Saltar ao contido

Portal:Pobos indíxenas de América/Artigo destacado/9

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os muiscas son un pobo chibcha que formou a confederación muisca das terras dos Andes centrais na Cordilleira Oriental da actual Colombia, máis concretamente no Altiplano cundiboyacense. No presente, a poboación muisca case desapareceu, mais aínda pervive nalgúns concellos e distritos como Cota, Chía, Tenjo, Suba, Engativá, Tocancipá, Gachancipá e Ubaté. Segundo o censo de 2005 feito polo Ministerio de Interior, 14 051 muiscas viven en Colombia.

Como unha das catro civilizacións avanzadas de América (alén dos aztecas, os maias e os incas), entraron en contacto co Imperio español en 1537, no intre da conquista. Os subgrupos nos que se dividían os muisca foron identificados en función das alianzas arredor de tres grandes gobernantes: o zaque, con capital en Hunza, que gobernaba un territorio que abranguía as zonas sur e nordeste da actual Boyacá e o sur de Santander; o zipa, con capital en Bacatá, que gobernaba sobre Cundinamarca, o oeste dos Llanos e o nordeste de Tolima; e o Iraca, gobernador de Suamox, o nordeste de Boyacá e o suroeste de Santander. O territorio dos muiscas abranguía unha área de 47 000 km2 - unha rexión un chisco meirande que Suíza - dende o norte de Boyacá até o Páramo de Sumapaz, e dende a Cordilleira Oriental até o Val de Magdalena. Tiñan fronteira cos territorios dos panches e os pijaos.

No tempo da conquista, a área tiña unha importante poboación, e malia que o número preciso de habitantes é descoñecido, estímase que roldaba entre o medio millón e os tres millóns de habitantes. Os muiscas falaban o muysccubun, un dialecto do chibcha, tamén chamado muysca e mosca. A súa economía estaba baseada na agricultura, na minaría do sal, a metalurxia e manufactura.