Arquivo do Museo Provincial de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arquivo do Museo Provincial de Lugo
Tipoarquivo de museo
Data de fundaciónxaneiro de 1934
EnLugo
PaísGalicia
43°00′41″N 7°33′32″O / 43.011447222222, -7.5588777777778
Na rede
http://redemuseisticalugo.org/presentacion.asp?mat=2
editar datos en Wikidata ]

O Arquivo do Museo Provincial de Lugo alberga diferentes fondos que ao longo do tempo foron doados ou depositados na institución. Sitúase no propio edificio do Museo, compartindo estancia cunha biblioteca especializada e na actualidade está corganizado de acordo ás características dos diferentes fondos. Depende directamente da Deputación de Lugo e da Rede Museística Provincial de Lugo[1], que desde 2006 xestiona catro museos da provincia lucense: O Museo Provincial de Lugo, a Fortaleza de San Paio de Narla na Castronela, Xiá (Friol), o Museo Provincial do Mar en San Cibrao (Cervo), e o Pazo de Tor en San Xulián de Tor (Monforte de Lemos).

Historia[editar | editar a fonte]

Creación[editar | editar a fonte]

Co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, a Deputación de Lugo acordou crear no ano 1932 un Museo Provincial. O 10 de xaneiro de 1934, baixo a dirección de Luís López Martí, abríronse ao público as primeiras instalacións do Museo, ocupando a ala sur do Pazo de San Marcos. Desde 1957 o Museo Provincial de Lugo ocupa o antigo convento de San Francisco, próximo ao seu emprazamento anterior, cun proxecto arquitectónico a cargo do arquitecto Manuel Gómez Román.

Desde a súa posta en funcionamento, o Museo tivo un carácter multidisciplinar albergando distintas e variadas coleccións que se agrupan en 3 seccións: Etnografía e Artes Decorativas, Belas Artes, e Arqueoloxía e Historia. A Biblioteca e o Arquivo forman parte do Museo desde xaneiro de 1934, pero xa desde a creación da institución en 1932 recibíronse fondos que suporán o xermolo da colección arquivística. Os primeiros documentos rexistrados foron a Cédula Real expedida el 17 de diciembre de 1754 a favor del Cabildo de la Catedral de Lugo[2]​ e o Privilegio del Consejo de la Ciudad de Lugo, de alcabalas y sellos, dado en Valladolid en 20 de agosto de 1536.

A partir deste momento, ata os nosos días, no Arquivo continua ingresando documentación en forma de depósito ou doazón procedentes tanto de institucións públicas como privadas e gozan dun alto valor para o estudo da historia local e provincial de Lugo.[3][4][5]

A pesar de contar sempre cun espazo propio, no Arquivo e Biblioteca as condicións de conservación non puideron ser en todo momento as máis axeitadas. En 1991, procedeuse ao seu traslado, desde o lugar que ocupaban na entrada do Museo, para instalarse nas actuais dependencias, no interior do museo, na zona próxima á sala dos Mosaicos. En 2015, volveu efectuarse un novo cambio de localización das unidades documentais do Arquivo, que pasaron a ocupar os andeis situados ao fondo do depósito da Biblioteca, buscando conseguir así un maior control da temperatura e, sobre todo, da intensidade lumínica.

No ano 2015, iniciarase tamén a automatización do Arquivo a través dun programa de bolsas da propia Rede Museística Provincial. Neste labor intervén o beneficiario da Bolsa de Arquivos durante ese ano, Ángel Arcay Barral, baixo a supervisión da responsable da Biblioteca, Mercedes Salvador, e a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro. Con esta finalidade, implementarase o software libre ICA-AtoM[6][7] que estivo en funcionamento ata o ano 2020.

En outubro de 2020, instalouse unha nova versión do software AtoM e quedou anulado o programa anterior por mor das súas limitacións pois, unicamente, era utilizado de xeito interno polo persoal do Arquivo. Tamén se intentou que fose posible acceder aos fondos documentais do Arquivo a través de internet e dunha páxina web propia e, desde entón, desenvolveuse unha nova interface máis accesible.

