Saltar ao contido

Lenición

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lenición é un conxunto de transformacións que se dan no paso do latín aos romances formada polas mudanzas que sufriron as consoantes duplas (que simplificaron -tt->-t-), as consoantes simples xordas (perden tensión e adoitan sonorizar -t->-d-) e as consoantes simples sonoras (que se debilitaron até desaparecer). Son varias as hipóteses baralladas tanto nas orixes da lenición como a propia cronoloxía.

A explicación (neogramática) clásica afirma que os fenómenos se daban de xeito illado: simplificaron as xeminadas (consoantes duplas), sonorizaron as xordas simples e fricativizáronse as oclusivas sonoras.

Que motiva o cambio

[editar | editar a fonte]

Téñense dado diferentes hipóteses: explicación articulatoria, explicación estruturalista baseándose nun proceso en cadea ou o propio rexeitamento a unha explicación conxunta do proceso lenitivo.

Mais a teoría máis coñecida é a do substrato, principalmente celta. Baséanse en dous argumentos: que o proceso lenitivo tense dado en territorios habitados por celtas e que as linguas celtas desenvolveron unha pronuncia feble (lenis) das consoantes simples intervocálicas. Logo, no período de romanización, os celtas xa coñecían a lenición e tivo que existir un tempo suficiente de bilingüismo que levase a que no latín falado se adoptasen as sonorizacións procedentes do celta.

Agora ben, hoxe en día discútese que a sonorización teña a súa orixe no celta pois pode ser máis remota. Autores como Lloyd cren que o fenómeno xa se daba na fala baixa mais non existía necesidade de representalo. A chamada Teoría da Continuidade Paleolítica de Alinei e Benozzo, está a revisar estas cuestións do substrato celta.

As teorías máis recentes do galego Alexandre Veiga son as que maior aceptación teñen. Posteriormente, dende a óptica da fonética acústica, Martínez Celdrán amosou a súa validez. As teses de Veiga baséanse na tensión articulatoria.