Saltar ao contido

Torque (colar)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un torque é un colar ríxido de metal semicircular. Foi moi frecuente en Europa central e na Europa atlántica, tamén en Galicia, sendo empregado principalmente polos pobos celtas. Na Galicia da Idade de Ferro foi un tradicional elemento de distinción social entre os galaicos, presentando gran similitude cos doutras áreas de Europa occidental ou central.

Ao longo de toda Europa, existe unha variada tipoloxía: macizos, ocos, con remates (periña, escocia, tronco de cono, campánula, cabeza de cravo...), con decoración, de ouro ou doutros metais. Da súa existencia despréndese unha importante xerarquización social e unha especialización artesá salientable.

Torques en Galicia[editar | editar a fonte]

Ourivería galaica no Museo das Mariñas, colección Rafael Seoane. # Torque de ouro, tipo ásturnorgalaico. # Torque de ouro, tipo nordorientalgalaico. # Torque de prata, Sobrado dos Monxes. # Brazalete de prata, Sobrado dos Monxes. # Brazalete de ouro, Astorga. # Brazalete de prata, Sobrado dos Monxes. # Aros de ouro, castrexos?

Na distribución dos torques de ouro na Europa atlántica, e máis en concreto na Península Ibérica, apréciase unha concentración destacadísima nas actuais Galicia e norte de Portugal. Derivan dunha metalurxia moi antiga con importantes mostras xa na idade de Bronce (tesouro de Caldas de Reis). Factores explicativos son a abundancia de ouro e estaño nesta área, os contactos coa Europa atlántica, e a influencia meridional nos granulados e as filigranas. En concreto, nos torques galaicos aprécianse influencias da cultura de Hallstatt e La Tène -sen que isto implique migracións masivas de poboacións para explicar a súa divulgación- que amosan como na Europa atlántica existiu unha circulación artística propia envolvente.

En Galicia a tradicional interpretación do torque como ornato propio das clases dirixentes das sociedades célticas, chegou a poñerse en cuestión por algúns arqueólogos galegos da década dos 90, porén recentes estudos de carácter comparativo dos datos arqueolóxicos, epigráficos e lingüísticos parecen retomar a inicial interpretación de achegamento artístico-étnico entre as comunidades da antiga Gallaecia e da Galia ou Britania entre outras.

No territorio da antiga Gallaecia o número de torques atopados supera o centenar. Os torques galaicos e ástur-occidentais[Cómpre referencia] presentan peculiaridades con respecto aos do resto da Península Ibérica; coinciden cos centroeuropeos e británicos nos grandes remates ou topes, así como no emprego de ouro, fronte á prata e máis o bronce común nos torques dos celtiberos, o que se ten interpretado como unha influencia centroeuropea.[1]

Exemplos de importantes torques galaicos son o torque de Burela e os de Xanceda.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cf. Castro Pérez 1990: 149.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro Pérez, Ladislao (1990) Os Torques Prehistóricos. Santiago de Compostela: USC. ISBN 84-7191-695-9

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre Arqueoloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.