María Nsué Angüe
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1945 Ebebiyín (España) |
Morte | 18 de xaneiro de 2017 (71/72 anos) Malabo, Guinea Ecuatorial |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Guinea Ecuatorial |
Grupo étnico | Pobo fang |
Actividade | |
Ocupación | novelista , política , poetisa , xornalista |
Membro de | Real Academia Española (2015–) |
Lingua | Lingua castelá |
María Nsué Angüe, nada en Ebebiyín (Río Muni, Guinea Española) en 1945 e finada en Malabo o 18 de xaneiro de 2017, foi unha escritora e xornalista ecuatoguineana. En 2015 foi nomeada académica correspondente en Guinea Ecuatorial da RAE. Con frecuencia tratou na súa obra a opresión das mulleres. Foi especialmente coñecida por Ekomo, a primeira novela publicada por unha muller ecuatoguineana.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Nada nunha familia da etnia fang, emigrou cos pais a España con dez anos.[1] Alí realizou os seus estudos e iniciou a súa carreira literaria.
Regresou ao seu país en 1972. Alí estabeleceu a súa residencia e traballou no Ministerio de Información, Prensa e Radio. Ademais, alcanzou fama internacional como escritora, sobre todo en Europa e América Latina.
A súa obra máis importante é Ekomo, a primeira novela publicada por unha muller ecuatoguineana. Narra a historia dunha muller fang que, tras morrer o seu home, atrévese a romper con certos tabús da sociedade africana. A novela publicouse por primeira vez en 1985, e a editorial Sisal publicou unha segunda edición revisada en 2007. Ekomo gañou popularidade entre os estudosos e académicos pola súa escritura coidada e poética.
Angüe escribiu tamén relatos curtos, artigos e poemas, e deixou manuscritos inéditos. A opresión das mulleres e a sociedade africana poscolonial son temas frecuentes na súa obra. Parte dela está inspirada na literatura popular fang.
O 25 de xuño de 2015 a Real Academia Española nomeouna académica correspondente en Guinea Ecuatorial.
Finou o 18 de xaneiro de 2017 en Malabo aos 72 anos.[2]
Obras[editar | editar a fonte]
- Ekomo, Madrid, UNED, 1985. ISBN 84-362-1974-0
- Delirios, Malabo, Centro Cultural Hispano-Guineano, 1991.
- Cuentos de la Vieja Noa, Malabo, Centro Cultural Hispano-Guineano, 1999.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Hubert Edzodzomo. Les représentations de la femme dans 'Ekomo' (1985) de Maria Nsue Angüe et 'Hija de la Fortuna' (1998) de Isabel Allende, Université François-Rabelais, Tours, 2013
- Anna Mester. Rethinking Ekomo by María Nsue Angüe: an Equatoguinean challenge to Spanishness
- Marina Ondo. Femme, diversité culturelle et développement linguistique en Guinée Équatoriale à travers Ekomo de Maria Nsue Angüe, en: La Revue des ressources, 12 de novembro de 2010