Carlos Santiago Pereira
Pereira | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Carlos Santiago Pereira | ||
Nacemento | 9 de setembro de 1951 | ||
Lugar de nacemento | Marín | ||
Altura | 1,85 m. | ||
Posición | Porteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Rápido de Pereiró | |||
Pontevedra | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1970–1972 | Atlético Pontevedrés | ||
1971–1974 | Pontevedra | 58 | (0) |
1974–1982 | Valencia | 58 | (0) |
1975–1976 | → Alavés | 12 | (0) |
1981–1982 | → Racing de Santander | 18 | (0) |
1982–1985 | Atlético de Madrid | 34 | (0) |
1985–1986 | → Celta de Vigo | 15 | (0) |
1987–1988 | Arenteiro | 19 | (0) |
1988–1989 | Gran Peña | ||
Selección nacional | |||
1970 | Galicia xuvenil | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Carlos Santiago Pereira, nado en Marín o 9 de setembro de 1951, é un exfutbolista galego, que xogaba na demarcación de gardameta. Despois de xogar no Pontevedra, foi traspasado ao Valencia, onde militou varios anos, gañando tres títulos, entre eles a Recopa de Europa 1979/80, na que destacou a súa actuación na final, detendo dous lanzamentos na quenda de penaltis. Xogou ademais no Alavés, no Racing de Santander, no Atlético de Madrid, no Celta de Vigo, no Arenteiro e no Gran Peña.
É tío do tamén porteiro Agustín, que militou durante case toda a súa carreira no Real Madrid.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Comezou a xogar ao fútbol no Rápido de Pereiró, club modesto de Castrelos, de onde pasou á canteira do Pontevedra CF.[1] Militando no equipo xuvenil do club foi convocado por Chao para xogar coa selección galega xuvenil.[2]
Na tempada 1970/71 comezou a xogar co filial do Pontevedra, o Atlético Pontevedrés, adestrado por Martín-Esperanza,[3] e na campaña seguinte debutou co primeiro equipo na Segunda División, nun encontro fronte ao Racing de Santander en Pasarón. Durante esa tempada compaxinou o filial co primeiro equipo, no que a titularidade alternaba entre Illumbe e Ardao, e na 1972/73 subiu ao primeiro equipo adestrado por Caeiro, facéndose coa titularidade por diante de Ardao e Amador, e disputando un total de 25 encontros. O equipo acabou descendendo a Terceira División, categoría na que Pereira continuou ocupando a portería unha tempada máis.
No ano 1974 foi traspasado ao Valencia CF por preto de 6 millóns de pesetas e o compromiso do club valenciano de xogar o Trofeo Luis Otero.[4] Debutou na Primeira División da man do adestrador iugoslavo Milovan Ćirić na cuarta xornada da tempada 1974/75, ante o FC Barcelona no Camp Nou. Tardou só tres minutos en recibir un gol, obra de Cruyff, nun partido que o Valencia perdeu 5-2.[5] Foi o seu único encontro da tempada, mentres que na seguinte xogou cedido no Deportivo Alavés en Segunda División.
Ao rematar a cesión volveu a Valencia, onde xogou os seguintes cinco anos, alternando a portería con Balaguer e Manzanedo primeiro, e con Sempere despois. Co equipo che gañou a Copa do Rei 1978/79 e debutou esa mesma tempada en competición europea, nun partido da Copa da UEFA contra o Argeș Pitești. Un dos mellores recordos que deixou en Valencia foi o encontro da final da Recopa de Europa 1979/80 contra o Arsenal FC, no que mantivo a cero a portería durante 120 minutos e detivo dous lanzamentos da quenda de penaltis que valeron o título para o equipo de Alfredo Di Stéfano, converténdose Pereira no heroe da final.[6][7]
Na seguinte tempada disputou a Supercopa de Europa contra o Nottingham Forest, da que o Valencia tamén se proclamou campión.[8]Mediada a tempada 1981/82 e sen contar con minutos no equipo de Pasieguito, saíu cedido seis meses ao Racing de Santander, onde foi titular ata o fin da campaña.
