Carbia, Vila de Cruces
Carbia | |
---|---|
Igrexa de San Xoán de Carbia. | |
Concello | Vila de Cruces[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°47′55″N 8°14′00″O / 42.79855851, -8.23343674Coordenadas: 42°47′55″N 8°14′00″O / 42.79855851, -8.23343674 |
Poboación | 453 hab. (2011) |
Entidades de poboación | 8[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Xoán de Carbia é unha parroquia que se localiza no concello de Vila de Cruces. Segundo o IGE en 2011 tiña 453 habitantes (229 mulleres e 224 homes), distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 581 habitantes.
Xeografía[editar | editar a fonte]
A parroquia está flanqueada polos montes do Coto do Castelo, o de Alcobre e o Coto das Covas. O regato Breixa, á vez que rega os prados que acompañan o seu curso, move algúns vellos muíños, e outrora movía varios batáns, nunha terra con alta produción de liño.
O cume do monte Madanela (650 m) en días de boa visibilidade permite unha panorámica da Galicia interior, cun alcance de ata cincuenta quilómetros.
Historia[editar | editar a fonte]
No monte Alcobre, que xa mostraba un torreón no século XIII, foi elixido por un Fonseca no século XV para levantar sobre el unha efémera fortaleza.
A camposa cenital do monte Madanela estaba presidida no século XIV por unha capela adicada a Santa María Madalena. En 1493 foi aforada, co coto de Pastoriza, polo último abade de Carboeiro ao conde de Altamira. Na aba do monte Madanela hai un castro, A Eira dos Mouros, cunha localización nada estratéxica.
A parroquia, capital tradicional da Terra de Carbia, foi despois capital do concello homónimo ata 1944. O 19 de setembro dese ano a sede do concello trasladouse a Vila de Cruces e tomou esta denominación de maneira oficial.
Patrimonio[editar | editar a fonte]
A igrexa de San Xoán de Carbia foi construída en 1766 con intervención dos frades dominicos de Santiago, que deixaron nela o escudo da Orde como proba do seu señorío secular na parroquia (no lugar de Abealla queda o recordo da tulla dos frades, onde gardaban as súas rendas de cereais). Os emigrados da parroquia en América contribuíron no século XX para facer máis alta e esvelta a torre do templo.
Festas[editar | editar a fonte]
Ademais da festa patronal de San Xoán, o segundo sábado de setembro celébrase a romaría da Nosa Señora das Pedras, que antigamente tiña unha capela no lugar de Casal.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
-
Monte da Madanela en Carbia visto dende Dombodán.
Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]
Lugares de Carbia[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Carbia no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) | |
---|---|
Abealla | O Abollo | O Casal | Covas | Pastoriza | A Pena | Pousadoiro | Serrape |