Saltar ao contido

Célula cesta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sección transversal dunha folla (folium) cerebelar con células cesta abaixo á esquerda.

As células cesta son interneuronas inhibitorias GABAérxicas do encéfalo, atopadas en diferentes rexións do córtex cerebral e no cerebelo.[1]

Anatomía e fisioloxía

[editar | editar a fonte]

As células cesta son inteneuronas GABAérxicas multipolares que funcionan establecendo sinapses inhibitorias e controlando os potenciis globais das células diana. En xeral, as dendritas das células cesta ramifícanse libremente, conteñen espiñas lisas e esténdense de 3 a 9 mm. Os axóns están moi ramificados, e acadan de 20 a 50 mm de lonxitude total. Ás arborizacións axonais ramificadas débese o nome desta células, xa que parecen cestas que rodean o soma das células diana.[2] As células cesta forman sinapses axo-somáticas, o que significa que as súas sinapses conectan cos somas doutras células.[3] Ao controlaren o soma doutras neuronas, as células cesta poden controlar directamente a taxa de descarga do potencial de acción das células diana.[4]

As células cesta poden encontrarse en moitas partes do encéfalo, entre outras no córtex, hipocampo, amígdala, ganglios basais e cerebelo.

No córtex, as células cesta teñen axóns escasamente ramificados dos que emerxen pequenas formacións pericelulares con forma de cesta a diversos intervalos ao longo da súa lonxitude. As células cesta constitúen o 5-10 % das neuronas totais no córtex.[5] Hai tres tipos de células cesta no córtex, os tipos pequeno, grande e en niño:[6] O axón da célula cesta peqiena é curto e arborízase aproximadaente no rango dendrítico desa mesma célula. En contraste, as células cesta grandes innervan somas en diferentes columnas corticais debido ao seu longo axón.[5] As células cesta niño son unha forma intermedia entre as pequenas e as grandes, e os seus axóns están confinados principalmente na mesma capa cortical que os seus somas. As células cesta niño teñen "colaterais axonais que irradian" entre as das células cesta grandes e pequenas. Son consideradas células cesta porque son interneuronas que realizan sinapses axo-somáticas.[5]

Hipocampo

[editar | editar a fonte]

As células cesta do hipocampo teñen como diana somas e dendritas proximais de neuronas piramidais. Igual que as súas homónimas do córtex,[7] as células cesta do hipocampo son tamén células que expresan a parvalbumina e teñen picos rápidos de potencial de acción. Na rexión CA3 do hipocampo, as células cesta poden a miúdo formar bucles de inhibición rocorrentes coas células piramidais.[8] As proxeccións enviadas polas células piramidais innervan as células cesta, as cales á súa vez envían proxeccións de volta ás células piramidais orixinais. Como as células cesta son inhibitorias, isto xera un bucle pechado que axuda a suavizar as respostas excitatorias.

Micrografía do córtex cerebelar que mostra células de Purkinje dentro de cestas formadas polos procesos das células cesta. Tinguidura de Bielschowsky.

No cerebelo as células cesta multipolares teñen dendritas ramificadas, que son dilatadas e nodosas. As células cesta fan sinapse en corpos celulares de células de Purkinje e establecen sinapses inhibitorias. Os axóns das células cesta cerebelares liberan neurotransmisores inhibitorios como o GABA nos axóns de células de Purkinje, e inhibe a célula de Purkinje.[9] As células de Purkinje envían mensaxes inhibitorias aos núcleos cerebelares profundos e son responsables da única saída da coordinación motora do córtex cerebelar. Co funcionamento das células cesta, as células de Purkinje non envían a resposta inhibitoria da coordinación motora e ocorre o movemento motor.[10]

  1. Jones, Edward (1984). Cerebral Cortex: Volume 1: Cellular Components of the Cerebral Cortex. Springer. ISBN 978-0-306-41544-9. 
  2. "Stahl's Essential Pharmacology". Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2017. Consultado o 07 de marzo de 2024. 
  3. Jones, EG; Hendry, SHC (1984). "Basket cells". En Peters, A; Jones, EG. Cerebral cortex: cellular components of the cerebral cortex. New York: Plenum Press. pp. 309–34. 
  4. Cobb, S. R.; Buhl, E. H.; Halasy, K.; Paulsen, O.; Somogyi, P. (1995). "Synchronization of neuronal activity in hippocampus by individual GABAergic interneurons". Nature 378 (6552): 75–8. Bibcode:1995Natur.378...75C. PMID 7477292. doi:10.1038/378075a0. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Wang, Y.; Gupta, A; Toledo-Rodriguez, M; Wu, C. Z.; Markram, H (2002). "Anatomical, Physiological, Molecular and Circuit Properties of Nest Basket Cells in the Developing Somatosensory Cortex". Cerebral Cortex 12 (4): 395–410. PMID 11884355. doi:10.1093/cercor/12.4.395. 
  6. Fox, Kevin. Barrel Cortex. Cambridge University Press. pp. 55–6. 
  7. Contreras, Diego (2004). "Electrophysiological classes of neocortical neurons". Neural Networks 17 (5–6): 633–46. PMID 15288889. doi:10.1016/j.neunet.2004.04.003. 
  8. Bryne, John. "Feedback/recurrent inhibition: Feedback inhibition in microcircuits". Neuroscience Online. University of Texas Health Center. Arquivado dende o orixinal o 2013-12-03. Consultado o 2013-07-27. 
  9. Southan, A. P.; Robertson, B (1998). "Patch-clamp recordings from cerebellar basket cell bodies and their presynaptic terminals reveal an asymmetric distribution of voltage-gated potassium channels". The Journal of Neuroscience 18 (3): 948–55. PMID 9437016. 
  10. Tan, Y. P.; Llano, I. (1999). "Modulation by K+channels of action potential-evoked intracellular Ca2+ concentration rises in rat cerebellar basket cell axons". The Journal of Physiology 520: 65–78. PMC 2269558. PMID 10517801. doi:10.1111/j.1469-7793.1999.00065.x. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]