O 20 de xaneiro de 2022, faise pública a nova dirección web[8] cuxa finalidade é que calquera persoa externa puidese ter acceso aos fondos arquivísticos, así como ofrecer un cadro de clasificación completamente modernizado e organizado e melloráronse as condicións de conservación e accesibilidade e se reorganizaron os seus fondos dunha forma continuada.

Tamén se viu incrementada a base documental grazas a novas doazóns, como a de José Antonio Cobreros Aranguren que incluía 11 cartafoles de documentación, 3 libros manuscritos máis outros 3 impresos: o Catálogo General da Exposición Regional de Lugo, de 1896, Juegos florales. Certamen literario de la Exposición Regional de Lugo, tamén de 1896 e mailo Libro de la Coronación de Nuestra Señora la Virgen de los Ojos Grandes, de 1904.[9][10]

Cadro de clasificación dos fondos documentais[editar | editar a fonte]

A clasificación realizada en 2015[6] foi actualizada por unha agrupación organizada da documentación de acordo ás seguintes divisións.[11]

1. Fondo documental público

1.1. Administrativo

1.2. Protocolos notariais

1.3. Porcones ou alegacións

1.4. Apeos do Conde de Altamira

2. Agrupación de Fondos documentais privados

2.1.Agrupación de fondos documentais familiares (F)

1. Casa de Alba 7. Coto de Neira 13. Casa de Outeiro
2. Conde de Santiago 8. Fortaleza de San Paio 14. Casa Da Horta
3. Familia Pardo Vila 9. Sta. Mª Cedofeita 15. Marquesado de Hombreiro
4. Casa de la Barrera 10. Familia Berbetoros 16. Casa de Castroagude
5. Familia Barrio Alvarado 11. Pazo Torre de Cumbraos 17. Casa Pacio de Tuiriz
6. Casa Goián 12. Casa Miranda 18. Vilouzan

2. 2. Agrupación de fondos documentais personais (P)

1. José Mª Coira Sanjurjo 6. Amor Meilán 11. Gonzalo Gayoso Carreira
2. Vicente Latorre Ventura 7. Purificación Pardo 12. Trapero Pardo
3. Melencio López Castro de Amo 8. Amando Losada 13. José Antonio Cobreros Aranguren
4. Conde Pallares 9. Celia Moreira
5. Jesús Noya 10. M. Gómez Román

2.3. Agrupación de fondos documentais relixiosos (R)

2.4. Agrupación de fondos documentais militares (M)

2.5. Agrupación de fondos documentais de empresa (E)

2.6. Documentos soltos (DS)

3. Coleccións

3.1. Documentos textuais

3.2. Documentos figurativos: mapas, planos, selos, debuxos

3.3. Documentos audiovisuais: fotografías, postais

Edificio[editar | editar a fonte]

O continuo incremento de fondos museísticos xera un problema de espazo, que obriga a trasladar ao Museo dende o Pazo de San Marcos ao antigo convento de San Francisco. Deste edificio, declarado Tesouro Artístico Nacional en 1931, conserváronse tres dependencias (cociña, claustro e refectorio) que, unidas á creación de amplas salas expositivas, permiten realizar o traslado do Museo Provincial en 1957. Tras deixar sen efecto unha convocatoria de 1949 para a reforma do antigo cenobio, a Corporación Provincial acordou aprobar en 1950 un proxecto presentado polo defunto Miguel Durán Loriga, encargándolle a Manuel Gómez Román a tarefa de ultimar devandito proxecto. Gómez Román, aínda sendo enormemente respectuoso co traballo do seu colega, presentará unha reforma radical na concepción das fachadas que será aprobada pola Corporación Provincial en xaneiro de 1951. Ademais dos cambios na organización de salas, dos que o máis significativo foi o realizado entre 1986 e 1991 aproveitando a necesidade de acondicionamento do edificio, dende a súa inauguración até a actualidade o Museo ampliarase até en dúas ocasións, a primeira en 1963 baixo proxecto de Gómez Román e a segunda en 1997, cunha ambiciosa ampliación arquitectónica debida ao considerable aumento de fondos, realizada por Antonio González Trigo. O Arquivo forma parte deste edificio e comparte estancia coa Biblioteca especializada, cuxa responsable na actualidade é Blanca Pacín.

