Vicente Díaz Veiga
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1899 (124/125 anos) Valdoviño, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista , político |
Lingua | Lingua castelá |
Vicente Díaz Veiga, coñecido como Carro de Lídia, nado en Valdoviño en decembro de 1899, foi un xornalista, escritor e político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Emigrante en Cuba, retornou a Galicia coa República. Organizador agrario da zona de Valdoviño, afiliado á CNT, colaborou en Solidaridad Obrera, Brazo y Cerebro e Solidaridad, impulsou Orientación e dirixiu Germinal. Foi xulgado por inxurias graves a Camilo Estripot Tenreiro en decembro de 1932,[1] e condenado a tres anos, seis meses e vinte e un días de desterro a setenta e cinco quilómetros de Valdoviño. En outubro de 1934 foi novamente denunciado polo avogado Camilo Estripot pola publiación dun artigo en El Obrero e foi desterrado á Coruña.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido na Coruña o 5 de agosto de 1936, e tres días despois foi posto en liberdade. Por ser obxecto de vixilancia escapou a Valdoviño onde estivo agochado. O xuíz militar publicou unha requisitoria en xaneiro de 1937. Agachado en Valdoviño, na cova de Ponte Prados, entre as praias de Valdoviño e Pantín,[2] foi detido pola Garda Civil e internado no cárcere de Ferrol o 7 de xuño de 1937. Foi xulgado en Ferrol por rebelión militar, sendo condenado a pena de morte (Causa 805/1937). Conmutaron a sentenza por cadea perpetua. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en decembro de 1940.[3] Cumpriu condena na Prisión Central de Burgos de onde saíu en liberdade condicional en marzo de 1944.[4] Ao saír da prisión actuou como enlace da guerrilla en contacto con militantes da ANFD. Denunciado polo infiltrado Pablo Alejo Mora foi detido a finais de 1947 e xulgado por auxilio á guerrilla en outubro de 1948 (Causa 40/1948).[5][6] Foi condenado a catro anos de prisión menor. Cumpriu condena na Colonia Penitenciaria del Dueso (Santoña), de onde saíu en liberdade provisional en setembro de 1953.[7] Volveu a Valdoviño e traballou como perito agrícola.
Escribiu na República La pantalla del cristianismo e Los nuevos regadíos, e despois de saír do cárcere La crucifixión del labrego (1966).
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
O concello de Valdoviño púxolle o seu nome a unha rúa do Penso en 2018.[8]
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con Amalia Díaz Lago.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ La Voz de Galicia, 29-11-1932, p. 5.
- ↑ Cadernos de 2016
- ↑ BOE, 5-12-1940, p. 5570.
- ↑ BOE, 25-3-1944, p. 246O.
- ↑ La Noche, 21-10-1948, p. 2.
- ↑ La Voz de Galicia, 22-10-1948, p. 2.
- ↑ BOE, 13-11-1953, p. 6718.
- ↑ Acta sesión ordinaria do pleno da Corporación do Concello de Valdoviño, celebrada en data dezaseis de marzo de dous mil dezaoito.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio (2004). O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela: Positivas. pp. 90–91. ISBN 84-87783-79-1.