Saltar ao contido

Tranvía de Sóller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O tranvía na estación do porto de Sóller.

O Tranvía de Sóller é unha liña de tranvía situada na localidade balear de Sóller, na illa de Mallorca, España. Foi inaugurado oficialmente o 4 de outubro de 1913 e une a localidade de Sóller co seu porto marítimo. Circula polas rúas do centro de Sóller e cruza os campos e hortos de cítricos, e pasados estes transcorre en paralelo á estrada do porto (Ma-11), sobre unha vía de 914 mm de largo, idéntica á do ferrocarril de Sóller. O seu trazado é obra do enxeñeiro Pere Garau i Canyelles, que tamén deseñou a liña de ferrocarril que vai de Palma a Sóller.

O tranvía é un dos principais elementos representativos desta localidade de Mallorca, e é bastante frecuentado polos turistas, especialmente durante o verán.[1]

Percorrido

[editar | editar a fonte]
Percorrido do tranvía de Sóller.

O percorrido do tranvía ten unha lonxitude de 4,8 km e iníciase na estación de Sóller, onde enlaza co ferrocarril de Sóller que chega ata Palma. Percorre uns 800 metros aproximadamente atravesando o núcleo urbano, pasa por diante do mercado da vila e da igrexa. Pouco despois de pasar a parada Mercat abandona o núcleo urbano e penetra nos hortos de cítricos e os xardíns de Sóller, deixando atrás o asfalto das rúas. Tras cruzar o torrente Major mediante unha ponte e pasar a parada Monument, o tranvía transcorre paralelo á estrada Ma-11 ata chegar á baía. Pouco antes de chegar a este punto atópase a parada coñecida como Es Control, que está situada xusto na metade do percorrido, e a viaxe ata este punto vale a metade que se se realiza completo. A vía do trazado desde Sa Torre (primeira parada en liña de mar) ata o final do traxecto discorre xunto ao mar. A última parada áchase xunto aos peiraos do porto. O edificio que outrora foi a estación foi reconvertido nun restaurante.

Estacións

[editar | editar a fonte]

Debido a que o percorrido do tranvía non é moi longo, 5 km escasos, este posúe dúas únicas estacións. A primeira está situada no centro da vila de Sóller, na cal se pode facer transbordo co tren que vén desde Palma. A outra estación atópase no porto, enfronte da praia e xunto á antiga base militar. Na década de 1920 creouse un restaurante na estación, coñecido como Mar y sol. Como as funcións de estación (venda de billetes, espera do tranvía, acomodación nas xardineiras etc.) realizábanse xunto á vía, o edificio pasou a ser unicamente restaurante.

O tranvía tan só posúe dúas estacións, pero conta con catorce paradas ao longo do seu percorrido. O nome destas adoita provir da cultura popular, tomando a súa denominación de edificios ou puntos de interese próximos, como bares, restaurantes, hoteis ou monumentos. As paradas do tranvía son as seguintes:

  • Sóller (enlace co ferrocarril de Sóller)
  • Mercat
  • Ca'n Guina
  • Ca'n Reus
  • Monument
  • Ca'n Llimó
  • Ca n'Ahir
  • Roca Roja
  • Es Control
  • Sa Torre
  • S'Espléndido
  • Las Palmeras
  • S'Eden
  • Ca'n Generós
  • Marysol
  1. Oficina de turisme de Sóller (ed.). "Informació turística i general de Sóller i la seva comarca.". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 16 de xuño de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]