Emilio Cao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Emilio Cao Losada»)
Infotaula de personaEmilio Cao
Biografía
Nacemento1953 Editar o valor em Wikidata (70/71 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico , compositor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galega Editar o valor em Wikidata
InstrumentoArpa Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm3942757 Musicbrainz: 8cbab123-93f8-4169-8c19-03fb3f28ab44 Editar o valor em Wikidata

Emilio Cao Losada, nado en Santiago de Compostela en 1953, é un músico e compositor galego, destacado intérprete de arpa celta, e primeiro recuperador de tal instrumento en Galiza dende a Idade Media.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus inicios como músico están ligados a diversos grupos pop da súa cidade. Participou, entre outros proxectos, nos grupos Brétema e N.H.U. Algo máis tarde traballou como músico acompañante vencellado ao colectivo Voces Ceibes. Foi naquel momento no que comezou a compoñer as súas primeiras cancións.[3]

A mediados dos anos setenta viviu diversas experiencias por toda Europa, levando unha vida a medio camiño entre a emigración e a bohemia. Ao seu regreso, atopou accidentalmente unha arpa nunha tenda de instrumentos de segunda man, instrumento que aprenderá a tocar de xeito autodidacta, e para o que axiña comezará a compoñer música.

A partir do seu primeiro disco Fonte do Araño (1977, deseñado por Xosé Díaz[4]), comezou a relacionarse con outros intérpretes deste instrumento, entre os que destacan a galesa Elsie Thomas de Swansea e o bretón Alan Stivell. Tamén estreitou os seus lazos con músicos portugueses relacionados co movemento dos Cantores de abril.

Na discografía de Emilio Cao destaca un grande interese pola cultura literaria de Galiza. As referencias a coñecidos escritores son evidentes dende o título dalgún dos seus traballos, pero tamén é frecuente que musique poemas dalgúns dos poetas galegos máis importantes, como Rosalía de Castro ou Manuel Antonio (a quen dedicou o traballo Cartas Mariñas). Tamén ten colaborado con autores vivos como Suso de Toro e Anxo Rei Ballesteros.

Unha dimensión máis das relacións entre a súa música e a literatura son os seus múltiples traballos para o teatro galego, compoñendo e tocando a música para representacións de obras de Roberto Vidal Bolaño, Eduardo Alonso, Xulio Lago, ou Suso de Toro, así como o de diversas adaptacións.

Como músico ten colaborado ademais en traballos de diversos artistas como Ruper Ordorika, Fausto, e Maite Dono, que en Corazón de Brief interpreta as súas pezas. Siniestro Total dedicoulle a canción, Emilio Cao (David Watts), da súa primeira maqueta de 1982, pero editado no disco Bailaré sobre tu tumba en 1985. O tema reeditouse no disco ¿Cuándo se come aquí? en 2002.[5]

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Fonte do Araño (1977). Novola. Colaboraron Xoán Piñón (Generación 49, DOA, NHU) na guitarra eléctrica, Antón Seoane (Milladoiro) na zanfona e xilófono, Xosé Ferreiros de Faíscas do Xiabre (gaita e percusión) e Bernardo Martínez de DOA (flauta).[6]
  • Lenda da pedra do destiño (1979). Guimbarda. Colaboran Xoán R. Silvar (flauta, gaita, percusión), Cromlech (percusión, violín e cromorn) e el que se encarga de voz, arpa, guitarra, baixo, teclados, mandolina e zanfona. No tema “Benvidos ás terras do norte”, gravado en Hereford (Chapel Lane Studios) con Paul Cobbold, colaboran Mary Joe Searle, Rob Comley (bodhran) e Tony Jenkins (cromorno).[6]
  • No manto da auga. (1981). Guimbarda. Participaron na gravación Laura e María Quintillán (violíns), Juan Álvarez de Na Lúa (baixo, violoncello e guitarra rítmica), Xoán R. Silvar e Enrique Melio (flauta requinta), Beñat Amorena (percusión), Manuel Míguez (trompa) e Beatriz Gómez, Marta Requejo, Olga Felípez e Nuria Vázquez (coros). De Emilio Cao son arpa, guitarras, baoix, teclados e voz.[6]
  • Amiga Alba e Delgada (1986). Edigal. Boa-Do Fol, 1998, reedición en CD con portada diferente. Textos de Uxío Novoneyra e de Rosalía de Castro. Colaboran John Renbourn da banda inglesa Pentangle (guitarra), coros de Siniestro Total, Fermín Aldaz (violín), Luis Paniagua (sitar, percusión), Begoña Olavide (flauta, percusións) e Luis Delgado (bixjo, percusións, teclado).[6]
  • Cartas Mariñas (1992). Lyricom. Boa-Do Fol, 1998, reedición. Dedicado Manuel Antonio, o poeta do mar, na súa totalidade. Colaboran Manuel Alonso (violín), Xesús Pimentel (guitarra eléctrica), Nando de la Casa (sintetizadores, percusión), Pablo Sampedro (acordeón), Carlos Núñez (flauta), Leilía (voces, percusións), Manolo Barreiro ‘Paparolo’ (asubíos, ocarina) e Juan Alberto Arteche (sitar).[6]
  • Sinbad en Galicia (1996). Boa-Do Fol, 1998, reedición. O libro de Álvaro Cunqueiro Si o Vello Sinbad Volvese ás Illas (Galaxia, 1961) serviulle de inspiración, como tamén Manoel Antonio (S.O.S.). Colaboraron na gravación César Morais (teclados, guitarra), Carlos Castro (percusión), Bixente Martínez (mandolins, guitarra, bozouki), X.L. Rivas "Mini" (zanfona), Susana Varela (coros), X. Silvar (gaita), Segundo Grandío (baixo), Quim Farinha de Berrogüetto (violín) e o Coro S. Novoa Vilagarcía.[6]

Premios[editar | editar a fonte]

  • Galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024, por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido dende a Idade Media, ao que se enfrontou de forma autodidacta.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Virseda, Yolanda (Novembro de 2022). "«Agora non me recoñezo moito como Emilio Cao»". Luzes (109): 72–77. 
  2. Gonçalves, Albertino (2023-07-19). "Emilio Cao: A Voz Galega e a Harpa Celta". Margens (en portugués). Consultado o 2024-05-07. 
  3. "Emilio Cao recibirá o galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024". Pontevedra Viva. 2024-05-07. Consultado o 2024-05-07. 
  4. "Diseño del disco Fonte do Araño de Emilio Cao DIDAC". didac.gal. Consultado o 2024-05-07. 
  5. "Siniestro Total - Emilio Cao (David Watts)". siniestro.com. Consultado o 2024-05-07. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "Emilio Cao - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2024-05-07. 
  7. Sanmartín, Xabier (2024-05-06). "El compostelano Emilio Cao, premio honorífico Martín Códax da Música". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 2024-05-07. 
  8. Salnés, O. (2024-05-06). "Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024". O Salnés. Consultado o 2024-05-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]