emprega o galego cando falan os tártaros, e na de The Iron Horse (John Ford), na que os nativos americanos falan galego.[18]

En Sangre y arena (sonorización de Blood and Sand, Fred Niblo, 1922), "nova versión musical falada en andaluz, con subtítulos en inglés",[19] fai unha ruptura da banda sonora para "crear outro filme diferente cunha magnífica utilización da música",[20] que inclúe a Carmen de Bizet e cancións de Antonio Machín, Sara Montiel, "La banda está borracha" e "Son tus perjúmenes mujer".[19]

Díaz Noriega e o cinema galego[editar | editar a fonte]

Díaz Noriega foi o "grande impulsor do cinema afeccionado en Galicia".[21] Tanto polo seu activismo cinematográfico como pola súa filmoteca persoal, así como pola súa destreza técnica, Díaz Noriega converteuse nunha "especie de pai espiritual"[19] ou "padriño" dun grupo de xoves cineastas (Carlos L. Piñeiro, Xavier Villaverde, Manuel Abad, Enrique Baixeras) que darían pé á fundación dos colectivos Imaxe, Lupa ou Enroba.[22]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • Las ninfas de la charca (1935, 8mm)
  • El viejo parque del Oeste (1936)
  • Revista 8. Apuntes del 36 al 39 (1939)
  • Un frente en calma (1939)
  • Banderas victoriosas (1939)
  • Pastizales (1962)
  • Los viernes de moda (1963)
  • El martes pasado en Marined (1963)
  • Nuestros montes, nuestros pinos (1963)
  • Dos versiones del mar (1964)
  • Marinona marinera (1964)
  • Sever Odnum (Mundo al revés) (1964) (codirixida por Rafael Luca de Tena)[23]
  • El cine amater (1965)
  • El Jurado (1965)
  • Bosques de Galicia (1966) (realizado con Guillermo Camarero)[3]
  • El festival (1967)
  • Poema en JEDNS (1968)
  • Al-nasr al-tair (1969)
  • El anillo (1973)
  • Os Suevos (1974)
  • Una idea, un esfuerzo, una realidad (1981)
  • Jet Society (1982)[1][5]

Sonorizacións[editar | editar a fonte]

  • Fausto (Murnau)
  • Alexander Nevski (Eisenstein)
  • The Iron Horse (John Ford)
  • Paleface (Buster Keaton)
  • Manuscrito encontrado en la Zarazwela o Nos fera tu la pugnete (1977)
  • Metropolis
  • Sangre y arena (sonorización de Blood and Sand, de Fred Niblo, 1922)

Como actor[editar | editar a fonte]

  • A tola (Miguel Gato, 1974)
  • Fendetestas (Antonio Simón, 1975)
  • Illa (Carlos L. Piñeiro, 1976)
  • O herdeiro (Miguel Gato, 1976)
  • O pai de Migueliño (Miguel Castelo, 1977)

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Os seus filmes, pero especialmente El cine amater, gañaron numerosos premios en festivais de cinema amateur como os de Brno, Cannes, Estoril, Dubrovnik ou Bruselas.[24] Pero Díaz Noriega estaba especialmente orgulloso do Premio Tesoiras de Prata Delmiro de Caralt concedido polo Festival de Cinema Amateur de Barcelona.[25] Dos versiones del mar obtivo o primeiro premio no Certame Internacional de Cine do Mar de Santander, e El jurado gañou o primeiro premio do Festival de Oviedo.[3]

Foi homenaxeado no Festival de Cine de Humor da Coruña.[26]

En 2003 a súa obra foi depositada na Filmoteca Española.[5]

En 2006 Marcos Nine rodou a mediametraxe biográfica Pensando en Soledad e a curtametraxe J.E.D.N., versión reducida da anterior.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Cuesta e Folgar (1983), p. 144.
  2. 2,0 2,1 Fernández, C. (21 de febreiro de 2002). "Fallece Díaz Noriega, forjador del cine amateur gallego y Palma de Oro en Cannes". La Voz de Galicia. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Fernández, Carlos (2 de febreiro de 2002). "José Ernesto Díaz-Noriega fue el gran dinamizador del cine aficionado coruñés". La Voz de Galicia. 
  4. 4,0 4,1 Contel (1966).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Martín e Navarro (2020).
  6. Gómez Viñas (2015), p. 67.
  7. 7,0 7,1 Gómez Viñas (2015), p. 203.
  8. Gómez Viñas (2015), p. 71.
  9. Díaz Aznarte, Juan José (). El cine documental. Nuevas tendencias. Universidade de Granada, p. 17.
  10. Costa e Folgar (1983), p. 147.
  11. Cuesta e Folgar (1983), p. 149.
  12. Gómez Viñas (2015), p. 72.
  13. Cunqueiro, Álvaro (1969, 8 febreiro). "La Rubia y las estrellas". Destino. Barcelona, p. 25.
  14. "Altair". Dicionário de Nomes Próprios. 
  15. Cuesta e Folgar (1983), p. 151.
  16. Pagán (2020), p. 77.
  17. Pagán (2020), pp. 78-79.
  18. Folgar, Xosé Mª (1982, xullo-agosto-setembro). "O cine en Álvaro Cunqueiro", Grial nº 77, p. 208.
  19. 19,0 19,1 19,2 Cuesta e Folgar (1983), p. 154.
  20. Pérez Perucha citado en Weinrichter, Antonio (2007). La forma que piensa. Tentativas en torno al cine ensayo. Punto de Vista, p. 27.
  21. Consello da Cultura Galega (2004), p. 97.
  22. Gómez Viñas (2018), p. 24.
  23. Gómez Viñas (2015), p. 75.
  24. Consello da Cultura Galega (2004), p. 196.
  25. Cuesta Pastor (2020).
  26. Cuesta e Folgar (1983), p. 145.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Consello da Cultura Galega (2004), Libro branco de cinematografía e artes visuais en Galicia, Santiago de Compostela, ISBN 84-95415-96-8
  • Contel, Agustín (1966). "Galería de cineístas. José E. Díaz Noriega". Otro Cine, Año XV, Nº 80, setembro-outubro 1955, p. 24.
  • Cuesta, Xoán; Folgar, Xosé Mª (1983, abril-maio-xuño). "JEDN. José Ernesto Díaz Noriega". Grial, Tomo XXXI. Galaxia, pp. 142-154.
  • Cuesta Pastor, Juan (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. Un cineasta adelantado a su tiempo"
  • Gómez Viñas, Xan (2015). Do amateur ao militante: Implicacións políticas e estéticas do cinema en formato non profisional na Galiza dos anos 70, USC (tese de doutoramento).
  • Gómez Viñas, Xan (2018). "O Cine en Galiza, un relato discontinuo", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [1] Marcas na paisaxe. Galaxia, ISBN 978-84-9151-172-4
  • Martín, José Manuel; Navarro, Alejandro (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. JEDN. Pasen y vean". Flores en la sombra, Filmoteca española.
  • Menchón, Manuel (2020). "José Ernesto Díaz-Noriega, cineasta amateur. Juego y magia"
  • Pagán, Alberte (2020). "Illas descoñecidas", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [3] De illas e sereas. Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6
  • Tenreiro Uzal, Cibrán (2020). "Entre illas. Reciclaxe e arquivo no cinema galego", en Ledo Andión, Margarita (ed.), Para unha historia do cinema en lingua galega. [3] De illas e sereas. Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]