En agosto de 1982 fichou polo Atlético de Madrid onde xogaría as seguintes tres tempadas.[9] No equipo adestrado por Luis Aragonés tivo a competencia de Mejías, pero aínda así disputou un total de 58 partidos oficiais, conquistando a súa segunda Copa do Rei na tempada 1984/85.
En setembro de 1985 foi cedido ao Celta de Vigo a cambio da metade da ficha do xogador, que ascendía a 7 500 000 pesetas.[10] Alternou na portería con Maté e Chuco nunha campaña na que o Celta descendeu á Segunda División. Tras consumarse a perda de categoría non houbo acordo entre Celta e Atlético, polo que o xogador deixou Vigo tras disputar 15 encontros e encaixar 35 goles.
Na tempada 1987/88 asinou co Arenteiro, que da man de Agapito Viñas acababa de ascender por primeira vez na súa historia á Segunda División B.[11] Coincidiu no equipo con xogadores como Sobrino, Sequeiros ou Quecho, e disputou 21 partidos, pero deixou o club do Carballiño en febreiro de 1988 debido á súa mala relación co presidente José Pérez.[12] Para a seguinte tempada fichou co Gran Peña, equipo xa desligado do Celta de Vigo e co que xogou na Terceira División antes da súa retirada.[13]
O seu sobriño Agustín seguiu os seus pasos como porteiro e militou durante unha década no Real Madrid.[9]
Palmarés[editar | editar a fonte]
Valencia
- Copa do Rei (1): 1978/79.
- Recopa de Europa (1): 1979/80.
- Supercopa de Europa (1): 1980/81.
Atlético de Madrid
- Copa do Rei (1): 1984/85.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "El Valencia sigue fortaleciéndose". El Pueblo Gallego (en castelán) (19936). 16 de xaneiro de 1977. p. 17. Consultado o 4 de decembro de 2021.
- ↑ "La selección gallega de juveniles se enfrentará el jueves al Pontevedra". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de xaneiro de 1970. p. 12. Consultado o 4 de decembro de 2021.
- ↑ "Atlético Pontevedres, 2; Choco, 3". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de novembro de 1970. p. 15. Consultado o 4 de decembro de 2021.
- ↑ "Pereira, traspasado al Valencia". El Pueblo Gallego (en castelán) (18425). 30 de maio de 1974. p. 15. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Barcelona, 5 - Valencia, 2". El Pueblo Gallego (en castelán) (18537). 8 de outubro de 1974. p. 16. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Tal día como hoy en 1980… el Valencia CF conquistaba la Recopa de Europa" (en castelán). 14 de maio de 2020. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "La Recopa de 1980, entre penaltis y agresiones" (en castelán). 13 de maio de 2020. Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Supercopa 1980: El Valencia hace historia". UEFA (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ 9,0 9,1 Martínez Roig, Alex (27 de agosto de 1982). "Pereira: "Fichando por el Atlético pierdo dinero, pero gano en ilusión"". El País (en castelán). Consultado o 5 de decembro de 2021.
- ↑ "Pereira nuevo portero". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de setembro de 1985. p. 40.
- ↑ "El Arenteiro quiere hacer una buena campaña en Segunda «B»". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de xullo de 1987. p. 39.
- ↑ "El guardameta Pereira, que deja el Arenteiro, ya no jugará esta tarde frente al Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de febreiro de 1988. p. 45.
- ↑ "El Gran Peña con nuevo rumbo". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de agosto de 1988. p. 33.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Biografía en yojugueenelcelta.com (en castelán).
- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Nados en Marín
- Nados en 1951
- Futbolistas de Marín
- Gardametas de fútbol
- Xogadores do Pontevedra CF B
- Xogadores do Pontevedra CF
- Xogadores do Valencia CF
- Xogadores do Deportivo Alavés
- Xogadores do Atlético de Madrid
- Xogadores do Racing de Santander
- Xogadores do Celta de Vigo
- Xogadores do CD Arenteiro
- Xogadores do Gran Peña