Auxiliar de enfermaría
O auxiliar de enfermaría, tamén denominado técnico en coidados auxiliares de enfermaría, técnico auxiliar de enfermaría, auxiliar de clínica ou enfermeiro auxiliar, é unha segunda categoría de profesional dentro da Enfermaría en España e noutros países.
Os auxiliares de enfermaría son titulados de Formación profesional con 2 cursos académicos de preparación.
Funcións[editar | editar a fonte]
As funcións dos auxiliares de enfermaría, delegadas pola enfermaría e a medicina (baixo prescrición), son os coidados relacionados coa eliminación de residuos, hixiene e alimentación, así como —baixo supervisión— a administración por vía oral e rectal de medicación e a toma de constantes e signos vitais básicos (teñen prohibida a administración de medicación por vía parenteral, así como calquera técnica diagnóstica ou preventiva, as escarificacións ou as puncións.[1])
Xa que forman parte da enfermaría, xeralmente estes profesionais están presentes nos mesmos lugares de traballo que enfermeiros e médicos, complementando o seu labor, xa sexa en hospitais (incluíndo servizos como a Unidade de Coidados Intensivos ou a Administración), en consultorios, en clínicas dentais ou en centros de saúde.
Polo mesmo motivo, están capacitados ao igual que os enfermeiros para realizar funcións asistenciais e administrativas, aínda que non docentes ou investigadoras.[2]
Historia dos auxiliares de enfermaría en España[editar | editar a fonte]
- Nos anos 60 aparecen os primeiros Auxiliares de Clínica, sen ningunha formación académica exixida. Baixo a dependencia funcional e supervisión dos A.T.S. dedícanse a cubrir as necesidades máis básicas dos pacientes.
- No ano 1973 apróbase o Estatuto do Persoal Sanitario non Facultativo da Seguridade Social (Orde do Ministerio de Traballo de 26 de abril de 1973), no que, por primeira vez recóllese legalmente a figura do Auxiliar de Clínica.
- No ano 1975 iníciase a formación profesional do Auxiliar de Clínica coa posta en marcha do Título de Formación Profesional, Rama Sanitaria (FP I).
- No ano 1984 inclúese a exixencia do título de Formación Profesional, Rama Sanitaria (FP II) a todos aqueles traballadores Auxiliares de Clínica que pretendan traballar en institucións sanitarias da Seguridade Social.
- No ano 1986, a Orde de 26 de decembro de 1986 do Ministerio de Sanidade e Consumo crea a categoría profesional do Auxiliar de Enfermaría substituíndo á de Auxiliar de Clínica, producíndose así a plena integración destes nos equipos de enfermaría.
- No ano 1990, a Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) introduce cambios importantes na ensinanza regrada da FP en España. Mediante os Reais decretos 546/1995 e 558/1995 establece o currículo formativo e a nova denominación do título: Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría.
- No ano 2007, o Instituto Nacional de Cualificacións Profesionais, cataloga o Título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría antes Nivel 2, (pertencente aos ciclos formativos de grao medio) como Nivel 3 [3] (pertencente aos ciclos formativos de grao superior) de cualificación profesional, titulación até agora en Contraste Externo, segundo o Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales, Familia Profesional de Sanidade, editado polo Ministerio de Educación e Ciencia.[4]
Especialidades dos auxiliares de enfermaría[editar | editar a fonte]
En España, as especialidades de auxiliar de enfermaría son as seguintes:[5][6]
- Auxiliar de Xeriatría.
- Auxiliar de Odontoloxía.
- Auxiliar de Educación Bucodental.
- Auxiliar de Rehabilitación.
- Auxiliar de Pediatría.
- Auxiliar de Unidades Especiais.
- Auxiliar de Documentación Sanitaria.
- Auxiliar de Balnearios.
- Auxiliar de Enfermaría en departamentos de asuntos sociais de Ministerios, Comunidades Autónomas e Concellos.
- Auxiliar de Enfermaría en Departamentos de Quirófano e Esterilización.
- Auxiliar de Enfermaría en Departamentos de Tocoloxía.
- Auxiliar de Enfermaría en Departamentos de Radio-Electroloxía.
- Auxiliar de Enfermaría en Departamentos de Laboratorio.
- Auxiliar de Enfermaría en Servizos de Admisión.
- Auxiliar de Enfermaría en Departamento de Consultas Externas.
- Auxiliar de Enfermaría en Servizos de Farmacia.
- Auxiliar de Enfermaría en Institucións Sanitarias Abertas (Ambulatorios).
- Auxiliar de Atención Primaria e Comunitaria.
- Auxiliar de Axuda Psicolóxica ao Paciente.
- Auxiliar de Educación Sanitaria.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Artigo 85 do Estatuto de Persoal Sanitario non Facultativo da Seguridade Social.
- ↑ Estatuto do Persoal Sanitario non Facultativo da Seguridade Social, Orde do Ministerio de Traballo de 26 de abril de 1973 (publicado no BOE dos días 28 e 30 de abril de 1973).
- ↑ Nivel 3 de cualificación profesional: Competencia nun conxunto de actividades profesionais que requiren o dominio de diversas técnicas e pode ser executado de forma autónoma. Comporta responsabilidade de coordinación e supervisión de traballo técnico e especializado. Exixe a comprensión dos fundamentos técnicos e científicos das actividades e a avaliación dos factores do proceso e das súas repercusións económicas. (Fonte: Educación y Ciencia de España)
- ↑ Ministerio de Educación y Ciencia de España
- ↑ Título Oficial do Ministerio de Educación e Ciencia de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría.
- ↑ Estatuto do Persoal Sanitario non Facultativo da Seguridade Social.