Illa do Congreso
Coordenadas: 35°10′43″N 2°26′28″O / 35.17861, -2.44111
Illa do Congreso | |
---|---|
Vista da Illa do Congreso desde o Cabo de Auga | |
Situación | |
País | España |
Arquipélago | Illas Chafarinas |
Mar | Mediterráneo |
Xeografía | |
Superficie | 0,256 km² |
Punto máis alto | 137 m |
Distancia a terra | 4 km (da costa de Marrocos) |
Demografía | |
Poboación | Deshabitada |
A Illa do Congreso é unha das tres illas que forman o pequeno arquipélago das illas Chafarinas, situado ao norte do continente africano e que constitúen unha das prazas de soberanía españolas.
Características[editar | editar a fonte]
É a illa máis escarpada e con maior superficie do grupo insular e serviu historicamente de presidio.[1] Malia ser posesión española, o seu espazo marítimo está considerado augas interiores marroquís do mesmo xeito que o espazo das outras prazas de soberanía españolas e o das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.[1]
Antigamente estivo unida á veciña illa do Rei mediante un peirao artificial, destruído polos temporais.[2] Actualmente está deshabitada e posúe coellos e unha importante colonia de pombas salvaxes que, alimentándose no continente, nidifican na illa.
O territorio ten moi difícil acceso. A súa costa occidental está formada por acantilados moi verticais, mentres que a oriental, aínda que escarpada, é máis accesible. A súa morfoloxía é rochosa, sendo case inexistente a terra vexetal. Dispón dunha cova no seu extremo meridional que permite a entrada en barca. A illa está formada fundamentalmente por dous tipos de rochas: andesitas piroxénicas con hyperssante na súa base e traquiandesitas nas súas zonas máis altas.[3]
Interese arqueolóxico[editar | editar a fonte]
Ademais do ambiental, o seu maior interese é o arqueolóxico, pois alberga o asentamento ou poboado ao aire libre El Zafrín, de tipo neolítico cardial do V milenio a.C., que está sendo investigado desde o ano 2000 polo Instituto de Cultura Mediterránea.[4] Son destacables as coleccións de cerámica obtidas nas escavacións e que forman parte das coleccións do Museo da Cidade Autónoma de Melilla.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Atmane, Tarik (2007). España y Marruecos frente al derecho del mar. Netbiblio. p. 128. ISBN 978-84-97452588.
- ↑ Altamira Ramos, Álvaro. Diario de un general. Visión Libros. pp. 25–28. ISBN 97884-99839868.
- ↑ VVAA. Boletín del Instituto Geológico de España. Vol. 42. pp. 233–238.
- ↑ Bravo Nieto, Antonio; Bellver Garrido, Juan Antonio (2003). Revista Akros n.º 2. Una estación neolítica al aire libre en las Islas Chafarinas, El Zafrín: Primera datación radiocarbónica. pp. 79–86. ISSN 1579-0959.