Enrique Vidal de Bustamante
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de febreiro de 1897 Monterrei, España |
Morte | 17 de febreiro de 1964 (66 anos) Vigo, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | mestre , político |
Lingua | Lingua castelá |
Enrique Vidal de Bustamante, nado en Monterrei o 21 de febreiro de 1897[1] e finado en Vigo o 17 de febreiro de 1964,[2] foi un mestre e político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Irmán de José Vidal de Bustamante. Mestre, fundou e foi profesor da academia Liceo Politécnico de Verín en 1919 e tres anos despois foi director da Academia Verinense. Dirixiu El Eco de Monterrey. En 1925 aprobou as oposicións e foi destinado a Castrelo do Val, onde permaneceu ata 1928. Despois rexentou a escola de nenos de Albarellos. En 1929 pasou á escola número 2 de Bueu e en 1930 á escola do Casal adscrita ao Pósito Marítimo de Moaña. En 1931 foi elixido presidente da Asociación de Mestres de Pontevedra. Nesta época interveu en mitins e accións de proselitismo societario, acompañando a Emiliano Iglesias como militante do Partido Republicano Radical. O 19 de maio de 1931 tivo lugar en Moaña unha homenaxe a catro mestres do concello, Corbacho, Vidal, Taboada e Novás. En xuño de 1931 constituíuse o Centro Republicano Radical de Moaña, sendo elixido como presidente. En 1932 pasou a militar no Partido Republicano Radical Socialista e a finais dese ano foi destinado a Vigo para dar clases de preparatoria no Instituto de Segundo Ensino. Participou na Asemblea que aprobou o texto do Estatuto de autonomía en decembro de 1932, defendendo a cooficialidade da lingua galega.[3] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sufriu expediente de depuración e foi suspendido de emprego e soldo. Foi baixa no posto en 1940. Acolleuse ao decreto de rehabilitación en 1958 cunha sanción de cinco anos de traslado fóra da provincia. Foi destinado á escola de nenos da Notaría (Desteriz, Padrenda). Enfermo, volveu a Vigo onde morreu en febreiro de 1964. Foi soterrado no cemiterio de Pereiró de Vigo o 18 de febreiro de 1964.[4]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Primer escalafón de maestros de escuelas nacionales existentes en 31 de diciembre de 1933. Madrid: Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes. 1934. p. 32.
- ↑ Necrolóxica en El Pueblo Gallego, 18-2-1964, p. 5.
- ↑ El Pueblo Gallego, 20-12-1932, p. 9.
- ↑ El Pueblo Gallego, 19-2-1964, p. 6.