Ushuaia é unha cidade arxentina, capital da Provincia de Tierra del Fuego, Antártida e Islas del Atlántico Sur. Foi fundada o 12 de outubro de 1884 por Augusto Lasserre e atópase nas costas do canal Beagle rodeada pola cadea montañosa do Martial, na baía de Ushuaia. Ademais de ser un centro administrativo, é un nodo industrial, portuario e turístico. É a única cidade arxentina que se atopa do outro lado dos Andes,[1] vista desde o resto do país. Tamén é, de acordo á clasificación dos mares da Organización Hidrográfica Internacional,[2] a única cidade arxentina (e porto) con costas e augas pertencentes ao Pacífico, se ben isto non é recoñecido abertamente polo estado arxentino, que formalmente considera o canal Beagle un paso bioceánico, pois doutra forma contradiría tratados limítrofes asinados con Chile.[3]