Das Klagende Lied

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Das Klagende Lied (Canción de pranto en tradución literal ó galego) é unha canción composta e musicada por Gustav Mahler.

Contexto[editar | editar a fonte]

A canción baséase nun texto de fonda raizame folclórica, xa que, con diversas variantes, pódese atopar en diferentes idiomas e tradicións europeas. A composición foi realizada por Mahler entre os anos 1879 e 1880. Sendo posteriormente revisada no 1893, no período 1898-1899 e no 1906.

Mahler presentou a composición inicial ó premio Beethoven no 1881, concurso aberto naquel tempo ás composicións dos diplomados do Conservatorio de Viena. O xurado, composto por Johannes Brahms, Josef Hellmesberger e Johann N. Fuchs decidiu outorgar o premio á obra Concerto de Robert Fuchs. Decepcionado Mahler, enviou a partitura a Franz Liszt e á editorial Schott. En ambos casos a obra foi rexeitada. Isto provocou a primeira revisión da composición (1893), sendo eliminados diversos fragmentos e facendo a obra máis concisa. Finalmente a estrea perante o público realizouse no Musikverein de Viena no 1901.

Estilo[editar | editar a fonte]

Aínda que catalogada coma Lied, trátase dunha obra híbrida, mestura de diversos xéneros. Por unha banda a temática, o predominio orquestral e a monumentalidade musical remiten ás obras de Wagner. Porén, o texto dramático repártese entre os solistas e o coro, impedindo a identificación solista-personaxe, tan tipicamente wagneriana. Por outra banda, o título, a forma estrófica ou o sentido vocal lembran máis a unha canción. Dalgún xeito, Mahler xa buscaba nesta obra de xuventude un xénero novo que lle permitise acadar os seus obxectivos artísticos. Esta procura culminaría na súa madurez, especialmente coa súa ópera sinfónica Das Lied von der Erde.

Nesta composición aparecen tamén dous dos recursos compositivos máis frecuentes nas obras de Mahler: a marcha pastoral (simbiose entre as marchas militares e as corais pastorais de orixe protestante) e a chamada Burgmusik (na que se manifesta ironicamente o ruído e agresividade do tumulto mundano).

Estrutura[editar | editar a fonte]

A obra divídese en tres partes: Waldmärchen (A marcha do bosque, eliminada na revisión de 1893), Der Spielman (O Xoglar)) e Hochzeitsstück (O Casamento).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • La música de Gustav Mahler: Una guia d'audició. Joan Grimalt. Editorial Duxelm (en catalán)