Unha puta percorre Europa
Unha puta percorre Europa | |
---|---|
Autor/a | Alberto Lema |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Colección | Illa Nova (número 9) |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Galaxia |
Data de pub. | abril de 2008 |
Formato | rústica con lapelas |
Páxinas | 124 |
ISBN | 978-84-9865-089-1 |
Seguido por | Sidecar |
[ editar datos en Wikidata ] |
Unha puta percorre Europa é unha novela de Alberto Lema, publicada por Editorial Galaxia en abril de 2008. Está adicado a Chus Pato, e comeza cunha cita de Donna Haraway.
Trama[editar | editar a fonte]
Ada e Luz son unha parella de mozas que viven en Santiago de Compostela. Son feministas, e deciden actuar contra a prostitución matando a homes que recorren a ela. Facéndose pasar por putas, concertan citas con homes aos que acaban disparando para chamar a atención respecto a este problema social.
Primeiro Luz mata ao construtor Santiago Proupín no dormitorio dun motel. Despois Ada mata a Fernando López no seu coche, aparcado nunha pista. As dúas deixan xunto aos mortos unha tarxeta co texto PUTAS ASASINAS.
O inspector da policía Andrés Pereira comeza a investigar, pero a parella de mozas decide actuar de novo, ante a pouca repercusión nos medios dos feitos. Ada queda con Pedro, un estudante virxe de 22 anos, pero non o mata. Luz queda con César Quintela, un estudante de 28 anos, e mátao no piso del, logo de discutiren sobre feminismo a raíz do libro O segundo sexo de Simone de Beauvoir.
A web www.killerbitches.com espalla o movemento por todo o mundo. O manifesto que redactaran Luz e Ada convértese no texto en lingua galega máis traducido, e mozas de diversos países comezan a matar xente. Ao tempo, os medios de comunicación comezan a facerse eco do grupo Putas Asasinas.
Os políticos e as forzas de seguridade coordínanse para que non se desate alarma social. O conselleiro de Interior da Xunta, un home socialista e cristián, nomea como encargada do asunto á Directora Xeral Diana Freire.
Diana Freire comeza unha relación co inspector Andrés Pereira, e amais é amiga de Marta Monteagudo, o que lle serve para coordinar a investigación policial procurando o perfil psicolóxico das rapazas: posiblemente de entre 20 e 30 anos, estudantes de Filosofía, Historia ou Filoloxía. Nun debate televisivo participan Marta Monteagudo (doutora en Filosofía e especialista en feminismo), Henrique López (político), María Estévez (xornalista) e Estevo Pillado (sociólogo).
César, o rapaz asasinado, é fillo do narcotraficante Leonardo Quintela, que move os seus fíos para atopar as rapazas. Conta coa axuda dun policía corrupto (Pepe Touceda), e mais do seu outro fillo (Xermán) e un amigo deste (Piru). Os dous rapaces secuestran a Mireia García e violan e asasinan a Antía González.
Asustado por esta morte, Pereira vai falar co narcotraficante, e descobre quen fora o policía corrupto. Xunto a este, téndenlle unha trampa a Piru e Xermán, deténdoos. Ao tempo, outros axentes chegan ao piso de Ada e Luz. Luz falece nun tiroteo e Ada é detida.
O último capítulo é unha analepse. Antes de comezar a trama, Ada e Luz aventuran como sairá o asunto.
Narración[editar | editar a fonte]
A novela está estruturada en 44 capítulos, alternando a acción e os personaxes. Está ambientada en Santiago de Compostela e arredores (polígono do Tambre, estrada N-550 a Padrón...). Boa parte da acción discorre no piso que comparten Ada e Luz, na zona vella. Outras zonas que aparecen na trama son o barrio de Basquiños e o de Fontiñas.
Está ambientada pouco antes da súa publicación. O feito de que o conselleiro de Interior sexa socialista, e de que se mencione que a acción é pouco antes de levar tres anos de goberno, podería indicar que se refire ao 2008, tres anos despois da elección de Touriño como presidente da Xunta.
Traducións[editar | editar a fonte]
- Ao castelán por Iris Cochón[1] co título de Una puta recorre Europa publicado en 2009 por Caballo de Troya (Random House Mondadori) [2].
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Ficha na web da editorial.