Radio Pontevedra
Radio Pontevedra | |
---|---|
Tipo | Emisora de radio |
Área de operación | Pontevedra, O Salnés |
Data de fundación | 1933 |
Fundador(es) | Enrique, Evaristo e Vicente Vázquez Lescaille |
Organización relacionada | Radio Arousa |
Sede | Pontevedra |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Radio Pontevedra, tamén denominada Radio Pontevedra-Cadena Ser, é unha emisora de radio de Pontevedra con concesión dende 1932 e ten o indicativo EAJ 40. A estación está asociada á SER da que retransmite boa parte da programación canda as producións propias.
Historia[editar | editar a fonte]
En 1932 foille concedida a licenza necesaria para unha emisora a Enrique Vázquez Lescaille, promotor da emisora canda os seus irmáns Evaristo e Vicente. As primeiras emisións deberon facerse a principios do ano 1933 paralelos aos de Radio Galicia dende Santiago de Compostela. Aínda que ambas as dúas reivindican ser as pioneiras da radio en Galicia e de que hai testemuños orais de que as emisións en proba puideron ser anteriores no caso pontevedrés, non existe documentación que o certifique polo que Radio Galicia é considerada a decana.[1]
Os irmáns Vázquez Lescaille instalaron os primeiros estudios de Radio Pontevedra nun alpendre tras o comercio que tiñan na rúa Peregrina, e no que vendían receptores de radio dende 1929. As emisións regulares de Radio Pontevedra comezaron o 24 de xaneiro de 1934 de 13.30 a 15 horas cun programa musical que comezaba co Cuarteto en re, opus 11(Andante Cantabile) de Petr Ilich Chaikovskii e que pechou A volta da festa dos Gaiteiros de Soutelo. Nos primeiros anos da emisora destacou o radio teatro do xoves á noite, en cuxa adaptación de La vida es sueño de Calderón de la Barca participaría a actriz Josefina Blanco, viúva de Ramón María del Valle-Inclán.
No 1942 os irmáns Vázquez Lescaille venderon Radio Pontevedra a José Hermida Vidal, quen potenciou a emisora e a asociou á SER no ano 1953.[2] Radio Pontevedra pertence dende entón á familia Hermida e o seu actual director é Jorge Juan Hermida Aldao.
Ao longo da traxectoria de Radio Pontevedra diferentes profesionais destacaron na emisora: Balbino de las Fuentes Mora, María Elena Alonso, Meli Fandiño, Xosé Luis Portela ou Eugenio Giráldez, director de informativos dende 1981 a 2012.
Frecuencias[editar | editar a fonte]
Na actualidade, Radio Pontevedra lidera un grupo que explota diferentes radios de Prisa Radio:
- Radio Pontevedra-SER: 1116 da OM 98.7 da FM e 99.7 FM (Meis)
- Radio Arosa-SER: 95.6 da FM
- Cadena Dial-Pontevedra: 91.4 da FM
- LOS40 Pontevedra: 89.1 da FM
- LOS40 Classics: 105.1 da FM
- LOS40 Dance: 92.7 da FM
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Blanco Campaña, Xosé Luis (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 152–154. ISBN 84-89947-73-2.
- ↑ Otero Llovo, Javier (2005-07-03). "José Hermida, presidente de Radio Pontevedra". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-04-15.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
Blanco Campaña, X. L. (1999). Historia da radio en Galicia. Edicións Lea. pp. 173–175 e 426–427. ISBN 84-89947-73-2.