Acceso ao Arquivo do Museo Provincial de Lugo[editar | editar a fonte]

O Arquivo abre de luns a venres en horario de 09:00 a 14:30. Os seus fondos poden ser consultados sen restricións, agás o que poida supoñer un problema de conservación. A consulta dos orixinais ha de ser na sala, salvo de exisitiren en formato dixital que poderán visuaizarse a través do sitio do Arquivo dixital hospedado dentro da web da Rede Museística Provicnial de Lugo.

As condicións de reprodución das copias dos orixinais en soporte dixital, fotocopia... seguirán o establecido no art. 24 da Lei 7/2014, de 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, 7 de outubro de 2014, DOG núm. 191, e no art. 129 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, 16 de maio de 2016, DOG núm. 9, tanto no seu procedemento como nas súas limitacións.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Rede Museística Provincial de Lugo". Consultado o 27/05/2024. 
  2. Fernández García, María Begoña (2019). "Real Cédula de Su Majestad en favor del Cabildo de la Santa Iglesia de Lugo, Año 1754". Lucensia 30 (59): 165–172. ISSN 1130-6831. 
  3. Rodríguez Palmeiro, Iago (2012). Pérez Álvarez, María José; Martín García, Alfredo, eds. "La vida cotidiana de la fidalguía gallega en el interior de la provincia de Lugo. Las casas de Virigo (Navia de Suarna), Hermida y Moreiras (Quiroga). Siglos XVIII y XIX" (PDF). CAMPO y campesinos en la España Moderna. Culturas políticas en el mundo hispáno (Multimedia) (León: Fundación Española de Historia Moderna). 
  4. Varela de Vega, Juan Bautista (1995/1996). "Obras manuscritas de Juan Montes en el Museo Provincial de Lugo, procedentes del archivo de Vicente Latorre" (PDF). Boletín do Museo Provincial de Lugo (VII (1)): 229–250. ISSN 0212-8438. 
  5. Reboredo Pazos, Julio (2006/2007/2008). "La Exposición del Arcediano (Un singular documento del Archivo del Museo Provincial de Lugo)" (PDF). Boletín do Museo Provincial de Lugo (XII): 287–307. ISSN 0212-8438. 
  6. 6,0 6,1 Arcay Barral, Ángel (2015). "Patrimonio & Información: Las experiencias del Archivo del Museo Provincial de Lugo". Actas Jornadas Archivando: 161–175. 
  7. Arcay Barral, Ángel (2015). "O uso de Software Libre na Rede Museística Provincial de Lugo: A creación do arquivo dixital do Museo Provincial de Lugo con ICA-AtoM". Labirinto Dixital - Actas do IV Congreso de Software Libre da Institución Galega de Ciencia. 
  8. "Rede Museísctica Provincial de Lugo". arquivo.redemuseisticalugo.org. Consultado o 28 de maio de 2024. 
  9. Otero Piñeyro Maseda, Pablo (29/07/22). "Doazón do arquivo familiar de don José Antonio Cobreros Aranguren". Consultado o 27/05/24. 
  10. Marquina, Cristina (06/07/2022). "El Museo Provincial suma el archivo de la Casa de la Barrera". El Progreso. Consultado o 27/05/24. 
  11. "Agrupación de Fondos Documentais do Museo Provincial de Lugo - Museo Provincial de Lugo". arquivo.redemuseisticalugo.org. Consultado o 2024-05-27. 
  12. "Día Internacional dos Arquivos 2023". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]