Saltar ao contido

Romaría de San Antón (Ábedes)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela de San Antón.

A romaría de San Antón, na parroquia de Santa María en Ábedes, Verín, celébrase o 17 de xaneiro.

Trátase dunha romaría que se atopa entre a mitoloxía ancestral e a relixiosidade popular. É unha festa celebrada durante toda unha xornada no monte desta pequena aldea chamada Ábedes, a 2 km da Vila de Verín.

A celebración está considerada como o primeiro acontecemento socio-gastronómico do ano. Tamén é unha tradición de culto ao lume.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A festa consiste en desprazarse ata o monte de dita parroquia, ó redor dunha capela antiga; vaise en cuadrillas de familiares e amizades e fanse pequenas fogueiras onde se cociñarán durante todo o día alimentos coma chourizos e pezas de carne de porco.

Un dos datos máis relevantes desta celebración para á comarca é a presentación, por primeira vez no ano, do traxe de Cigarrón. Este acto tamén dá comezo ó Entroido que se vive en Verín.

A celebración comeza ás 12:30 horas cunha procesión que parte dende a parroquia e que realiza o tradicional percorrido pola zona ata chegar á capela, onde ten lugar unha misa solemne ás 13:00 horas. A continuación, os veciños e veciñas da contorna pasan a xornada comendo os diferentes xantares típicos deste festexo, coma chourizos, costelas de porco, empanada e viño.

Para finalizar o festexo, nas derradeiras horas da tarde, fan a súa aparición os protagonistas do Entroido de Verín, Os Cigarróns, que visten o traxe por primeira vez no ano. Fan soar as súas chocas para anunciar que o gran Entroido de Verín está a piques de comezar.

Para que esta celebración sexa totalmente segura e sen risco de perigos, acoden ó evento a agrupación de voluntarios de Protección Civil que, habitualmente, coloca un posto sanitario na zona da capela.

O acceso para os vehículos está permitido dende Ábedes e dende a rúa San Antón para todos aqueles que desexen asistir a festa.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]